fbpx
O dictador Francisco Franco nun cadro

Denuncian que a Fundación Francisco Franco reciba cartos públicos para exaltar aos golpistas

Tempo de lectura: 2 min.

En Marea rexistrou este martes e presentou nunha rolda de prensa na Coruña unha batería de iniciativas para coñecer e denunciar as actividades presuntamente ilícitas da Fundación Franco.

Os deputados Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino rexistraron unha solicitude de información ao Goberno para coñecer as cuantías públicas percibidas pola Fundación Francisco Franco desde a súa constitución, desglosadas por exercicios fiscais e con indicación concreto das datas, o concepto e as cuantías.

Ademais, os deputados de En Marea presentaron unha Proposición Non de Lei para solicitar a investigación por parte do Protectorado de Fundacións das actividades “presuntamente ilícitas” realizadas pola Fundación Francisco Franco, para o seu debate no Pleno e nas Comisións de Xustiza e Interior.

Coñecer as actividades desta fundación

En Marea considera que o Congreso dos Deputados debe instar ao Goberno a que dicte as instrucións pertinentes para que se abra unha investigación sobre o funcionamento desta Fundación “dada a constatada existencia de indicios racionais de ilicitude penal na súa actividade”, así como “dictar unha resolución motivada, dando traslado de toda la documentación ao Ministerio Fiscal ou ao órgano xurisdicional competente”.

De feito, como destacou en rolda de prensa o deputado Antón Gómez-Reino, “é inverosímil que siga a existir a Fundación Francisco Franco, como o sería que existise unha Fundación Adolf Hitler en Alemaña”.

Gómez-Reino salientou que “o máis sorprendente é que esta Fundación Francisco Franco cuestione decisións democráticas adoptadas nos gobernos municipais, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, cando ademáis seguen a percibir axudas económicas estatais”. A este respecto, hai que lembrar que esta Fundación vén de remitir unha carta a 355 alcaldes na que ofrece asesoramento e asistencia legal para que non teñan que aplicar a Lei de Memoria Histórica que lles obriga a retirar os símbolos franquistas das rúas e dos edificios públicos.

En Marea pídelle ao Goberno que “impugne” todos aqueles actos e acordos do Patronato que sexan contrarios aos preceptos legais ou estatutarios polos que se rixe a fundación, en particular o envío de cartas ofrecendo asesoramento legal a aqueles concellos que se negan a cumprir a Lei de memoria histórica e solicite da autoridad xudicial que acorde a intervención temporal da fundación.

A iniciativa de En Marea tamén insta ao Goberno a que exercite a correspondente acción de responsabilidade dos patronos pola realización de actos contrarios á Lei ou aos Estatutos, instando o seu cese inmediato.

Pode que che interese...