Escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego, obra de Domingo de Andrade / Consorcio de Santiago

A gran escaleira barroca de Galicia recupera o seu esplendor

Tempo de lectura: 2 min.

A emblemática escaleira barroca helicoidal do Museo do Pobo Galego volve lucir sen humidades tras rematarse a actuación levada a cabo nos seus tres corpos deseñados por Domingo de Andrade tras unha reforma na que o Consorcio de Santiago investiu 44.165 euros.

A coordinadora deste arranxo e arquitecta do Consorcio, Idoia Camiruaga, sinala que se “producían filtracións de auga da chuvia ao interior procedentes do encontro dos seus muros coa cuberta e das propias xuntas do cachote”. Deste modo, recebáronse os muros que conforman o buque da escaleira, tanto polas superficies interiores como, especialmente, polo exterior.

No interior da torre, o revestimento estaba en xeral en bo estado, pero con aparición de humidades a medida que se ascendía, co desprendemento da revocadura interior. Por tal motivo, elimináronse as revocaduras nas partes que foi necesario, especialmente na parte alta do buque de escaleira, cun saneamento da zona. Tamén se realizou un pintado final con pintura mineral que permite o paso do vapor de auga.

Vista de parte da escaleira de Domingo de Andrade no Museo do Pobo Galego / Consorcio de Santiago

Limpeza da fachada

Nesta actuación tamén se realizou unha actuación para protexer as monteas -trazas que servían para guiar aos canteros á hora do talle en cada pedra- que se atopa no pavimento, no comezo da escaleira, que son únicas en Galicia.

Sobre este extremo, Camiruaga chama a atención sobre que se non se actúa para protexer estas monteas desaparecerán polo tránsito de visitantes. Por iso, instalouse unha plataforma elevada que evitará danos e que estas trazas sexan observadas polos transeúntes sen ser pisadas. Así mesmo, no exterior aínda que o estado da pedra é bo, existía unha colonización de plantas, de forma que se limpou a fachada.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: