fbpx
Excavacións na Lanzada / Youtube- Os restos do Pasado

A Lanzada, o segredo do gran cemiterio romano e suevo

Tempo de lectura: 2 min.

Os restos dos bebés atopados nas escavacións que a Deputación de Pontevedra realiza na Lanzada están datados entre os séculos I e III despois de Cristo, segundo o informe remitido polo laboratorio especializado de Florida. Xunto a estes restos hai outros de corpos adultos pero datados en épocas posteriores, entre os séculos V e VII.

En concreto os restos dos bebés son de entre o 25 e o 215 D.C.. Así, un deles está datado entre os anos 25 e 130, mentres que outros se corresponden a datas de entre o ano 40 e 85 e outros entre os anos 60 e 215.

Ademais dos ósos de trece bebés, os expertos localizaron na Lanzada os corpos dunha muller, Cornelia, e outros dous adultos que son moito máis modernos. Así, e segundo estas conclusións definitivas, os restos de Cornelia están datados entre os anos 435 e 610, é dicir, entre os séculos V e VII, do mesmo xeito que outro dos adultos mentres que o terceiro sería un pouco máis antigo, entre os anos 450 e 550, é dicir, século V.

Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, fotografando os esqueletes atopados na Lanzada

A presencia destes corpos confiram a tese dos arqueólogos que apuntaban que o enclave estaba xa habitado no século I e que existiron dúas zonas de enterramento distintas sendo reutilizado o espazo máis antigo co paso dos anos. De feito, o director das escavacións, Rafael Rodríguez, apuntara a HdG a posibilidade de os corpos atopados, pola súa disposición, poidan tratarse dos primeiros cristiáns enterrados en Galicia.

Novos achados

Ademais, as prospeccións permitiron descubrir un tanque de cristalización dunha salina, posiblemente de orixe romana, que se atopa en perfecto estado de conservación, tal e como anunciou este luns a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Durante as escavacións, que finalizarán o 31 deste mes, atopáronse un total de 15.000 pezas entre as que destacan cerámicas, moedas de distintas épocas, puñais e fíbulas. A máis recente foi a localización doutra fíbula en forma de omega de bronce típica de entre os séculos menos un e un antes de Cristo.

Carmela Silva apuntou que durante este mes se traballará na consolidación do xacemento e que as primeiras conclusións sobre os achados estarán listas en febreiro. Ademais, a presidenta da Deputación espera que este mesmo mes “canto antes asínese o convenio co Ministerio de Fomento que inclúe a musealización deste castro da Lanzada e outros ao longo da provincia que están á espera das tarefas de consolidación que garantan a súa conservación e eviten a súa deterioración.

Pode que che interese...