Imaxe da cartografía en mallas /

Manual de como facer un mapa cartográfico de forma legal

Galicia xa conta co seu primeiro manual legal de cartografía. O Consello da Xunta aprobou este xoves o regulamento que facilitará a produción eficiente, eficaz e adaptada aos estándares de calidade, precisión e interoperabilidade que marcan os organismos competentes a nivel internacional da información cartográfica de Galicia.

A aprobación do regulamento suporá, segundo a Xunta, “o pulso definitivo” ao desenvolvemento do Plan galego de cartografía, que ordenará a produción da información e material cartográfico, con base nas necesidades dos usuarios e na xestión eficiente dos instrumentos dispoñibles.

Descrición do Reino de Galizia de Hernando de Ojea (1603) / Duvi

Para a elaboración do Plan galego de cartografía formarase un grupo de traballo e convocarase nos vindeiros días a Comisión de Coordinación De Sistemas De Información Xeográfica e Cartografía. Na comisión estarán representados os diferentes departamentos da Administración que, de forma habitual, producen información sobre o territorio, así como a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A idea é que toda a información xeográfica se produza de acordo cuns estándares homologados e modelos de datos marcados polos organismos competentes a nivel internacional.

Un novo rexistro de cartografía e Cartoteca

Paralelamente á entrada en vigor do regulamento, crearanse o Rexistro de Cartografía de Galicia e a Cartoteca. No rexistro recollerase tanto a cartografía oficial, elaborada polos organismos públicos, como a non oficial, que poderá ser achegada tamén por persoas, entidades ou asociacións que elaboren nova información sobre o territorio Pola contra, na Cartoteca almacenarase e conservarase todo o material e información xeográfica de Galicia que, na súa meirande parte, destaca polo seu valor histórico.

O Sitga seguirá ofrecendo software personalizado

Con todo, desde a Xunta suliñan que, igualmente, desde o Sistema de información territorial de Galicia (Sitga) seguirase ofrecendo ás distintas administracións públicas software personalizado, e a Infraestrutura de datos Espaciais de Galicia (IDEG) porá, como ata o de agora, á disposición da sociedade a información xeográfica sobre a Comunidade, así como as características desta.

O ‘Map 201’ é un dos máis antigos mapas de Galicia dos que se conservan na cartoteca universitaria compostelá / USC

A través da IDEG, calquera persoa poderá descargar de forma totalmente gratuíta a información cartográfica que precise e con garantías de eficiencia e calidade.

Custe elevado

Os custos de produción do material cartográfico son elevados. “Por iso, o novo marco legal garantirá unha ordenación e planificación dos recursos eficiente que responda ás necesidades dos usuarios”, suliña a Xunta. Así, destaca que a metade das solicitudes de información que chegan ao Instituto de Estudos do Territorio son de persoas particulares interesadas en cuestións relacionadas co uso actual e histórico dos terreos e coa propiedade da terra. A outra metade corresponde a consultas de organismos públicos, maioritariamente concellos, empresas privadas e grupos de investigación.

“A información cartográfica ten un valor social significativo, xa que é imprescindible para o deseño de políticas sectoriais como son o ambiente, a agricultura, o transporte e o desenvolvemento rexional, entre outros. Ineludiblemente, calquera obra ou intervención no territorio require do uso de información xeográfica actualizada que permita observar como interaccionan as diferentes forzas sobre o territorio”, conclúe.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: