fbpx
Alba María é unha cantora, compositora e regueifeira galega

As mulleres na defensa dunha histórica tradición galega: As regueifas

Tempo de lectura: 2 min.

A improvisación cantada en verso ou repente, popularmente coñecida como ‘regueifa’, centra un novo Encontro que reunirá a arredor de quince rapazas e mulleres repentistas de toda Galicia este sábado Será o “I Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza” que ten lugar en Vila de Cruces e está organizado polo alumnado da cadeira ‘Regueifa e improvisaçom oral en verso’ do IES Marco do Cambalhom, e impulsado polo Proxecto Regueifesta, un proxecto educativo para impulsar o repentismo no mundo do ensino, e que forma parte da Asociación ORAL, que promove o repente galego.

O repente galego encóntrase nun momento de crecemento e estase xa a conformar como un movemento sociocultural que ten na aparición dunha nova xeración de mulleres regueifeiras, un dos seus motores máis destacados, abrindo novos camiños nun ámbito até fai mui pouco tempo protagonizado case exclusivamente por homes.

As actividades do ‘Encontro de Mulleres Repentistas’ teñen como obxectivo destacar a vitalidade actual da regueifa como actividade artística e comunicativa, e visibilizar a chegada dunha nova xeración de mulleres improvisadoras.

A xornada comezará no auditorio Xosé Parella: ás 11.30 da maná cunha asemblea de mulleres repentistas onde se analizará o momento actual da regueifa de muller. Pola tarde, ás 16.30 Alba María impartirá un Obradoiro de Regueifa Feminista. E ás 18.00 terá lugar un espectáculo de improvisación en verso -aberto ao público e gratuíto- que reunirá no escenario a máis de dez mulleres de distintas xeracións do repente galego. No acto tamén se celebrará unha homenaxe a Angelita de Baño, brindeira do Courel, e á cantareira e pandereteira Josefa de Bastavales.

Integrantes da Guintervan / aregueifa.es

Historia

O encontro será unha homenaxe á importancia das mulleres no desenvolvemento da regueifa tamén desde un achegamento histórico, lembrando ás grandes do século XX, como Leonarda de Tallo. A finais do século XX Marisol Manfurada uniu regueifa e RAP desde o movemento do Rock Bravú e pouco despois Sofia Tarela e Paola Beiro, as Neno, tamén destacaron pola súa arte como regueifeiras. A luguesa Pepa Yáñez, que regueifou e investigou o mundo do repente galego, foi outra das protagonistas deste movemento que ten como regueifeiras máis novas a Noa do Capón e a Nuria das Cruces, de 13 anos, alumnas de ‘Regueifa e improvisaçom oral en verso’ no IES Marco do Cambalhom.

No acto proxectárase un vídeo en homenaxe a Angelita de Baño, unha artista que cantou brindos -a improvisación cantada no Courel- desde os catorce anos, e á que foi entrevistar o Proxecto Regueifesta á montaña luguesa. Tamén se lle fará unha homenaxe a unha das artistas máis queridas no mundo da música tradicional dos últimos anos: a señora Josefa de Bastavales.

Ás 21.00 terá lugar unha Foliada Regueifeira no Bar Txapela, onde participarán, xunto ás mulleres repentistas, e máis quen queira cantar e bailar, as pandereteiras de Cércio.

Pode que che interese...