fbpx
O mosteiro de Caveeiro rodeado por unha fraga de carballos / visionesdeferrolterra.blogspot.com

O carballo, un símbolo de Galicia que vai desaparecendo

Tempo de lectura: 3 min.

Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos
“O carballo da portela
abanea e mais non cai,
así fai a boa moza
que se guía por seu pai”
Popular

Hai uns días nos fogares de medio mundo erqueronse e engalanaronse as árbores de Nadal. Costume que ten a súa orixe no solsticio de inverno, este ano foi o pasado 22 de decembro, onde ao renacer o sol novo e empezar outra vez a medrar os días, renace tamén a natureza que, coa chegada da primavera, acadará o seu máximo esplendor. O culto ás árbores era a mellor maneira de simbolizar o espertar do mundo natural. Culto do que se apropiaron os propagadores de fe cristiá readaptándoo ás necesidades da nova relixión chegada do Próximo Oriente. Para este tipo de cerimonias era máis usual escoller árbores de folla perenne (abetos, piñeiros, cedros,…); ao estar provistas de toda a súa follaxe, exemplificaban mellor a benéfica protección dos deuses daqueles tempos á comunidade. Mais falando do renacer, quizais as árbores que mellor representen esa volta a empezar do ciclo xenerativo, sexan as de folla caduca. E tratándose de caducifolias nada máis a propósito que a lembranza dos rexos carballos do noso País, nos que se xungue a secular lonxevidade do seu corpo coa frondosidade sempre nova das súas roupaxes.

Aproximadamente hai 13.000 anos cando os últimos xeos da derradeira glaciación se derreteron, Galicia quedou cuberta por un espeso manto boscoso, do que unicamente se libraron os curutos das montañas máis altas. O arboredo sombreaba a nosa Terra dende as montañas máis orientais ata as praias do solpor. Pero tamén por eses tempos e de forma gradual, empezou a deforestación. Os asentamentos humanos necesitaban espazos para a caza, para o pastoreo, para a agricultura e para a vida en comunidade. Os bosques autóctonos foron perdendo terreo. A deforestación foi traballando en dous sentidos: por un lado aumentando sistematicamente o espazo dedicado á agricultura e á gandería, e por outro, queimando a maioría dos montes altos para ser repoboados con toxos, absolutamente imprescindibles para a creación do abono natural que fixera viable a agricultura. Temos que pensar que antes da chegada dos fertilizantes químicos, por cada unidade agraria facían falla dúas de monte baixo para a produción de esterco. Esta apropiación agraria do territorio fixo que os nosos bosques autóctonos, constituídos maioritariamente por carballeiras, ocuparan un espazo cada vez máis residual nos arredores das aldeas, e aquelas máis xenerosas que chegaron ata os nosos días, na maioría dos casos, débense ao accidentado do terreo que ocupaban e ao difícil aproveitamento para outros usos.

Carballo centenario ao carón das torres do Cereixo, en Vimianzo / ousferrats.com

Hoxe as carballeiras atópanse en franco retroceso, asoballadas pola propagación indiscriminada de milleiros de eucaliptos e algúns piñeiros. En Mazaricos aínda conservamos importantes masas de bosque autóctono: a Devesa de Anllares na beira do río Xallas, entre os lugares de Campelo e Castrelo; a carballeira de Figueira no lugar do mesmo nome, na parroquia de Arcos; a da Fieiteira en Alborés, moi diminuída debido á construción do encoro da Fervenza; a de Coiro e a de Beba no curso medio do río ao que lle da nome este último lugar; a de Chacín, nas pendentes que se derruban en dirección á ría de Muros e Noia, moi pouco aptas para os ronseis do arado, ofrecendo as súas esvaradías topografías mellores condicións para a propagación forestal; e unha longa recua de pequenas carballeiriñas de difícil enumeración.

Esperemos que nunca desaparezan os carballos da nosa Terra, esas árbores símbolo e brasón da Galicia Eterna, que precisan máis de cen anos para lograr a densa corpulencia, a elevada magnificencia, a acolledora frondosidade da que fan gala as númidas carballeiras do noso País. Sombra e frescor para o verán; abrigo e lentura no inverno; cerne e liga de aprechos e trebellos; resistencia e fortaleza para vigas, cancos e ripas; graza e nobreza para cómodas, huchas e alzadeiros; noutros tempos: música para os eixes dos carros, con aquel canto épico de colleitas e sementeiras; e rachóns para o lume do lar.

Rematamos lembrando uns versos de Rosalía de Castro (Los Robles. En las orillas del Sar), e compartindo o desexo da nosa poeta nacional:

Torna, roble, árbol patrio, a dar sombra
cariñosa a la escueta montaña
donde un tiempo la gaita guerrera
alentó de los nuestros las almas
(…)
¡Torna presto a poblar nuestros bosques;
y que tornen contigo las hadas
que algún tiempo a tu sombra tejieron
del héroe gallego
las frescas guirnaldas!
Publicado na web colaboradora Quepasanacosta

Pode que che interese...