Imaxe do vapor Santa Isabel, afundido en Sálvora en 1921 / aculturagalega.com

O desastre do Titanic galego e o valor das mulleres da Arousa

Galicia é unha terra de mar. Mar que a rodea case por todos os seus recunchos. Un mar que trae vida e riqueza, pero tamén morte e esquecemento. A costa galega é, de feito, unha das máis perigosas do mundo dependendo da estación e, sobre todo, do tempo. Non hai pobo mariñeiro que non coñeza, ou non teña vivido en carnes propias, a dor dun naufraxio.

E o Concello de Ribeira non é unha excepción. Alí, nunha das súas illas míticas, en Sálvora, aconteceu hai 96 anos o maior desastre marítimo do que se ten constancia na historia de Galicia por un barco civil en tempos de paz. O afundimento do vapor Santa Isabel nos baixos da illa deixou 213 persoas mortas. Unha auténtica traxedia naval que moitos compararon co afundimento do Titanic nove anos antes.

Corría o 2 de xaneiro de 1921, o Santa Isabel, que cubría a liña Bilbao-Cádiz, partira da Coruña unhas horas antes. Nel viaxaban 268 persoas que buscaban unha vida mellor en América, destino final do buque. Pero o mal tempo xogoulles unha mala pasada. Un forte temporal obrigou ao capitán a tentar buscar refuxio na Ría da Arousa, pero sen decatarse de que fronte a el habían numerosos illotes.

O buque Santa Isabel, afundido en Sálvora en 1921 / pontevedraviva.com

Un gran temporal

O vapor foi bater nun deles, en Punta Forneira, a escasos 200 metros da Illa de Sálvora. Eran preto das 2 da madrugada, e colleu por sorpresa á maior parte da tripulación que non tivo tempo para reaccionar. A pesar das chamadas de auxilio, o buque foi afundíndose paseniño. Só o fareiro de Sálvora foi quen de decatarse da grave traxedia que estaba acontecendo.

Sen pensalo, dirixiuse á illa para alertar aos veciños do que estaba a suceder. Os habitantes de Sálvora enseguida se mobilizaron e botaron á mar tres embarcacións, unha para alertar ao pobo de Ribeira do naufraxio e outras dúas dirixíronse ao lugar do sinistro para rescatar aos sobreviventes da traxedia.

As heroínas da Arousa

E foi, como en todas as historias, cando xurdiron os heroes, neste caso, as heroínas: Ciprina Oujo, Josefa Parada e María Fernández. Tiñan entre 14 e 25 anos e non dubidaron en lanzarse ao mar para tentar salvar aos sobrevivintes. Conseguiron sacar da auga a entre 15 e 20 persoas. O resto, outras 30 persoas conseguiron chegar a nado á praia.

Por ese feito, as tres mulleres recibiron a Cruz de Terceira Clase con Distintivo Negro e Branco do Consello de Estado, sen esquecernos de Cipriana Crujeiras, que esperou en terra para ofrecer aos rescatados comida e roupa seca e tamén foi condecorada e homenaxeada por iso.

Outra imaxe do barco que naufragou na illa de Arousa, o Santa Isabel / aculturagalega.com

Outro nome importante nesta historia, como recolle a web bluscus, é o de Luis Cebreiro, segundo oficial do Santa Isabel que axudou nos labores de rescate negándose a montar nun bote salvavidas por ser moi corpulento e por medo a afundilo ou retendo varios botes até o amencer para evitar que estes encallasen contra as rochas pola falta de luz. Cebreiro chegou até Sálvora nadando demostrando que a solidariedade dos galegos non ten límites.

Tan importante é este episodio na historia de Galicia e, especialmente, no Concello de Ribeira, que non hai ano no que non se realicen exposicións con restos do naufraxio, se escriban artículos e libros con fotografías inéditas ou se realicen actos de homenaxe tanto polos que morreron como polos que se salvaron.

Precisamente, unha destas homenaxes foi a que realizou Daniel Seijas en Radio Valga, no programa Palco de Estrelas o pasado 2 de xaneiro. Aquí o audio do relato do acontecido hai 96 anos:

Fontes: Propia, Aculturadegalicia, Bluscus, Radio Valga

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: