fbpx
Cheminea do Palais du Franc, en Bruxas, onde se atopa representado o escudo de Galicia

O escudo galego representado na Bruxas do século XVI

Tempo de lectura: 7 min.

Por Heitor Picallo, investigador, escritor e ilustrador

Visitar “Flandria” e “Valonia” (no Estado belga) é sempre unha marabilla, coas súas vilas e cidades que recenden a historia pero tamén ao fume daquelas guerras que os Austrias libraron nesas xeografías co obxecto de conservar, para Castela, certos territorios que xacían baixo a sombra da súa coroa imperial. E o veo translúcido do imperio deixa entrever -tanto en Anveres, como en Gante, Malinas ou Bruxas- certos testemuños da nacionalidade galega, así como doutros reinos que outrora intentaron encaixar nun mosaico de culturas, pobos, idiomas e realidades.

Quizais poderiamos sinalar, primeiramente, que durante os séculos XV e XVI certas familias destacadas de orixe galega buscaron asento no condado de Flandres, e máis concretamente en Bruxas. Disto ten tratado o xenealoxista e investigador (membro do CSIC) Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, facendo fincapé -e con xenerosidade nos detalles- unha manchea de datos vinculados á familia dos Pardo. Alén disto, tamén se amosan nesta cidade brasóns identificábeis co reino de Galiza, aínda que tamén con outras (que non moitas) nacións da Península Ibérica. Desta volta falaremos dun elemento escultórico-arquitectónico dos máis significativos desa cidade, onde a decoración renacentista, a elaboración das tallas e a simboloxía que se observa reafirman con énfase esta gran obra de arte. Estámonos a referir do Palais du Franc, que na actualidade acolle ao museo homónimo.

Así e todo, o noso interese hase centrar na maxestosa Chimenea da Audiencia.

Palais du Franc, en Bruxas

O PALAIS DU FRANC

Trátase dun edificio renacentista, que outrora é o lugar no que, coa celebración das xuntas, se reúnen os concelleiros que gobernaban a cidade. Localízase nas proximidades da igrexa de San Donato e da capela do Santo Sangue.

Abandonado o edificio, reconstrúese en 1722, mais no seu interior conserva -do século XVI- a sala de rexedores ou maxistrados, como liñas arriba demos conta. O pintor belga Louis Haghe (1806-1885) realizaría unha fermosísima pintura sobre esta parte interior do edificio, e máis concretamente da súa cheminea.

Porén, no ha ser o único artista que se deixe embriagar de tal espazo: non poucos gravados conservamos do mesmo.

A CHEMINEA DA SALA DE REXEDORES

A cheminea “curiosa reliquia do pasado” (en verbas de Agustin Joseph du Pays), alén de estar ateigada dun halo lendario, foi executada por Herman Glosencamp, Rogier de Smet e Adrien Raset ou Rans. A dirección das mesmas estivo a cargo do malinés Guizot de Beaugrant e do arquitecto de Bruxas Lanceloot Blondeel (1498-1561).

Cinco son as figuras humanas que, a tamaño natural, se esculpiron e -en conxunto- representan tres xeracións da máis alta aristocracia europea. Con independencia disto, todo o conxunto está decorado profusamente co obxecto de ser un importante vehículo de transmisión política: non menos de corenta e sete labras heráldicas representan os estados, reinos e territorios que a Carlos V lle eran de seu.

As figuras humanas aquí esculpidas representan a Maximiliano de Habsburgo (1459-1519), emperador do Sacro Imperio Xermánico (dende 1508), de aí que porte na talla a esfera do orbe; e a María de Borgoña (1457-1482), filla herdeira de Carlos “O Temerario” e Sabela de Borbón. Por conseguinte, ocupa os ducados de Lothier, Güeldres, Limburgo, Flandres, Borgoña, Brabante, etc. Esta muller contrae matrimonio co citado arquiduque de Austria, Maximiliano en 1477, que terán por fillo a Filipe “O Fermoso” e Margarida de Austria.

Escudos e simboloxía na cheminea do Palais du Franc, en Bruxas

No que atinxe á decoración, a zona esquerda da chimenea, en simetría co lateral dereito, ten esculpidos dez escudos de armas, concretamente os característicos dos seguintes estados:

(1) Ducado de Luxemburgo,

Numeración do lateral esquerdo
(2) Condado de Artois,
(3) Flandres,
(4) Ducado de Brabante,
(5) Brasón de Carlos “O Temerario”,
(6) Borgoña Antiga,
(7) Condado de Namur,
(8) Ducado de Carintia,
(9) Tirol e
(10) Novamente o Condado de Namur.

No brasón de Carlos “O Temerario” identifícanse as do ducado de Borgoña, as do condado homónimo, as dos ducados de Brabante e Limburgo e o condado de Flandres.

Centro da cheminea

Zona central
Preside a zona central da cheminea Carlos V (neto do arquiduque Maximiliano de Habsburgo), que ao igual có seu avó terma na súa man esquerda o globus cruciger, ou esfera do orbe. Nesta zona, son vintesete os escudos esculpidos, algúns xa representados noutro lugares, os cales intentaremos identificar.

Ao noso entender, identificamos:
(11) Suabia,
(12) Estiria,
(13) Toledo,
(14) Croacia,
(15) Valencia,
(16) Croacia,
(17) Nápoles,
(18) Dalmacia,

Numeración da zona central
(19) Dalmacia novamente,
(20) Hungría,
(21) As propias de Maximiliano de Austria,
(22) Austria Antiga e Nova,
(23) Hungría,
(24) As de Carlos V,
(25) Castela,
(26) León,
(27) Aragón,
(28) Dúas Sicilias,
(29) Aragón,
(30) Xerusalén,
(31) Navarra,
(32) Dúas Sicilias,
(33) Granada,
(34) Nápoles,
(35) Galiza,
(36) Valencia e
(37) Sardeña.

Situación da simboloxía dos escudos galegos na Cheminea do Palais du Franc en Bruxas

Lateral dereito

No lateral dereito da cheminea esculpíronse as imaxes de Carlos de Valois e Borgoña (alcumado “O Temerario”) e Margarida de York. El, que nace en 1433 e fina en 1477, é o titular dos ducados de Borgoña, Brabante, Limburgo, Lothier e Luxemburgo; do marquesado de Namur e dos condados de Artois, Borgoña, Charolais, Flandres, Hainut, Holanda e Zelanda. Margarida, irmá dos reis de Inglaterra Eduardo IV e Ricardo III, vén ao mundo en 1446, será a terceira esposa do devandito Carlos de Valois e fina en 1503. Na efixie que se realizou para o declarado elemento arquitectónico, Margarida leva na man unha flor, en evidente alusión á rosa branca ou alba da casa de York (que se distingue da que é vermella e que representa á casa de Lancaster).

Entre a fermosa decoración, aparecen tallas heráldicas moi significativas que, identificadas e numerados en sentido antihorario, podemos indicar que se tratan das seguintes:
(38) Navarra,

Numeración do lateral dereito
(39) Catalunya,
(40) Mallorca,
(41) Toledo,
(42) Castela e León,
(43) León,
(44) Sevilla,
(45) Galiza,
(46) Castela e León unido a Galiza e
(47) e Granada.
ESCUDOS DO REINO DE GALIZA

Como deducimos das descricións anteriores, son dous os escudos correspondentes ao Reino de Galiza, porén existe un terceiro -dubidoso- do que tamén faremos descrición. Reservamos esta representación, que leva o numero corenta e seis na nosa numeración, para o remate deste estudo, pois igual nos temos que deter un chisco máis.

Escudo de Galiza co
campo sementado de
cruces

Alén disto, cómpre sinalar que todos os brasóns foron esculpidos por 1529, que se sinala nunha cartela, localizada sobre unha columna do lateral dereito da zona central (ou principal) da cheminea.

Brasón (35): Galiza

O escudo número 35, que aparece suxeito por un tenante alado, de torso espido e provisto de extremidades inferiores de tipo floral; terma coas súa mans dunha grilanda que contorna o escudo. O tenante tamén posúe follas na súa face, polo que sería quizais recomendábel clasificalo como un Green Man (ou home verde).

Esta, tamén provista de decoración vexetal, ten salpicadas no seu contorno un bo número de pezas de froita (ao noso entender, mazás).

A descrición do brasón sería: sementado de cruces recrucetadas, un copón; timbrado todo por coroa real aberta.

Como podemos ver, esta resulta ser unha das máis fermosas representacións do escudo do Reino de Galiza que se conserva e, ademais, xunto co que describiremos a continuación, das poucas que foron esculpidas en madeira e que perduran no exterior da comunidade e nacionalidade histórica de Galiza.

Escudo Galego no Palais du Franc de Bruxas

Tamén podemos afirmar que é unha das primeiras pezas nas que se grafaron cruces. Sobre papel, a primeira representación que teñamos constancia é aquela pertencente á Carta Itineraria Europae (editada por 1520). Porén este brasón localizado no Palais du Franc, é o primeiro que leva cruces recrucetadas, xa que o da cita carta son cruces normais, aínda que asemellan de Malta.

Brasón (45): Galiza antiga

Como comentamos, localízase na zona dereita da cheminea, e neste escudo represéntanse as armas propias de Galiza, pero na súa versión primitiva, isto é, sen ter o campo sementado de cruces e ocupando o maior espazo do seu campo. Por timbre leva unha coroa real aberta.

A súa lectura do brasón sería: en campo de azur, un copón de ouro.

No lateral amosamos a representación do escudo de Galiza segundo o armorial de Vigil Raber, datado en 1548. Deste armorial, de moito interese por diversos aspectos, trataremos noutra ocasión.

Escudo dos reinos de
Castela, León e Galiza

Brasón (46): Castela, León e Galiza ou Asturies?

Trátase dun escudo cuartelado en cruz, co primeiro e cuarto cuarteis igualmente cuartelados e coas armas características de Castela e León; nos cuarteis segundo e terceiro represéntanse as armas de Galiza.

Este brasón, algúns mapas e e armoriais pretenden sinalar que son as armas características de Asturias, mais se analizamos os seus esmaltes e as representacións dos seus mobles heráldicos (tal e como se ve no armorial de Vigil Raber, datado en 1548) ao noso ver son os característicos daqueles tres reinos: Castela, León e Galiza.

Está provisto este escudo de coroa real aberta.

Publicado orixinalmente no blogue http://karrapucho2.blogspot.com.es/

Pode que che interese...