fbpx
Sinatura de Antonio Sueiro, alcalde repubicano de Cerdedo / Carlos Solla

Os alcaldes republicanos que cambiaron Galicia: Antonio Sueiro Cadavide ( I )

Tempo de lectura: 8 min.

Carlos Solla, profesor, investigador e etnólogo

Extinto o concello de Cerdedo, unha administración con 180 anos de historia, Antonio Sueiro Cadavide ficará no recordo como o rexedor máis cabal, adiantado, tolerante e ecuánime de cantos presidiron o municipio.

Agás honrosísimas excepcións, non é o de Cerdedo un pobo que se distinga coa xenerosidade da lembranza. Dende hai unha década, paliando a desmemoria, veño enchendo as páxinas de diversas publicacións con retrincos cerdedenses: feitos e dicires mundanos, cadros da feira mitolóxica, “xente de aquí e acolá”…

Neste muíño veceiro, tócalle moer arestora a quen, en opinión dos que o coñeceron ou que oíron falar del, foi o mellor mandatario de Cerdedo: o alcalde republicano Antonio Sueiro Cadavide. Verbo do segundo apelido, optei pola forma “Cadavide” (no canto das castelanizadas: “Cadavid” ou “Cadaviz”), pois a forma galega aínda está viva na fala dos máis vellos.

Achamos oportuna a publicación deste artigo, xa que, en 2016 cumpríronse 80 anos do golpe de Estado franquista que acabou, pola forza das armas e do terror, co réxime da II República (1931-1936). Amais, tamén en 2016, o concello de Cerdedo, 180 anos despois da súa constitución, deixou de existir por capricho persoal de quen pasará á historia cinguindo a bitola de alcalde terminal.

Antonio Sueiro Cadavide naceu no ano 1892 na aldea de Limeres, parroquia de Cerdedo. Fillo de Manuel e de Concepción (labregos), foi probabelmente o benxamín de varios irmáns, entre eles, Francisco (1868), Casimiro (1881), Camilo (1883) e Mariana (†1923), casada con Antón Márquez Iáñez, mestre canteiro de Meilide (os meus bisavós).

A casa matriz, hoxe arruinada, sitúase no quinteiro do Lagharto, de aí que Antonio Sueiro (el mais a súa familia) fosen coñecidos co sobrenome do lugar de orixe, Antonio do Lagharto, e mesmo, coa identificación absoluta: o Lagharto (de Limeres).

Educador e activista

Antonio Sueiro debeu manifestar ben novo a súa inclinación polo saber e o seu afán pola instrución pública. Nado nunha aldea carente de escola, non só se preocupou de ampliar os seus coñecementos máis alá do básico (puro autodidactismo), senón que entendeu a educación como un dereito e unha necesidade social. Xa no seu rol de activista cultural, xa na súa faceta política, priorizou a erradicación do analfabetismo, pois era consciente que só deste xeito o pobo lograría atinxir maiores cotas de liberdade.

En 1918, con apenas 26 anos, promove, funda e preside a Sociedade de Recreo e Instrución de Limeres (Progreso, 15-2-1918), unha precursora iniciativa comunal que, amais de garantirlles a competencia lecto-escritora a todos os veciños (nenos e adultos, mulleres e homes), forneceu a aldea dunha moi notábel biblioteca. O seu irmán Camilo desenvolvería o cargo de vicesecretario.

Cómpre salientar que o devandito centro de ensino e lecer fíxose realidade grazas á largueza dunha veciñanza comprometida (diñeiro, materiais ou man de obra). A primacía do ben común fixo que Limeres fose coñecida daquela co sobrenome da “Pequena Rusia”. O pobo unido contra a adversidade, pois, nin a autoridade civil (usureira e corrupta) nin a autoridade relixiosa (integrista) vían con bos ollos a escolarización universal, pois na ignorancia da xente alicerzaban o seu predominio secular.

Na sede da Sociedade de Recreo e Instrución acabarase instalando no ano 25 a escola pública de Limeres. Non é casualidade que a súa apertura cadrase no tempo coa alcaldía doutro rexedor tan efémero coma meritorio: o mestre socialista Francisco Varela Buela, don Paco (1924-26), encarcerado e inhabilitado a perpetuidade tras a sublevación fascista de xullo do 36.

antonio Sue8iro Cadavide cando tiña 30 anos / Carlos Solla

Home polifacético

Antonio Sueiro Cadavide, acorporado e xovial, foi un home polifacético: labrego, canteiro, carpinteiro, músico (célebre gaiteiro con coñecementos de solfa)… Non se limitou Sueiro a desenvolver con habelencia e honestidade as súas múltiples ocupacións, senón que, testemuña activa do seu tempo, liderou os diversos movementos asociativos de xorne político e cultural que agromaron naquel Cerdedo vital do primeiro terzo do século XX.
Antonio do Lagharto, presidindo a Sociedade de Agricultores de Lourido, federada despois na Sociedade de Agricultores de Cerdedo, defendeu os intereses da clase obreira e labrega, erixindo este pequeno concello montañés nun dos referentes do movemento agrarista e da loita anticaciquil, en pugna co poder omnímodo do riestrismo. Por tales méritos foi sinalado como un dos “elementos destacados dentro de estas sociedades” polo cóengo de Compostela Manuel Silva Ferreiro (filofascista) no seu libro Galicia y el Movimiento Nacional (1938).

É ben significativo que na Federación agraria cerdedense, a parroquia de Cerdedo estivese representada por dous colectivos: o propio da capital e mais o de Lourido, unha pequena aldea, próxima a Limeres, localizada á beira esquerda do Lérez. Tentando contrarrestar a mentalidade minifundista cos valores da unión e da solidariedade, cara ao remate dos anos 10 ou comezos dos 20, na avantaxada aldea de Lourido botaría a andar unha pioneira cooperativa agrícola, por iniciativa, entre outros, de Antonio Sueiro Cadavide.

Sen dúbida, un dos feitos históricos máis relevantes deste período foi a “grandiosa” manifestación do 13 de xaneiro de 1916 que, convocada polas colectividades labregas, conseguiu que uns 3.000 cerdedenses (dun padrón de 5.000) baixaran a Pontevedra para esixirlle ao gobernador civil a fin da fraude electoral e do tiránico albedrío. O 22 de xuño de 1916, o xornal pontevedrés Progreso aínda titulaba en portada “El robo electoral de Cerdedo”. O pobo revoltado berra: “Hai que queimar Cerdedo!!”.

Tras unha década de frustrantes procesos electorais, mangoneados polo pezoñento “artigo 29” da Lei Maura (1907), o 11 de febreiro de 1917, os agrarios cerdedenses derrotan as candidaturas riestristras, encabezadas polo rico industrial e contratista Secundino Bugallo Sieiro, e invisten alcalde a Xosé Fentanes Barros, un labrego da parroquia de Pedre. En Cerdedo, a honorabilidade encarnábase por fin nun cargo público. Iniciábase en Cerdedo un breve período de rexeneración que dei en chamar “Trienio Agrarista” (1917-1920).

No Gremio de Canteiros

O 31 de decembro de 1917, nun acto celebrado no local social de Deán (Figueiroa), Antonio Sueiro asume a vicesecretaría do Gremio de Canteiros e Oficios Varios, no seo da Federación de Agricultores de Cerdedo presidida por Xosé María Nieto Varela. Benigno Valiñas, presidente saínte, exclama: …año que realmente deben señalar con piedra blanca aquellos entusiastas y abnegados defensores, por haber afirmado durante él su predominio en el Ayuntamiento y haber expulsado victoriosamente al caciquismo local de los últimos reductos desde los cuales intentaba todavía defenderse (Progreso, 3-1-1918).

Consonte a lembranza do pobo, dous anos antes (1915), convidado pola Agrupación Socialista de Cerdedo, Pablo Iglesias Posse, o fundador do PSOE (1879), protagonizara no estrado de Deán un mitin multitudinario. Losada Diéguez, Castelao, Carbonell… engádenlle lustre a unha ampla nómina de oradores.

Na festa do 1º de Maio de 1918, as sociedades agrarias de Cerdedo, Figueiroa e Tomonde conflúen ás dez da mañá na ponte Valoutas. Á fronte da comitiva de Figueiroa vai Antonio Sueiro, en calidade de presidente dos agrarios de Lourido e, asemade, consumado gaiteiro. O chiar da gaita do Lagharto resoa eufórica na valiña. A multitude atravesa Cerdedo e na Fábrica (no alto de Cerdedo) súmanse ás colectividades de Parada, Forcarei, Soutelo, Pardesoa e Presqueiras. Xantar fraternal e arenga afervoada na carballeira de Cernados. O xornal Progreso (3-5-1918) non aforra eloxios á hora de cualificar o evento: Modelo de civismo, democracia y orden.

A por de acudir a Deán, entre mitin e xuntanza, Antonio Sueiro Cadavide coñece a Xosefa Bouzas Cortizo (nada en 1893). Namóranse e, sen legalizar á matenta a súa unión, traen ao mundo dous fillos: Camilo (nado en 1913) e Linauria. Na loita polos dereitos sociais, Cerdedo era, a comezos do pasado século, paradigma de modernidade.

En 1919, coa alcaldía de Cerdedo baixo o control dos seus correlixionarios e coa satisfacción do labor cumprido, un Antonio Sueiro de 27 anos fai a maleta (na que lle busca acomodo á gaita) e emigra a Estados Unidos arelando a mellora persoal e familiar. O seu irmán Camilo substitúeo na directiva do Gremio de Canteiros e Oficios Varios. O destino de Antonio do Lagharto será o estado de California, na costa leste. Fixa a súa residencia en Crockett, unha localidade do condado de Contra Costa, á beira do Pacífico (a case 9.000 km de Cerdedo). Probabelmente, o de Limeres escolleu a vila de Crockett, pois, malia os atrancos do idioma, en 1921 comezaría a funcionar a refinaría de azucre California and Hawaiian Sugar Company (C&H), unha cooperativa agrícola coa que se vinculará laboralmente case unha década. Coa primeira soldada, faise un par de fotos (quizabes, os seus primeiros retratos) no prestixioso Studio Martínez-Lumière, sito na avenida Columbus de San Francisco.

Antonio Sueiro Cadavide, á dereita, alcalde republicano de Cerdedo tocando a gaita / Carlos Solla

O periplo americano

No verán de 1920, Antonio Sueiro acolle a seu irmán Camilo (37 anos) que, a bordo do buque “Mongolia”, arriba ao peirao de Nova York o 27 de xuño, tras once días de travesía transatlántica. Nos documentos da Foundation Liberty-Ellis Island asignáselle a profesión de “stone worker”, é dicir, “canteiro”. De leste a oeste, a Camilo aínda lle quedaban por diante máis de 5.000 km de camiño de ferro deica Crockett. Antonio agarda a súa chegada hospedado no Hotel Italiano. No mesmo barco tamén viaxa o seu irmán Francisco (“stone worker”, 52 anos), que prefire probar fortuna en Gary, no estado de Indiana. Tempo despois, o seu outro irmán, Casimiro (carpinteiro, nado en 1881), elixirá Brasil para “facer as Américas”.
En terra allea, Antonio Sueiro non se limitou a aforrar e a cumprir coas súas obrigas profesionais. En xullo de 1923, colabora na fundación da Unión Española de California (Beneficencia-Recreo-Instrución), cuxo lema era: “Todos para una y una para todos”. A UEC mesmo patrocinaba un equipo de “balompié”. En marzo de 1924, ingresa na Sociedad Española de Beneficencia, da que chegou a ser secretario: Que el objeto para el cual se ha formado esta Asociación (dende 1877) es la asistencia de nuestros miembros enfermos, el entierro de los que mueren, y la propagación de las ideas de unión y amor fraternal entre sus socios… Ambas as dúas sociedades, cuxa misión era “defender e orientar” a colonia de emigrantes hispanos, tiñan a súa central en San Francisco.

Como membro destas entidades, avogou por tecer redes solidarias con outras institucións semellantes, espalladas polo territorio norteamericano. Neste senso, Antonio Sueiro, á fronte dunha comisión, organiza en 1922 unha exitosa campaña de recollida de fondos en prol da Unión Benéfica Española, radicada en Nova York. El mesmo e mais o seu irmán Camilo encabezan a pródiga listaxe de doadores. O xornal neoiorquino La Prensa de novembro e decembro de 1922 ofrece testemuño desta loábel encomenda. Escusamos dicir que, alí onde conviña, a gaita de Antonio Sueiro (do obradoiro de Xosé Poceiro Maquieira, en Pontevedra) amenizou señardosa recibimentos e despedidas.

En 1924, Xosefa Bouzas Cortizo (31 anos) e Antonio Sueiro Cadavide (32 anos) contraen matrimonio “por poderes”. Xosefa Bouzas abandona a casa familiar e trasládase cos dous pequechos a Limeres. De 1919 a 1929, Sueiro reside en Estados Unidos de xeito ininterrumpido. A correspondencia persoal (mecanografada), ora remitida á súa muller ora, ao seu sogro (Xosé Bouzas Rodríguez), volve denotar a súa preocupación pola educación dos seus fillos e pola situación política de Cerdedo. Nunha carta (das poucas manuscritas) dirixida a seu fillo Camilo o 2 de setembro de 1924, escribe: Mi mayor gusto sería el mandarte al colegio de Cabanelas, para que allí pudieras adelantar más, pues allí no te cuesta nada la escuela y hay muy buenos maestros […] y yo muy gustoso pagarte[?] allí la posada, aun cuando somos pobres, me sacrificaría por tenerte como los de más alto poder… No lugar de Laxedo (Covelo-A Lama), o filántropo Manuel Barreiro Cabanelas financiara a construción dun grupo escolar, hoxe en avanzado estado de abandono.

En febreiro de 1920, a dereita caciquil, representada arestora polo adiñeirado contratista, prestamista e recadador de impostos Serafín Sieiro Moreira, faise de novo coa alcaldía de Cerdedo. A argucia do “carallo 29” volve xogarlla aos agrarios. A Federación de Agricultores, Canteiros e Oficios Varios sofre a orfandade de liderado por mor do éxodo migratorio. O 13 de setembro de 1923, acontece o golpe de Estado de Primo de Rivera. A ditadura prolóngase deica xaneiro de 1930.

O crac da Bolsa de Nova York (outubro de 1929) e a crise subsecuente, impelen a Antonio Sueiro a abandonar os Estados Unidos. O Sueiro anglofalante que gozara dalgunha velada musical no impoñente Café Appolo (San Francisco) ou que, o 21 de maio de 1927, presenciara en directo a inauguración da magnífica ponte de ferro de Carquinez (Crockett-Vallejo), deixa atrás o soño americano e torna ao pesadelo de Cerdedo, un concello que a prensa da época compara con Las Hurdes (El Progreso, 27-6-1928), a misérrima comarca estremeña, inmortalizada polo cineasta Luis Buñuel no documentario: Las Hurdes, tierra sin pan (1932).

Pode que che interese...