fbpx
Traballos na Cova de Eirós / foto Asociación Cultural do Iribio

Os neandertais da Cova Eirós, os últimos habitantes do Norte peninsular

Tempo de lectura: 3 min.

As novas datacións absolutas confirman ao grupo de neandertais ocupante de Cova Eirós coma un dos últimos que habitaron no norte peninsular, xusto antes da chegada dos Homo sapiens a este territorio. “Este feito permítenos achegar ás causas da súa desaparición e valorar se foi froito dos cambios climáticos (recrudecemento do clima) ou da nova competencia producida pola chegada dos humanos modernos á rexión”, explican os investigadores encargados das excavacións.

Por iso, os traballos céntranse hoxe na escavación dos niveis comprendidos nesta época, o que de seguro contribuirá a abundar no seu coñecemento. As últimas campañas de escavacións arqueolóxicas en Cova Eirós (Triacastela, Lugo) que dirixe o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noreste (GEPN-ATT) da USC en colaboración co Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) de Tarragona continúan a proporcionar novos datos sobre as ocupacións paleolíticas do Noroeste peninsular, consolidando o acadado no xacemento dende o ano 2008.

Vistas da excavación de cova Eirós / USC

O catedrático da USC e director científico do proxecto, Ramón Fábregas, e o co director do mesmo, Arturo de Lombera, explicaron este venres en rolda de prensa os principais achados dos traballos durante o bienio 2015-2016, que contaron co financiamento da Consellaría e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Na presentación participaron tamén o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Francisco Durán; e a directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez.

Actualmente, a escavación do nivel 3, datado no Paleolítico medio, e a recuperación de máis de dez mil rexistros e pezas na cavidade o están a confirmar como un dos xacementos de referencia para o estudo da evolución dos modos de vida, da tecnoloxía, da fauna e das condicións paleoclimáticas das comunidades prehistóricas de cazadores recolleitadores que ocuparon Galicia nos últimos 40.000 anos. Os estratos escavados conteñen vestixios que comezan cos últimos grupos de neandertais, seguen cos grupos cazadores do Paleolítico superior, os primeiros agricultores do Neolítico e chegan ata as comunidades campesiñas de época Altomedieval.

Manifestacións rupestres

Por outra banda, co estudo das manifestacións rupestres e a arte moble de Cova Eirós os investigadores achéganse á esfera simbólica e ritual das culturas dos cazadores do Paleolítico superior. Os últimos traballos levaron á descuberta de novos motivos e a profundar no estudo das súas características técnicas e estilísticas mediante a aplicación de novas técnicas, como a fotogrametría. “A análise e datación por Carbono 14 permítenos atribuír a unha boa parte destas manifestacións unha antigüidade de máis de 10.000 anos, xa cando habitaban as últimas sociedades de cazadores recolleitadores”, afirman.

Restos atopados na Cova Eirós / USC

Grazas ás novas escavacións, os últimos anos de traballo non só posibilitaron perfilar mellor a secuencia de ocupacións de Cova Eirós senón tamén manter os estudos sobre o xacemento e a Prehistoria galega, cuxos resultados se están a publicar en revistas científicas e congresos de gran prestixio, tanto nacionais coma internacionais. E a vontade é continuar. “A cavidade segue a mostrar un gran potencial xa que aínda quedan máis de dous metros de recheo por escavar e as galerías interiores para revisar na procura de arte rupestre”, afirman.

O titular de Cultura destacou a necesidade destes traballos científicos para identificar “as nosas máis fondas raíces culturais e sociais” e subliñou o interese que ten este xacemento como fonte para o estudo histórico pola singularidade, riqueza e amplitude temporal que abarca a cova. A Cova Eirós, dixo, “é como un libro aberto, unha enciclopedia histórica que ten que ser lida por especialistas como os que hoxe están presentando os resultados”.

Pode que che interese...