fbpx
Desfile nunha festa patronal nunha imaxe do NO-DO / RTVE

Os tópicos dos galegos que construíu o Franquismo durante 40 anos

Tempo de lectura: 3 min.

O NO-DO funcionou como unha ferramenta audiovisual franquista na que se construíu unha imaxe cultural estereotipada de Galicia onde a música e o baile xogaron un papel central no exercicio da dominación simbólica de Galicia fronte a España franquista.

Esta é unha das principais conclusións da tese presentada pola etnomusicóloga e investigadora Beatriz Busto que mantén que ese uso discursivo do estereotipo do galego, acuñado por ela mesma como discurso “Galaiquista”, foi utilizado no exercicio simbólico da dominación de Galicia.

Busto mantén que ese uso do “Galaiquismo”, discurso construído dende o NO-DO sobre Galicia e o galego, serviulle ao réxime para xustificar unha especie de colonización simbólica. “O discurso converteuse nunha ferramenta de xestión da contradición que xurdía entre o temor e o desprezo ao diferencial no marco dun proxecto nacional caracterizado por ser ultra católico, anticomunista, imperial e patriarcal”, sinala.

Baixo o título de “La Galicia proyectada por NO-DO. La arquitectura del estereotipo cultural a partir del uso del folclore musical (1943-1981)”, a tese doutoral, que dirixiu o antropólogo Juan Carlos Gimeno Martín, foi lida o pasado 19 de decembro en Madrid. Neste traballo, a xa Doutora Busto Miramontes, de 37 anos, percorre o abundante material atopado en NO-DO entre o ano 1943 e o 1981 que fai referencia explícita ao folclore galego e aos diferentes usos que se lle deron na imaxe NO-DO.

Imaxe de mulleres vestidas co traxe típico galego no NO-DO / RTVE

A Galicia folclórica

A investigación organiza os 71 materiais cinematográficos que foron analizados na tese atendendo a tres exercicios de poder sobre o folclore do país. Nun primeiro eixo atoparíanse aqueles casos no que o folclore foi usado como ferramenta de lexitimación política, nun segundo no que se analiza como a imaxe NO-DO se apropiou de elementos culturais galegos na construción dun discurso estereotipante de Galicia nun claro obxectivo de desactivación simbólica do diferencial, e nun terceiro no que analiza como ese estereotipo do galego se puxo ao servicio da promoción turística a partir dos anos sesenta, chegando incluso ate os nosos días.

Polo tanto, a tese mostra como a música pode servir a fins políticos, posto que, neste caso e a través do NO-DO, se fixo un uso consciente do folclore musical galego con intencións claramente políticas. “Usos que se foron modificando segundo as necesidades do réxime foran unhas ou outras e atendendo ás súas etapas constitutivas”, segundo a autora.

Alimentación dos estereotipos

A etnomusicóloga e investigadora Beatriz Busto

Ademais, a investigación abre unha fiestra pola que observar de xeito crítico os procesos folcloristas hoxe en día, procesos, moitos deles, que sobreviviron ao franquismo. Eses usos, hoxe en día, estarían relacionados especialmente co mundo promocional do turismo, industria que continua a reproducir tópicos –positivos ou negativos– do galego e do seu folclore producindo un claro beneficio económico pero con un coste alto a nivel cultural xa que dende aí, o estereotipo tipista do galego segue a ser alimentando hoxe de múltiples xeitos.

A tese mereceu a calificación máxima, sobresaliente cum laude, por parte dun tribunal no que se deron cita diversos especialistas, entre os que se atopaban nomes como o do recoñecido etnomusicólogo galego, Luís Costa-Vázquez Mariño ou un dos grandes especialistas de NO-DO en España o Rafael Rodríguez Tranche, quen asumía a presidencia do tribunal.

Pode que che interese...