fbpx
Mámoa do Chao da Moa, en Viveiro, afectada por unha plantación de eucaliptos / Mariña Patrimonio

Por que as mámoas son un problema para empresarios e administracións?

Tempo de lectura: 2 min.

Malestar e enfado. Eses son os sentimentos que teñen os empresarios de Mazaricos pola aparición de mámoas en terreos do futuro parque empresarial do concello. Unha situación similar á que pasa en Caneliñas, en Ferrol, onde son os veciños os que loitan para evitar que varias mámoas acaben enterradas polas obras do tren ao porto exterior.

E como é posible que as mámoas representen un problema para algúns sectores en Galicia?. Intereses económicos ou urbanísticos son, principalmente, os que están detrás deste tipo de situacións.

A aparición de mámoas no recinto empresarial de Mazaricos supuxo un problema para os empresarios porque din que están ralentizando a oferta de chan para as industrias. Por iso, o presidente da patronal, Javier González, sinalou que o que hai que proporcionar son máis facilidades para o asentamento de industrias.

O lugar onde se asenta o futuro polígono é unha área industrial e na actualidade hai dúas naves construídas. O responsable da entidade empresarial destacou que existen outras opcións que se deben analizar e evitar así máis gastos aos futuros propietarios. “O que temos que facer e sentarnos todos e ver se é viable, pois haberá que investir uns 400.000 ou 500.000 euros nunha zona na que hai mámoas e ao mellor é máis rendible facer ou parque industrial noutro lado”, declarou recentemente en La Voz.

Asistentes áao roteiro en defensa da mámoa do Salgueirón

Ferrol

Unha situación similar estase vivindo en Caneliñas, no Porto Exterior de Ferrol. Pero alí son os veciños os que queren defender as súas mámoas das obras do tren que conecta a cidade con esta infraestrutura.

Representantes da asociación de veciños de Brión fixeron pública a súa preocupación tras os resultados dun informe encargado polo Concello de Ferrol a Arqueoloxía do Noroeste S.L. sobre a posible afectación da zona de mámoas dos montes de Cha, cuxos resultados se coñeceron en agosto pasado. Nos mesmos concluíase que o estudo de impacto ambiental elaborado non incluía a afectación do túnel na zona pola que discorre nin tampouco a das verteduras de terras que se van a realizar neses montes.

A preocupación veciñal radica en que as montañas de terra que se saquen do túnel, que nalgún punto poden alcanzar os 13 metros de altura, poidan provocar desprendementos sobre as vivendas, ademais de afectar aos mananciais de auga e aos propios túmulos catalogados. Por iso solicitan ao Concello de Ferrol que se interese polo asunto e á Autoridade Portuaria que lles presente un proxecto detallado do lugar dos vertedoiros e da zona pola que se accederá ás mesmas, “ou nos veremos obrigados a impedilo, como fixemos cando se construíu o CIS da Cabana”, indicaron no Diario de Ferrol.

Fonte: La Voz de Galicia, Diario de Ferrol

Pode que che interese...