fbpx
Recreación da cidade vella da Coruña / ciudadvieja.com

Queres saber como foi o ataque de Drake na Coruña?

Tempo de lectura: 2 min.

O 4 de maio de 1589 unha frota de 170 naves; 6 galeóns reais, 60 buques mercantes ingleses, 60 barcos pequenos holandeses e unhas 20 “pinazas”,, moito maior que a da Armada Invencible, chegou ás costas da Coruña. Ao frente dela estaba o almirante Drake, antes pirata e corsario, ao fronte de 23.000 ingleses e holandes, entre eles 4.000 mariñeiros e 1.500 oficiais.

A batalla comezou xa ese mesmo día e non acabou ata o 20 de maio. Unha batalla desigual xa que na cidade había só 1.500 soldados. Pero, aínda así, e logo de 16 días de escaramuzas, os ingleses tiveron que retirarse, sobre todo, polo gran valor dos veciños da Coruña, entre os que destacou as accións de María Pita.

Todo o que ali sucecedu pode ser consultado, agora, no Arquivo da Real Academia Galega que acaba de abrir unha nova fiestra na Rede ao facilitar o acceso ao público á totalidade do seu catálogo, composto por máis de 32.600 documentos vinculados á historia de Galicia desde o século XI ata a actualidade.

Entre os fondos dixitalizados por completo, figuran o dos irmáns da Iglesia, que inclúe documentación relativa ao cerco da Coruña polos ingleses en 1589 ou os textos orixinais dos Xogos Florais celebrados na mesma cidade no ano 1861; o de Xohán Vicente Viqueira e a colección fotográfica de Pablo Beade, con imaxes de 1932 a 1987 de actos e actividades da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina. O Arquivo prevé incorporar proximamente a esta plataforma a colección de pergameos, con documentos de 1088 a 1756 de compravendas, foros, sentenzas xudiciais ou bulas.

Están tamén xa dispoñibles en copia dixital manuscritos como o do poema “Os pinos” (letra do Himno galego) de Eduardo Pondal, da obra teatral O Mariscal de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte e de textos de Curros Enríquez, Fermín Bouza-Brey ou o padre Sarmiento; fotografías de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez e Marcial del Adalid; ou o tumbo de Caión (1582-1787).

Enlace

A RAG activou na súa páxina, academia.gal, unha ligazón (http://academia.gal/arquivo-fondos) á web da devandita ferramenta, que dá acceso aos catálogos de máis de trinta arquivos de distintas institucións galegas.

O cambio facilita a consulta do Arquivo da RAG á comunidade investigadora e a calquera persoa interesada na historia e a cultura galegas, e con el a institución avanza no seu compromiso coa divulgación do legado que preserva. Desde esta nova plataforma, os usuarios poden xa acceder á copias dixital do 13 % dos documentos que custodia o Arquivo, que seguirá traballando para ofrecer cada día máis cun simple clic.

Pode que che interese...