fbpx
Zona da illa de Cuba do Mapa do mundo do ano 1550 de Pierre Desceliers

Sebastián Docampo, o galego de Tui que tamén descubriu América

Tempo de lectura: 5 min.

Sebastián Docampo. Lembren ese nome. Non é unha personaxe calquera. A pesar do seu anonimato marcou unha parte importante da historia galega, e tamén da española. Viaxou con Colón a América, foi amigo de Vasco Núñez de Balboa, do secretario persoal do rei Fernando e tesoureiro real de “La Española”, Miguel de Pasamonde e do propio gobernador e administrador de La Española -actual Santo Domingo e Haití–,  Nicolás de Ovando, que lle encargou que tamén descubrira parte do novo continente realizando a primeira circunnavegación por Cuba en 1508.

Oín falar por primeira vez de Sebastián Docampo escoitando ao poeta e amigo Antón Avilés de Taramancos nas inesquecibles veladas da “Tasca Típica”, a taberna  que rexentaba en Noia alá pola década dos 80 do pasado século despois da súa chegada de Colombia. Era un apaixonado das historias dos navegantes e os incribles relatos de exploradores e aventureiros que fixeron máis ou menos fortuna polas selvas amazónicas e os mares e terras de América do Sur.

Gustaba o escritor  da  xente que en  tempos do encontro de Colón co continente americano   navegara nas carabelas e foran participantes de semellante odisea, ademais dos que seguiron nas posteriores conquistas e espolios movidos pola ansia de conquista de terras e riquezas, feitos que vemos plasmados no seu  marabilloso, e creo que pouco coñecido libro de relatos deses mundos, Nova Crónica de Indias. (1989).

A lista de Avilés comeza co home que nos centramos agora que é Sebastián Docampo, nome que podemos ver no costado dando nome ao barco gardacostas de Galicia  botado no 2005.  Naceu en Tui, aínda que o poeta de Taramancos chama “navegante noiés”; ben é certo que daquela aínda non sería fácil o acceso ao seu testamento polo cal temos noticia de que seu curmán Alonso Docampo e demais familia si  eran veciños desta vila. No comezo do escrito, despois dun encabezamento ilexible pon: “Yo Sebastián Docampo, hijo de Piero Hernández de Tuy, natural de la ciudad de Tuy, estante que ahora estoy en esta ciudad de Sevilla , enfermo del cuerpo e sano de la voluntad”.

Ilustración do libro Nova Crónica das Indias (1989) ,/ Avilés de Taramancos

“Aquí yace Sebastián Docampo”

No traballo de Carme Mena do ano 2012 “Aquí yace Sebastián Docampo, que Dios perdona” (Perfil biográfico de un mercader , 1515) refírese a el como “o interesante e descoñecido personaxe da exploración e conquista do Novo Mundo: o galego Sebastián Docampo”. Neste traballo dáse conta da aparición das súas últimas vontades transcritas no 1515 polo escribán  Manuel Segura e sacadas a luz froito das investigacións de Manuel Giménez Fernández no Archivo de Protocolos Notariales de Sevilla.

Sábese que foi na segunda viaxe que fixo Colón para asentar colonias  no continente americano, como nos confirma Frai Bartolomé De Las Casas, dicindo que chegou a América en 1493 e que tivo moita relación con Vasco Núñez de Balboa  durante a súa estadía en Santo Domingo e Darién (Panamá), chegando a ser o seu confidente e apoderado dos seus intereses ante a Corte.

Foi o primeiro en circunnavegar Cuba no 1508, despois de ser comisionado para esta labor polo gobernador Frei Nicolás de Ovando, como capitán das dúas carabelas desta expedición para demostrar que esa terra era unha illa. Fixo a cartografía da costa e relatou o seu encontro co cacique dos Siboneis.

Faltan datos de como comezou o mozo de Tui a súa xeira vital, pero  deducindo das moitas  propiedades reflectidas no testamento do  aventureiro galego,  pódese asegurar con moita fiabilidade que participou na “conquista das canarias”, rematada no 1496 pola coroa de Castela, e foi despois cando se  asentou durante uns anos na illa da Gomera  antes de dar o paso á aventura atlántica. Aquí comezou a posuír moitas facendas e fincas no chamado El Valle del Gran Rey. Debeu de chegar a ser influente e poderoso, pois  o seu curmán  de Noia, seguramente chamado por el a esas latitudes, foi gobernador desta illa por varios anos.

Tivo dous fillos e unha filla  de diferentes mulleres,  unha destas sería María Docampo e polo apelido pertencería nalgún grao de parentesco a súa familia, vivía tamén na Gomera. Con ela tivo por fillo a Gustavo Docampo. Con outra, da que non sabemos o nome e que o tería  acompañado a América, naceu Simón Docampo que na hora da morte do seu pai estaba vivindo na illa de San Juan. Ademais tivo unha filla, María Docampo, froito dos amores cunha veciña de Tenerife.

Ilustración de La Canarien sec. XV. Diario do Barón normando Jean IV de Béthencourt

Coincidiu con Frai Bartolomeu de las Casas

Despois da chegada  de Docampo ao novo continente en 1493, como temos adiantado, coincidiu con Frei Bartolomeu De las Casas  en  Santo Domingo,  e era  xa daquela   segundo o relixioso “harto hombre de bien” respectado polos seus veciños. Suponse que o noso personaxe aprendera a moverse naquel difícil mundo de intereses e estaría rodeado de influentes compañías que o axudarían a medrar nos negocios das Indias, xa con relacións coa Corte como coa mesma Casa de Contratación de Sevilla.

Nese contexto  estarían tamén os negocios co secretario persoal do rei Fernando e tesoureiro real de “La Española”, Miguel de Pasamonde. Das relacións co propio gobernador e administrados da illa  Nicolás de Ovando, viría a encomenda de circunnavegar Cuba e así  o contaba De las Casas: “Acordó también por este tiempo, que era el año de quinientos ocho, el comendador mayor, enviar a descubrir del todo a la isla de Cuba, porque hasta entonces no se sabía si era isla o tierra firme, ni hasta dónde su largura llegaba, y también ver si era tierra enjuta, porque se decía que lo más era lleno de anegadizos, ignorando lo que el Almirante, cuando la                                                                       descubrió el año de noventa y cuatro, había visto en ella.

Este feito da navegación ao redor de Cuba queren algúns autores non atribuírlla ao explorador  galego, baseándose en algún desacordo coas datas e na afirmación que fai o cronista González Fernández de Oviedo:  “(Sebastián de Ocampo) …fue a aquella isla e tomó tierra en ella, pero hizo poco».

Non era o obxectivo do artigo alargarnos a contar moito máis da interesante vida de Sebastián Docampo nin buscar, se os houbera, relatos ou documentación na que se desentrañara a súa  biografía polo miúdo, que como di no traballo Carme Mena García “hai demasiado apego aos relatos excesivamente épicos e moitas veces contraditorios dos cronistas de Indias”.

Sebastián Docampo está enterrado na Igrexa de San Sebastián no barrio de Tablada en Sevilla,  diante do altor maior, nunha sepultura de bóveda cuberta por lousa de mármore branco na que  deixou mandado que se puxera : Aquí yace Sebastián de Ocampo, que Dios perdona.

Que os deuses nos perdoen a nós tamén por ter a vida  deste personaxe, e outros do seu tempo,  esquecidos nos lindeiros da historia e dos arquivos.

Bibliografía

Antón Avilés de Taramancos.  Obra Viva.  Ed. Laivento. Santiago de Compostela . 1992

Carme Mena García.  “Aquí yace Sebastián Docampo, que Dios perdona” (Perfil biográfico de un mercader , † 1415)  Anuario de Estudios Americanos. Xullo – Decembro 2012  

Cesareo Férnández Duro. Armada Española (desde la unión de los reinos de Castilla y Aragón) Vol.I   1894.

Ramón Julio Didiez Burgos.   Análisis del diario de Colón. Guanahaní y Mayaguaín. Las primeras  isletas descubiertes en el Nuevo Mundo. 2ª Ed 2015. Archivo General de la Nación.  Impresión en Editora Centenario. Santo Domingo. República Dominicana

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...