O 'Map 212'é o manuscrito orixinal en cor do proxecto de creación do que hoxe en día é o parque da Alameda de Santiago / USC

Xa se poden consultar na Web os mapas históricos da USC

A Biblioteca da USC está a desenvolver un proxecto para a preservación e difusión a través de internet da súa colección de mapas, algúns deles pezas de singular valor. Son un total de 600 documentos aos que a tecnoloxía posibilita unha revitalización a través da súa dixitalización o que facilitará a súa difusión e acceso a través do repositorio institucional Minerva onde poden ser consultados, visualizados e descargados de xeito libre e gratuíto.

O proceso de dixitalización atópase actualmente en desenvolvemento e comezou polos mapas anteriores a 1900 relacionados con Galicia. A día de hoxe, todos os antigos e relativos á comunidade autónoma, un total de 20, están xa catalogados na base de datos Iacobus. Ademais o repositorio Minerva xa conta coa correspondente versión dixital de 14 destes documentos, cifra que se completará en datas próximas. O proxecto da Biblioteca para dixitalizar as súas coleccións do fondo antigo contribuirá á súa preservación en paralelo coa súa difusión a través da rede, posibilitando así o seu uso remoto e continuado por parte de persoal investigador e estudosos.

Pezas singulares

Conservados na Biblioteca Xeral da USC, entre os distintos mapas conservados atópanse exemplares “realmente curiosos e valiosos”, como explica a directora da Biblioteca Mª Isabel Casal. É o caso do ‘Map 212’, mapa manuscrito orixinal en cor do proxecto de creación do que hoxe en día é o parque da Alameda de Santiago, de Blas Galiano e datado en 1831, considerado o plan de reforma desta zona da cidade e de facto da creación do parque.

O ‘Map 201’ é un dos máis antigos mapas de Galicia dos que se conservan na cartoteca universitaria compostelá / USC

Outro exemplo único é o rexistrado como ‘L 5064’ e que a partir da Carta geométrica de Domingo Fontán impresa en 1845 inclúe unha actualización manuscrita coas estradas e liñas de ferrocarril dispoñibles en 1917. A actualización do traballo de Domingo Fontán foi obra de Antero Rubín Homent. Finalmente, entre os fondos tamén se atopa o ‘Map 201’, un dos máis antigos mapas de Galicia dos que se conservan na cartoteca universitaria compostelá, o ‘Plano de las Rías de Ferrol, Coruña y Betanzos’, datado en 1787.

Minerva

Aludindo á deidade da mitoloxía romana consagrada á sabiduría e ás artes, o repositorio institucional Minerva creouse hai tres anos para albergar, difundir en acceso aberto e preservar os documentos derivados da actividade institucional, científica e docente da comunidade universitaria da USC. Ademais e tomando como mostra o labor que se está a desenvolver arredor dos mapas depositados na USC, o seu fondo tamén abarca a dixitalización do patrimonio documental da institución académica compostelá.

Minerva inscríbese no marco do movemento internacional denominado Open Access (Acceso Aberto), iniciativa que promove o acceso libre e gratuíto á literatura científica e académica como medio para mellorar o sistema de comunicación científica e o acceso ao coñecemento.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: