fbpx
Feijóo visita as obras da Autovía da Costa da Morte / xunta.gal

A Costa da Morte, destino turístico e patrimonial ignorado polas administracións

Tempo de lectura: 9 min.

Cara ónde levan os camiños? . Noutro lugar do mundo respostar a esta pregunta podería ser sinxelo, pero, facendo honra ó famoso tópico galego, no extremo máis norocidental de Galicia, na Costa da Morte, semella que a resposta a esta pregunta non é tan clara. Ou así se reflicte se atendemos directamente a sinalización turística da principal infraestrutura viaria da zona, a recén inaugurada autoestrada da Costa da Morte (AG-55). Nos máis de 25,5 km de percorrido non podemos atopar nin un só dos famosos carteis turísticos do SISTHO, Sistema de Sinalización Turística Oficial da Rede Viaria do Estado, os xa famosos carteis marróns. A pesares dos claros atractivos turísticos desta zona de Galicia, da súa importancia natural e do carácter singular e simbólico, durante todo o trazado da estrada non se fai referencia algunha a ningún dos moitos monumentos nin espazos naturais da zona.

E é que non son poucas as estradas sobredimensionadas en Galicia e moito menos na Costa da Morte, unha rexión de contrastes en cuestión de infraestruturas viarias, dende boas estradas coma AC-552, ou as que unen esta con Malpica (AC-418), Cabana (AC-430), Muxía (AC-440) ou Camariñas (AC-432), ata a outras moitas que, non sendo tan principais, precisan cando menos dun asfaltado. No tramo de autoestrada entre Carballo e Santa Irene, o inaugurado no pasado verán de 2016, que atravesa as comarcas de Bergantiños e Soneira, destaca, non pola súa falta de sinalización, senón por encarar unha grande cantidade de saídas con nomes non moi  familiares para que non son orixinarios da zona, como San Paio, A Agualada, A Piolla, ou Nantón, mentres, pola contra, lugares de referencia nun sentido estritamente turístico non aparecen reflectidos en todo o seu trazado. A autoestrada carece de calquera tipo de sinalización turística, nin das citadas sinais marróns nin de outra de ningún tipo, tan só no remate do itinerario, xa na AC-552, na rotonda á altura de Santa Irene, se sinala ó aceso á ruta dos dolmens nun pequeno cartel rosa.

Isto chama poderosamente a atención se temos en conta o feito de que a Costa da Morte é un dos principais destinos turísticos de Galicia. De feito o propio concello de Fisterra é o segundo lugar máis visitado da comunidade, algo que ven abalado non só por ser a fin do Camiño de Santiago, senón tamén por recibir o seu cabo a declaración de Patrimonio Europeo no ano 2007. Ademais, o conxunto da propia Costa da Morte, no seu aspecto natural, forma parte dos lugares da Rede Natura europea, creada para preservar o patrimonio ecolóxico. O desta zona de Galicia se atopa declarado como Lugar de Importancia Comunitaria ou LIC. Ademais, no cultural, esta rexión conta con monumentos e lugares paisaxísticos de primeira orde dentro do conxunto Galicia, grandes referentes da nosa identidade cultural e monumental, coma o castro de Borneiro, o dolme de Dombate, o santuario da Virxe da Barca, o espazo paisaxístico dos Penedos de Traba, o castelo de Vimianzo ou o cabo Vilano, a costa de Trece, o monte Pindo, o salto do Ézaro, ou os hórreos de Carnota e Lira… e a enumeración podería continuar.

Panes turístico de Vimianzo do SISTHOB

A infraestrutra máis agardada…e máis perigosa

O certo é que esta autoestrada é sen dúbida algunha a infraestrutura máis agardada do noroeste galego, unha vía prometida polos gobernos do Partido Popular tras o desastre do Prestige no ano 2002, e que, dende os primeiros proxectos serios, tivo que agardar 13 anos ata a inauguración dun dos seus primeiros tramos o pasado verán. A inauguración foi o 29 de xullo coa presenza de Alberto Núñez Feijóo, da conselleira Ethel Vázquez, así coma dos principais alcaldes das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. Durante a inauguración do novo trazado, que conecta como autoestrada a cabeceira bergantiñá de Carballo coa vila zaense de Baio, e como corredor coa parroquia vimiancesa de Santa Irene, o presidente galego reiterou a súa promesa de continuar o trazado ata Berdoias a curto prazo e de rematar ó corredor ata a vila de Cee algún día. Tamén alabou a calidade do trazado recén inaugurado así coma a notable mellora nos acceso a lugares como as vilas como Muxía ou Camariñas.

En realidade a calidade da autoestrada non é moi desdeñable, sobre todo se se compara co seu tramo precedente entre a Coruña e Carballo, un dos máis perigosos do noroeste peninsular. Esta infraestrutura data de setembro de 1993, e unía orixinariamente, sen peaxes, a cidade ártabra coa vila de Laracha. No ano 1997 rematouse o seu trazado ata Carballo, a capital da comarca, aproveitándose aquel momento para a instalación de peaxes en todo o seu trazado, o que causou unha grande polémica seu momento, durando ata a actualidade. A concesión estaría a cargo do grupo Itínere e se faría efectiva ata o ano 2045. Este primeiro tramo contaba cun trazado especialmente complexo, limitado nalgúns tramos a velocidades de 100 km/h, ou 80 km/h segundo as condicións meterolóxicas, un trazado con grandes pendentes superiores o 6% e curvas moi peraltadas. A única sinalización turística instalada neste primeiro tramo foi, moi recentemente, a de Arteixo, vila termal, co que dende esta localidade, a uns 10 km da Coruña, ata a propia vila de Baio, arredor duns 50 km non aparece ningunha outra referencia turística.

Torres, castros, batáns…

A súa prolongación dende Carballo ata a localidade de Baio proxectouse sen cabinas, pero con peaxe nas sombras. A primeira licitación de este tramo data do ano 2010, sen embargo a inauguración retrasouse 6 anos máis por falta de fondos da adxudicataria, que terá os dereitos ata o ano 2038. O certo e que para a construción de este tramo se precisaron 13 anos e 170 millóns de inversión, para crear uns 25,5 km de autoestrada ata Baio máis 2,2 como corredor ata a localidade de Santa Irene, contándose en total dende a cidade da Coruña con 56 km de vía de alta capacidade. Co novo tramo cada condutor aforra ó redor duns 15 minutos, o mesmo tempo que leva o trazado, reducindo á metade os 25 ou 30 que leva pola estrada convencional e evitando varios tramos de travesía. Segundo afirmaba o presidente da Xunta a AG-55 terá un volume de tráfico agardado de 13.000 vehículos diarios e mellorará a comunicación dos 16 concellos máis norocidentais de Galicia, conectando, segundo se afirmaba, uns 116.000 habitantes.

Dolmen de Dombate / turismo.gal

En tal inversión de medios destaca sen embargo que a infraestrutura non conte tan sequera cun só elemento de sinalización de referencia natural ou cultural. Algúns dos lugares os que se achega a autoestrada son especialmente salientables. O primeiro desvío que atopamos aínda na saída de Carballo é o de Malpica (n.33), aquí poden verse lugares como a vila oleira de Buño, o monte Neme o Cabo San Adrián, as Illas Sisargas, importante refuxio de aves, ou as Torres de Mens, a famosa Punta do Roncudo ou na vila de Ponteceso a casa natal de Eduardo Pondal. Na saída de Coristanco (n.35) ó acceso o refuxio de Verdes, nos de A Piolla (n.49) e Nantón (n.53), a Torre da Penela e o salto de Riobó. Á altura de Baio, no acceso a Cabana de Bergantiños e Laxe (n.60), o castro de Borneiro e o dolmen de Dombate, o santuario do Briño, os estaleiros de Cabana e o icónico porto de Laxe. Máis adiante (V.R. 1.5), Vimianzo, co seu castelo e o pazo de Trasariz, os batáns do Mosquetín ó acceso ós Penedos de Traba, a Ponte do Porto e as Torres de Cereixo. Nada se di de Fisterra como vila turística, nin do cabo, declarado Patrimonio Europeo, nin moito menos das referencias monumentais que se atopan aínda máis alonxadas da autoestrada.

O caso, sen dúbida, máis destacado é o das Torres do Allo que ten practicamente unha saída propia na autoestrada (a n.58) pero que non conta nin coa máis mínima sinalización a este importante monumento, nin no seu acceso, nin tan sequera na rotonda que une a autoestrada coa comarcal, a non máis de 300 m. Si se sinala na autoestrada, sen embargo, o seu polígono industrial veciño. Tampouco na citada saída n.60, que daría aceso á AC-430, e ós seus numerosos monumentos no concello de Cabana, que estarían a menos de 4 km, se sinalan. Por último en Santa Irene, a parte da vaga sinalización á ruta dos dolmens, que de feito comeza no concello de Malpica, máis de 20 km atrás, nin sequera aparece referencia o de Dombate, nin os famosos batáns do Mosquetín na mesma parroquia de Santa Irene, a menos de 1 km do final da vía. Tampouco ó principal monumento da ruta AC-552, o castelo de Vimianzo. Todos eles elementos que cando menos deberían atoparse sinalizados nas numerosas rotondas de acceso a autoestrada.

Pero, podería haber algunha explicación a este fenómeno estraño no contexto das estradas españolas?. Tratando de indagar sobre o asunto podemos identificar algunhas causas. A principal é a propia normativa legal. As normas de sinalización vial apuntan na norma 8.1 IC de sinalización vertical ás localizacións de interese turístico, en concreto no punto 3.2.2.3 “Os lugares de Interese Cultural, destinos naturais e ofertas de sol e praia se sinalizarán de acordo o especificado no Sistema de Sinalización Turística Homologada da Rede de Carreteras do Estado”. Esta sinalización, coñecida como SISTHO xurde dun convenio asinado en 1998 entre a secretaría de Estado de Infraestruturas e Transportes do Ministerio de Fomento e a de Comercio e Turismo e Mediana Empresa do Ministerio de Economía e Facenda no ano 1998. O obxectivo era establecer un sistema de sinalización que informara os cidadáns en tránsito dos lugares que teñen especial interese turístico.

Mapa da Autovía da Costa da Morte

Sinalización obrigatoria

A sinalización debía reunir tres características técnicas precisas como que a información se transmitira co máximo respecto ás normas de seguridade vial,  ter un carácter homoxéneo en todo o territorio e que a súa imaxe teña un nivel de calidade acorde coa oferta turística. Os destinos se dividiron en tres grandes  grupos co seus respectivos pictogramas: culturais, naturais e sol e praia. O problema está en que os destinos que poden ser sinalados figuran nunha listaxe oficial e se elixen á proposta dos interesados, en estes caso das Comunidades Autónomas. As listaxes foron elaboradas en 1998, 2009, 2013 e 2015, e se non se inclúe nesta listaxe una cidade, lugar ou monumento, por lei, non é posible colocar os citados carteis marróns. Ademais estes teñen que estar a menos de 40 km do lugar. É posible que, polo tanto, ó non aparecer ningún dos lugares nin monumentos ós que se achega a autoestrada na listaxe de lugares de Interese Turístico da Comunidade de Galicia, legalmente sexa imposible colocar ningún dos famosos carteis. Por outra banda, os máis alonxados, como podería ser o caso de Fisterra, ó atoparse especialmente lonxe da autoestrada, tampouco poderían ser sinalizado.

O certo é que despois dunha busca exhaustiva da citada listaxe, ou das súas actualizacións, non nos foi posible atopala, polo que, a falta dunha demanda formal como tal á Xunta, esta listaxe non é pública. Polo tanto é imposible saber cáles son os lugares ou monumentos susceptibles desta cartelería. Por outra banda, se analizamos a situación, tal e como recolle o SISTHO, ó ser as propias Comunidades Autónomas as que solicitan a inclusión dos lugares e monumentos na listaxe, a responsabilidade de non ter monumentos no trazado da autoestrada, ou máis ben de non marcalos, seguiría a recaer na propia Xunta ó non ter demandado a inclusión de elementos na listaxe. Por último non cabe a escusa de estar a agardar o futuro para incluílos xa que a estas alturas deberían estar incluídos se se ten en conta que estamos a falar dunha autoestrada que leva 7 anos en obras e unha década en proxecto.

Ademais, o problema co SISTHO, non é un problema excluínte, xa que, como tamén estivemos a estudar, existen outros medios de sinalizar lugares ou monumentos de interese dentro dunha autoestrada sen facer directamente uso da sinalización dos carteis marróns. Aínda que polo xeral as referencias que marcan cada saída dunha autoestrada deben ser localidades, tamén é corrente que adxuntos ó nome dunha localidade de saída ou dun lugar determinado aparezan os servizos que se atopan na mesma, como restauración, estacións de servizo, hoteis ou monumentos, e chegaría unha sinalización que inclúa estes elementos para referirse a un lugar monumental concreto. Chegaría con sinalar a dotación monumental dunha saída, e na propia rotonda de acceso á comarcal, aquí si, destacar a dirección e a distancia ó monumento. Mais na autoestrada da Costa da Morte tampouco ocorre así.

Cartel de estrada

Por último, caben algunhas explicacións máis, máis alá da deixadez da Xunta, aínda que estas teñen que ver meramente con ámbito estrito do xogo político. Neste sentido apuntan algunhas voces a unha deslealdade institucional, xa que os principais monumentos da Costa da Morte, e a súa rehabilitación estiveron historicamente nas mans de outras institucións diferentes da Xunta. A autoestrada da Costa da Morte tivo que ver dende a súa creación con ámbitos políticos, xa que foi unha proposta dos gobernos populares como moeda de cambio coas xentes desta costa trala traxedia do Prestige. O Partido Popular tomou esta autoestrada como un reto propio que, en parte, tiña relación coas protestas xeradas polo primeiro tramo da AG-55 ata Carballo, por outra, por ser a Costa da Morte maioritariamente de esquerdas nas súas alcaldías dende mediados da década pasada. Tras a inauguración os alcaldes do BNG acusaban ó goberno de Feijóo de paralizar o tramo que pasa polos concellos nacionalistas de Zas e Vimianzo, mentres a propia inauguración facíase coincidir coas recentes eleccións galegas.

No tocante ós monumentos da zona, e á súa sinalización cabe destacar que practicamente todos os esforzos museográficos e de rehabilitación dos monumentos da zona débense case en exclusiva a unha institución en concreto, a Deputación da Coruña, na actualidade en mans socialistas. De ela se debe a rehabilitación do castelo de Vimianzo, o dolmen de Dombate, os batáns do Mosquetín, o Forno Novo de Buño, ou as Torres do Allo, entre outros. É certo que a da Costa da Morte é unha autoestrada necesaria para articular un gran territorio ó oeste do eixo atlántico, e que é unha vía de alta capacidade necesaria para vertebrar unha das zonas rurais máis deprimidas de Galicia, sen embargo a verdade é que, unha vez máis, a pesares de pasar unha infraestrutura de primeira orde por unha zona como a Costa da Morte, sexan cales foran os motivos, a autoestrada non foi en absoluto pensada, ou así o reflicte a súa cartelería, en termos turísticos, paisaxísticos, monumentais nin culturais.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...