fbpx
Amada García, militante comunista asasinada en Ferrol en 1938 cando acaba de dar a luz

Bernardo Máiz: “Amada García loitaba polo empoderamento feminino e por iso a asasinaron na Guerra Civil”

Tempo de lectura: 10 min.

Amada García foi unha moza asasinada en Ferrol durante a Guerra Civil. Acusárona de ser xefa comunista cando estaba preñada.  Prendérona  por orde xudicial en abril do 1937 e xa non saíu máis. Foi asasinada cando outros sete republicanos  o 27 de xaneiro do 1938. O historiador Bernardo Máiz acaba de publicar “Amada García e os seus arredores”, un libro no que narra a historia desta muller e a represión franquista na comarca de Ferrolterra. O día 2 de marzo é a presentación en Pontedeume, o 9 en Vigo, o 16 en Santiago e o 23 na Coruña.

Poucas veces se fan traballos coma este sobre a represión das mulleres durante a Guerra Civil e o Franquismo. Por que decidiches contar a historia de Amada?

 Como sabes, levo moitos anos investigando e publicando sobre a historia da Galiza contemporánea e oín falar de Amada García dende neno, pois é unha historia presente en todo Ferrolterra, ela ficou na memoria popular como emblema como vítima maior entre as vítimas da represión, a súa morte un drama verdadeiro envolto en mitos tan agarimosos como sentimentais, nos que eu intuía á protagonista como minimizada, unha pobre muller asasinada, fusilada,  a pouco de parir cando nada fixera a pobre, só bordar unha bandeira, mais percibía como historiador que había moito máis detrás, e habíao, vaia se había, Amada non era unha pobre muller, unha inocente, era unha muller que non bordou ningunha bandeira, unha muller que loitaba polo empoderamento feminino e acadou protagonismo político, e tal foi o que lle custou a vida.

O historiador Bernardo Máiz

Hai estatísticas que din que entre 1936 y 1939, 77 mulleres foron asasinadas, 274 represaliadas e milleiros, silenciadas, Elvira Bao, Consuelo Rodríguez, Chelo, e tantas outras. Custa imaxinar como foi a vida desas mulleres represaliadas. Como era a de Amada?

Lamentablemente, nese período foron asasinadas máis mulleres en Galiza, xa temos unha nómina de 86, delas 27 na área de Ferrol, boa mostra do compromiso feminino nesa terra coa democracia e a República. As máis delas eran rapazas novas, da xeración que coa república de 1931 deu un paso adiante, mulleres que saíron á rúa reclamar os seus dereitos en igualdade, todos, non só o de voto, ían por diante dos partidos. Amada desenvolveu un forte activismo, militando no Partido Comunista, intervindo en  mitins, formando parte dunha lista electoral da Fronte Popular cara as eleccións municipais de 1936 que non chegaron celebrarse. Esa era a xeración da miña nai, estudante de medicina no tempo republicano, quen dicía que perdera a guerra dúas veces, como demócrata e como muller.

Lémbrome agora da personaxe do doutor Pereira da novela de Tabucchi no Portugal salazarista tentando escapar da realidade metido no seu xornal cultural. Como era a vida diaria dos perdedores durante a guerra e os primeiros anos do franquismo?

O franquismo sementou e cultivou o medo con execucións, paseos, malleiras, desterros, multas, depuracións, …, e perdurou corenta anos elaborando e aplicando unha lexislación na que estaba prohibido todo o que non era obrigatorio.

A vida dos derrotados coido está moi ben recollida no poema de Carvalho Calero “Como puidemos viver?”, no que escribe “(…) Os olhos múltiples e insones da Medusa fixos en nós á espreita / dos que tiveron que viver morrendo entre os seus matadores,/ Lendo a imprensa / que de lama nos enchera, saudando/as insignias contra as quais militaramos”. Ata o paso dos corenta aos cincuenta a única oposición verdadeiramente activa en Galiza era a oposición armada, a guerrilla, a non ser que  vexamos a non colaboración co ”Régimen” , o exilio interior, como unha forma de oposición, que tamén.

Lembremos que os anos corenta son lembrados como os anos da fame, o racionamento durou ata 1952, sufrimos un gran atraso tecnolóxico, … Os índices económicos españois, o PIB, de 1935 non se recuperaron ata 1957. Despois, de comezos dos sesenta en diante, a emigración e o turismo aportaron divisas e a represión amornou na forma, tamén o xeito de se opor á ditadura franquista, o protagonismo pasou ao movemento obreiro e ao estudantil.

“Dicen que la hija de Petronila, la redeira, Amadita, quiere ser concejala. Por Dios, una vergüenza!. La mujer de un obrero!”, recolles no teu libro. Un estigma social que aínda pervive, non?

As cousas mudaron hoxe … Algo. Hai unha dereita “de toda la vida”, unha clase / casta que conforma un bloque de poder, moito,, que entendía e entende que o dereito a gobernar elles propio, que lles pertence de xeito natural, a eles e quen se lles arrima, a pequena burguesía mimética. Iso sucedía daquela e hoxe,  no só na gran política, tamén a nivel local, mais para aquel tempo abonda repasar quen ocupaban entón as alcaldías nas vilas galegas, comerciantes, armadores, a mesocracia …

Que mulleres participaban en política no tempo republicano? Eran moi poucas,  eran avogadas, mestras, co caso excepcional de Dolores Ibarrruri, do Partido Comunista como Amada García, unha excepción, como eran excepción as alcaldesas coas que din na Galiza republicana, só dúas e as dúas con estudos.  Esa dereita vilega pequeno burguesa e paifoca, de Casino e Acción Católica, malamente aturaba un mariñeiro, un carpinteiro, un albanel… nun cargo público, menos unha muller e aínda menos se era de orixe popular, reaccionaban, eles e elas, con desprezo e xenreira, un clasismo e un sexismo que agachaban envexa e medo.

Artilleiros franquistas agardando para ocupar Ferrol o 20 de xullo de 1936

O pai era anticlerical. O curmán era cenetista. O home da UGT…Como era a Galicia, o Ferrolterra do 36, para que unha muller como Amada se meta de cheo na revolución?. A familia influía máis que a política ou era a política a que acaba influíndo nas familias?

No caso concreto de Amada García hai que considerar o medio, todo el, unha Ferrolterra cosmopolita e moi virada á esquerda, o berce do movemento obreiro galego, e concretamente Mugardos aínda máis a esquerda; funcionaban na vila, e ben, un Centro Republicano, un potente Ateneo Libertario, un grupo comunista moi activo, unha agrupación socialista, en Franza e O Seixo había dúas entidades sociais moi dinámicas e unha Irmandade Galeguista, entre San Xoán e Limodre (Fene) mantiñan unha casa do pobo… Asemade, a proximidade a Ferrol, apenas quince minutos en lanchas de pasaxe dende Mugardos ou dende O Seixo, facilitaba as actividades sociais e políticas, tamén as laborais.

Coméntanme que este libro non é unha biografía ao uso, é verdade, non é unha biografía lineal. Amada é o fío condutor dun tempo e dun espazo, presento os parámetros económicos. políticos, sindicais , educativos. de Ferrolterra e de Mugardos, pois Amada era filla do seu tempo, unha muller espelida nun ambiente familiar e local sensible, doado para que ela, e outras, tomaran conciencia de si como mulleres con dereitos, como cidadás en igualdade.

Tes contado que do 20 ao 24 de xullo morreron unhas 40 persoas en Ferrol só en tiroteos entre golpistas e republicanos. E logo houbo unha brutal represión. Que pasou neses días negros para que unha muller acabara condenada a morte?

A consecuencia do posicionamento político e da polarización política históricas, a represión en Ferrol foi terrible, un lugar cun gran estaleiro, un Arsenal  e Base Naval, o único lugar de Galiza no que houbo posibilidades de que os alzados forran derrotados militarmente. Iso explica que en Ferrolterra eliminaran fisicamente case á terceira parte das persoas que os sublevados mataron en Galiza, entre eles moitos profesionais da Armada e traballadores do sector naval, a maioría veciños da zona mais tamén  de lonxe, pois a demarcación ferrolá da Delegación de Orde Pública abranguía todo o norte da provincia da Coruña, polo que a Ferrol levaban xulgar en consellos de guerra e, se era o caso, executar, moitas persoas de lonxe, ata Mañón, As Pontes, Miño, tamén mariñeiros da Armada republicana. Sirva como exemplo desa centralización un aspecto que  recollo no libro: das 90 persoas de Mugardos asasinadas polo franquismo entre 1936 e 1976, só 15 delas foron eliminadas en territorio mugardés.

Amada García formou no Comité mugardés de defensa da República creado polo Fronte Popular de Mugardos o día 19 de xullo e ata o día 24, cando entrou o exército sen enfrontamento armado algún; como Ferrol xa caera o día 22, a xente de esquerdas máis avisada fuxiu ou se agachou. O único que sucedeu en Mugardos neses cinco días foi a constitución de patrullas, requisas de armas, barricadas, a detención por orde do gobernador civil dun grupiño de “pollos fascistas” aos que nada lles pasou, mais,  por desgraza, houbo  un tiroteo no Pazo do Piñeiro cando os dereitistas alí afortalados se negaron a entregar as armas que tiñan, dispararon dende dentro, mataron a un carabineiro e, na resposta  dos defensores da legalidade republicana, perderon a vida un dos rapaces do pazo e un crego que alí vivía. Precisamente, a investigación xudicial militar que conduciu á execución de Amada García, quen nunca no Piñeiro estivera, comezou pola investigación do sucedido nese lugar e rematou enguedellando máis de setenta persoas de Mugardos, Ares, Fene, Cabanas …, con resultados ben tráxicos.

Do 25 de xullo e ata o 24 de +decembro do 1936, Amada García sufriu arresto domiciliar, cortáronlle o pelo ao cero, foi aldraxada, foi sometida a traballos forzados nas obras do peirao de Mugardos, nada menos e tampouco nada  máis, aínda que no “Correo Gallego” do 19 de agosto a cualificaban como xefa comunista.  Prendérona  por orde xudicial en abril do 1937 e xa non saíu máis, o consello de guerra foi os días 1-2-3 de  decembro, ela outros sete republicanos  foron executados o 27 de xaneiro do 1938, outro máis meses despois. Polo tanto, Amada e os seus compañeiros non caeron cando a represión en quente no fervello dos primeiros días da traxedia que comezou en xullo do 1936, cando máis mortes irregulares houbo, cando nos consellos de guerra condenaban a esgalla. O sucedido con Amada e os seus camaradas foi en frío, mesmo hai quen me comentou que si sería para dar exemplo, tardío digo eu. Amada foi vítima en primeiro lugar dun réxime  político sanguiñento, en segundo lugar da intolerancia levada ata as últimas consecuencias.

Con todo, no libro falas de Manuel Vázquez Fariña, o alcalde de Mugardos, como impulsor da denuncia por desfeito ao ser rexeitado por Amada. Que hai de certo ou de lenda nesta historia?

O tenente López-Sors, xefe militar de Mugardos, redactou un informe terrible e cheo de falsidades a finais de xullo do 1936 contra as persoas do Comité da Fronte Popular de Mugardos, informe que utilizaron cando o consello de guerra, outro informe posterior de Vázquez Fariña é aínda máis duro, como outro do Esteban Cortizas (!Bailarín”) como xefe local de “Falange”, neses informes, e sen que houbera delito de sangue en ningún dos encausados, basearon as condenas a morte.

O capitán de artillería López de Ayala, moi bo defensor de Amada, foi quen lle recomendou pórse como vítima da vinganza dun sátiro ofendido por ser rexeitado nas súas pretensións libidinosas. As miñas referencias orais sinalan que as inclinacións sexuais do tal eran outras.

Hai tamén algo moi chocante en toda esta historia, ou polo menos a min mo parece, que é a condena de Amada xusto despois de ter un fillo. Nin o tan “catolicisimo” Movemento Nacional tiña normas, digamos humanitarias, para evitar situacións así?.

Amada estaba presa no cárcere de mulleres de Ferrol, e pariu a Gabrieliño o 31 de outubro do 1937 no hospital de Caridade, vixiada por un garda, aínda no elevara o fiscal militar a súa petición de penas, mais no auto de procesamento dedúcese xa que as penas ían ser fortes. Si é certo que sorprende moito a execución da nai dunha filla de sete anos e dun neno de tres meses, de feito á outra condenada a morte, Elena Leira, tamén nai, conmutáronlla. Dúas señoras de Mugardos conseguiron entrevistarse cun xurídico militar para interceder por Amada, e confirmei a resposta que lles deu do militar mercé a unhas notiñas manuscritas: non ía haber perdón para ela; quen queira coñecer a resposta  na súa literalidade  que mire na páxina 260 do libro. De novo a intolerancia, mais tamén estamos analizando a sinrazón, polo que non se lle pode buscar lóxica algunha ao sucedido, agás a barbarie, o exterminio do enimigo.

Naquel frío 27 de xaneiro tamén foron fusilados, xunto a Amada, Juan José Teixeiro Leira, José María Montero Martínez, Ángel Roldos Gelpi e Antonio Eitor Cañiza de Mugardos, Ramón Rodríguez López e Jaime González Pérez de Ares e Germán López García de Cabanas. Mataban entón xuntos a homes e mulleres, por que?

Os homes estaban presos no castelo de san Felipe, Amada García e Elena Leira no cárcere de mulleres de Ferrol, foron trasladadas ao castelo de San Felipe, as dúas cun bebe no colo, os días do consello de guerra, e Amada de novo o 26 de xaneiro, o día anterior á súa execución. Só houbo oito mulleres executadas en Galiza por sentenza xudicial, e, agás Amada, coido as mataron dunha en unha, en datas e puntos diferentes,  mais si teño comprobado como noutros lugares os fusilamentos eran mixtos se a condena era colectiva, mesmo xuntaban persoas condenadas en máis dun consello de guerra.

Tapias do castelo de San Felipe, en Ferrol, onde foron asasinados numerosos antifranquistas durante a Guerra Civil / panoramino.com

Ti coñeceches ao home de Amada, a Gabriel Toimil, e o resto da familia. Tamén tes falado e tratado con moitos represaliados. Como describirías o que sente unha persoa que perde a un ser querido nesas circunstancias?.

Eu levo moito mirado e moito vivido, manteño unha frialdade aparente, mais, teño anotado cun nó na gorxa, entrevistado con bágoas nos ollos, imaxina ás familias, hai xente que nunca superou  o trauma, son vítimas colaterais dun crime.

Despois da execución de Amada Gabriel Toimil Dopico, o viúvo, entregou á súa filla á familia Toimil e o neno Gabrieliño aos avós maternos, que abandonaron Mugardos paras sempre. Gabriel nunca máis tivo problemas, marchou lonxe e non volveu ata a xubilación; entrevisteime con el dúas veces, contoume cousas, moitas, mais algunhas non quixo, mesmo a segunda vez, el xa moi maior, mandoume marchar, que o deixara en paz, e o entendo. O seu fillo,Gabriel Toimil García, arrastrou sempre a carga da morte da súa nai, gábome da amizade que cheguei ter con el, da moita información que me deu, mais tiña unha tristura que algúns estimulaban, non sei, hai xente que prefire o morboso so verdadeiro… Dicíame esoutro día Amada Toimil Rey, neta de Amada García, filla de Gabriel, o neno nacido estando ela presa, que, ao fin, ela deu superada a tristura mercé a publicación do libro,  é a memoria liberada lendo a verdade; ela mesma aportou un escrito que vai nos anexos.

E en toda a túa historia sempre está voando a idea do castelo de San Felipe, de tan funesta lembranza. Se os seus muros falaran, cantas cousas contarían, verdade?. E desde o 2015 estamos agardando que San Felipe sexa es espazo da memoria que Ferrolterra precisa, cando será posible que isto sexa realidade?

Alí non houbo tantas execucións como moitos pensan. Eu teño publicado un estudo (“Castelo de San Felipe, carcere e morte”) no que inclúo coas cifras de persoas alí asasinadas, 150 entre 1936 e 1950, que son moitas, só unha sería moito, mais no cemiterio de Canido de Ferrol, no de Serantes, no do Val en Narón, o número de mortos que alí houbo arrepía. O que sucede é  que o castelo de san Felipe ten un porte, unha estrutura, unha posición preferente na boca da ría de Ferrol, foi cárcere militar ata  1981,… Moitos elementos que lle dan un carácter simbólico, neste caso da represión. E si, as paredes poderían contar moito, non só de mortes, tamén de presos carlistas, de presos cantonalistas, de bandidos presos, de presos fuxidos, de gobernadores que permitían aos presos cultivar hortiñas para o rancho e vender os produtos, outros que  se beneficiaban desas vendas e mesmo cobraban aos presos polos petates nos que durmían …

Dende 1998 conmemoramos alí o 27 de xaneiro como data significativa da represión. No ano 2006, o Ano da Memoria, alí colocamos unha lápida en memoria das persoas executadas.  No Plan Director para a rehabilitación do castelo, que é do ano 2010 e proxecto no que colaborei, está previsto un espazo para lembrar a quen alí sofreron. Houbo que agardar a 2016 para que o concello de Ferrol escollera oficialmente o 27 de xaneiro como Día da Memoria e este ano o alcalde aceptou publicamente a miña proposta, tamén pública, de instalar alí un memorial que recolla a nómina dos mártires da barbarie. Agora toca traballar máis.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...