Museo do Pobo Galego, en Santiago onde se atopa o Panteón dos Galegos Ilustres /páxinasamarelas

Cal será o futuro do Panteón de Galegos Ilustres?

A Xunta di que quere buscar o consenso co resto dos grupos para recoñecer o Panteón dos Galegos Ilustres como o cuarto símbolo de Galicia, xunto co himno, coa bandeira e co escudo.

Por iso, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, invitou este mércores na Cámara galega a lograr un acordo no Parlamento de Galicia para elaborar unha lei autonómica que recoñeza o Panteón de Galegos Ilustres como o cuarto símbolo de Galicia. En resposta a unha pregunta do BNG, o responsable do departamento de Cultura da Xunta de Galicia explicou que “é na Cámara de representación dos galegos e galegas onde ten que xurdir o consenso arredor de algo que tende a converterse en símbolo de Galicia”.

Panteón de Alfredo Brañas no Panteón de Galegos Ilustres en Bonaval

Neste sentido, o conselleiro lembrou que toda a proposta relativa ao Panteón debe ter como punto de partida a Proposta de lei elaborada en 2011 pola comisión interinstitucional coordinada polo Consello da Cultura Galega e, así mesmo, debe contar, tal e como recordou, co consenso e apoio de todas as institucións implicadas.

Deste xeito, avanzou que a Xunta de Galicia apoiará e colaborará na solución que, froito do máximo consenso posible, se aprobe no Parlamento galego. Con todo, o PP xa levaba a súa propia proposta no programa electoral que non coincidía coa dos partidos da oposición. Por iso, Román Rodríguez animou ao BNG a sumarse a unha iniciativa de consenso que permita potenciar e recoñecer o Panteón de Galicia como un elemento singular da identidade galega.

Garantido o acceso público

En todo caso, tamén lembrou a negociación realizada no seu día pola Consellería de Cultura e Turismo co Arcebispado de Santiago para garantir o acceso público xeral a este espazo patrimonial esencial para Galicia, despois dun proceso xudicial que estableceu a súa titularidade a favor da Igrexa, e non do Concello. Nos últimos anos –subliñou– o Goberno galego traballou co obxectivo de garantir tanto a apertura ao público do Panteón, como o seu uso en condicións de plena normalidade por parte de toda a cidadanía.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: