fbpx
Interior da Torre de San Pedro de Narla, en Lugo / Deputación de Lugo

Comeza a operación desinfección de museos en Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

Os museos de San Paio de Narla e Tor en Lugo, serán obxecto dun intenso proceso de desinfección para erradicar os xilófagos, un insecto que é moi habitual na madeira e que acaba por apodrecela senón se trata.

Por iso, a Deputación de Lugo iniciou un proxecto de desinfección en todos os obxectos expostos, nos soportes expositivos e nas estruturas das edificacións; así como a conservación do conxunto das pezas, que suman 5.000 en San Paio de Narla e Pazo de Tor. O plan contempla a fumigación xeral dos edificios co obxectivo de controlar a posible aparición doutros insectos en materiais de orixe orgánica, como coiro, papel, tecidos ou fibras animais e vexetais.

A última vez que se puxo en marcha un plan destas características, é dicir, completo ou integral, foi no ano 2002, no caso de San Paio de Narla; mentres que no Pazo de Tor fíxose en 2005. Entre tanto, leváronse a cabo intervencións parciais, por coleccións.

Empresas interesadas na contratación da desinsectación destes dous museos visitaron este luns ditas instalacións para coñecer in situ os traballos que deben levarse a cabo. O presuposto máximo para a realización deste plan integral é de 72.625 euros. As empresas teñen ata o día 15 deste mes para presentar as súas ofertas persoalmente no Rexistro xeral da Deputación ou en calquera das dependencias administrativas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992 de Réxime Xurídico das Administracións públicas e do Procedemento Administrativo Común. Así mesmo, o prazo máximo de execución do plan integral é de 75 días naturais.

Interior do Pazo de Tor / manuelgago.org

Máis e novos investimentos na Rede Museística para a súa mellora

Ademais deste plan de integral, o Goberno da Deputación puxo en marcha nos últimos meses outras melloras na Rede Museística Provincial. Así, o Executivo provincial contratou obras de reparación da cuberta e lucernario do Museo Provincial de Lugo con 20.000 euros. O inicio destes traballos será inmediato unha vez que Patrimonio conceda o derradeiro permiso necesario, segundo indica este organismo nun comunicado.

A maiores, o Goberno da Deputación está a contratar actuacións de mellora no pavimento da Sala de Exposicións Temporais do Museo Provincial. Estes traballos, que contan cun orzamento de 3.000 euros, levaranse a cabo nun espazo de 284 metros cadrados. Tamén implican o acondicionamento da ventá arqueolóxica que alí se sitúa.

Por outra banda, reforzarase a na Rede Museística Provincial mediante a contratación dun amplo servizo, que tamén vén de publicar o BOP. Está dotado de 876.000 euros ata outubro de 2018. Contempla o incremento de vixilantes e tamén de cámaras para o servizo de videovixilancia en todas as instalacións da Rede Museística, así como a posta en marcha dunha prestación de “acuda”, que non existía, que implicará a presenza inmediata de persoal de seguridade da empresa adxudicataria no momento en que se active unha alarma, sen espera da chegada dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

Pode que che interese...