Mallando e peneirando no campo / Matilde Anderson

Como era a moda pobre dos galegos no século XIX

Tempo de lectura: 9 min.

A idea dun traxe típico dunha localidade ou provincia provén das series de gravados costumistas do século XIX aos que, sendo unha fonte de documentación importante, non se lles pode dar creto sen un estudo e contraste previos da información que nos achegan, posto que a xente non levaba un uniforme e cada persoa imprimía á súa vestimenta un selo persoal.

A teor do expresado na introdución d’O traxe, unidade didáctica editada en 2002 polo Museo do Pobo Galego, propúxenme, peteirando nas gacetas decimonónicas, bosquexar a indumentaria masculina de Cerdedo a través das requisitorias. A ver como saio desta.

A finais de outubro de 1836, a igrexa parroquial de San Xoán de Cerdedo foi obxecto dun roubo. A investigación do caso acabou sinalando como presuntos autores a Salvador Rodríguez e a Francisco Arén, ambos os dous veciños de Cerdedo.

En maio do ano seguinte, o Xulgado de primeira instancia de Tabeirós, a través dos boletíns oficiais, esixía o seu arresto para que emprestasen declaración, facilitándolles ás forzas da orde pública das catro provincias senllas descricións (“señas” ou “señales”). Amais dos trazos faciais e corporais, tamén se engadía a súa indumentaria (“fisonomías y vestido”). Chama a atención a pouca estatura dos mencionados, acorde coas miserentas condicións de vida da meirande parte da poboación. Valla de exemplo que, no ano 1865, Galiza presentaba a taxa máis alta do Estado de mozos rexeitados para o servizo militar por non dar o talle (20%). Que as pezas de roupa fosen significativas para a identificación dos sospeitosos viña corroborar que, naquel tempo, o vestiario da xente do común se reducía á roupa de diario ou “de cotío” (unha vestimenta para todos os días) e, os desafogados, unha muda para os domingos ou días de festa (traxe de gala ou de garda). Dedúcese tamén que cada unha das pezas de vestir só era substituída cando xa non lle quedaba tea para soster máis remendos. En palabras do pobo, os humildes sempre andaban “sucios e rachados”. En Cerdedo a necesidade foi moita.

Homes pequenos

Sen máis arrodeo, velaquí a descrición de Salvador e mais de Francisco:  

Señas de Salvador Rodríguez.- Edad 36 años, estatura 5 pies (140 cm), pelo y cejas negro, ojos negros, nariz y cara regular, barba poca, color trigueño; vestía pantalón y chaqueta de somonte color pardo, chaleco de manchester azul, sombrero redondo.

Señas de Francisco Arén.- Edad 26 años, estatura corta, pelo y cejas negro, ojos ídem, nariz y cara regular, color trigueño; vestía pantalón y chaqueta de burel, chaleco de manchester negro, sombrero viejo.

Traballando na madeira en Betanzos a comezos do século XX / Matilda Anderson

Respecto ao pantalón e á chaqueta de Salvador Rodríguez, diremos que, en xeral, a expresión “de somonte” é unha locución adxectiva que, falando de tecidos, cualifica o pano como “basto, burdo, áspero, al natural y sin pulimiento” (dic. RAE). Segundo o mesmo dicionario, “somonte” é o terreo situado na faldra dunha montaña. Correspóndese á forma galega “pardomonte”. O hábito non fai o monxe, mais, o hábitat facía e vestía o leigo. Con certeza, o traxe de Salvador era de la basta, sen abatanar, proveniente de rabaños autóctonos ou casteláns. A parda é a cor “semejante al de la tierra o al de la piel del oso, y que tira a marrón o a rojizo” (dic. RAE), sen tinguidura. No tocante ao “chaleco de manchester”, ora falamos dun colete confeccionado en pana grosa, “calidade Manchester” (de 25 a 40 acanaladuras en 10 cm de tea), ora falamos dunha peza confeccionada con tea de algodón importada de Inglaterra, fornecidas mormente por vendedores ambulantes. O sector téxtil foi o abandeirado da revolución industrial en Gran Bretaña, un proceso que supuxo a decadencia da confección artesanal (menos rendíbel) en todo o mundo e, xa que logo, o das fibras tradicionais: a la e o liño. A cor do chaleco era a azul, probabelmente azul mariño. Segundo o dic. RAE, “sombrero redondo” é sinónimo de “sombrero de copa”, porén, entre varias posibilidades, o chapeu ao que cecais se faga referencia é o de copa esférica e de aba media ou larga, elaborado en feltro.

Respecto ao pantalón e á chaqueta de Francisco Arén, a expresión “de burel” pode ser galeguismo ou gralla tipográfica (por “de buriel”). O dicionario RAE dinos que o “paño buriel” é o de cor parda, da cor natural da la. O traxe de Francisco tamén era de la, mais de mellor acabado pola acción do batán. A maiores, vestía un chaleco de cor negra, feito co mesmo tipo de pana que o do compañeiro. Do seu chapeu só podemos dicir que estaba raído polo uso.

Os panos e teas galegas

Falando de teares, batáns e xéneros de la, Eugenio Larruga, no tomo XLIV das Memorias políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España de 1794, ofrecénos un magnífica radiográfia da artesanía do tecido na Galiza de finais do XVIII e comezos do XIX:

En fin, se puede decir que en esta provincia [Santiago, na que se incluía Cerdedo] no hay fábrica alguna de lana, y solamente en algunos telares se fabrica lo que llaman buriel para uso de los labradores en su común vestido: cada uno de dichos telares no ocupa más persona que su dueño. Todos los demás géneros de lana que se consumen vienen de Castilla y de países extranjeros.

En alguna que otra aldea se encuentra también algún telar en que se texe algún buriel de lana del país. Este género solo lo consumen los labradores en su común vestir. En cada uno de estos telares no se ocupan otras personas que sus dueños. No hay hilanderas de profesión, pues cada labrador trabaja la lana con su familia por sí en las noches de invierno, ínterin se están calentando, sin más torno por lo general que el de sus dedos. En tal qual paraje se halla algún batán tan desaliñado, como que únicamente sirve para dicho buriel.  

Se calcula que lo que se fabrica por año en Galicia en la clase de texidos de lana asciende a quinientas y setenta varas (1 vara: 83 cm aprox.) de paño somonte; de buriel, ciento cincuenta mil quinientas y sesenta; y de picote, quarenta y siete mil quatrocientas diez y nueve. Debería aumentarse esta industria casera para excusar lo que surte de paños somontes y burieles la Castilla.

En definitiva, dependendo do mellor ou peor acabado do xénero, fiando e tecendo na la obtíñase, nesa orde, o pano de burel, o de somonte e o de picote. O picote, lera ou candil tamén se elaboraba entretecendo la e liño. Co liño fino, ben mazado no folón, facíase lenzo. O liño vasto era a estopa e, en contacto prolongado coa pel, provocaba proído.

Falando do pano de picote, no periódico madrileño La Revista Española do martes 23 de decembro de 1834, lemos o seguinte suceso: De San Juan de Cerdedo con fecha del 10, escriben lo que copiamos a continuación: Ha sucedido en la parroquia de San Martín de Forcarey, del arzobispado de Santiago, un robo de los que jamás se han oído. Enterrado un cadáver el día 23 de noviembre, en aquella misma noche lo sacaron de la sepultura y lo desnudaron, dejándole sin el hábito de picote y calcetas.

Empregados como mortalla, o “hábito de picote” era un saial rudo, áspero ao tacto (“que pica”); as “calcetas”, unha sorte de medias ou calzóns longos (cirolas). Os mortos non se amolaban, pois xa nada tiñan que rañar.

Tear en Pedrafita / Matilda Anderson

Teas reutilizadas

Seguimos coa nosa. En febreiro de 1846, o Xulgado de Tabeirós require a captura de Benito Varela, veciño de San Xoán de Cerdedo, por “malos tratamientos” a Manuel Simal, veciño de San Martiño de Figueiroa. Eis a descrición do Varela:

Señas.- Edad 23 años, estatura cuatro pies y diez pulgadas (135 cm aprox.), pelo castaño, ojos pardos, nariz regular, barba lampiña, cara larga, color trigueño, viste pantalón tela rapon rayado, chaqueta paño negro, sombrero de palma, chaleco íd. tela rapon, zapatos blancos gruesos.

Verbo do “pantalón tela rapon rayado”, Mª Ángeles González Mena, na Colección pedagógico textil de la Universidad Complutense de Madrid (1994), define “rapón”: Antiguamente, ropa larga que solía llevarse sobre los demás vestidos. En Castilla y Cáceres, colcha o cobertor. O dic. RAE rexistra o sinónimo “ropón”. O rapón é un material que se emprega hoxe para recheos ou forros. Dedúcese que Benito Varela vestía un pantalón eleborado cunha tea reutilizada ou cun retallo. Ao respecto da “chaqueta paño negro”, González Mena (op. cit.) define “paño”: Tejido muy tupido y raso, especialmente de lana. A cor “negra” dinos que, cecais, a tea foi tinguida. O sombreiro de palma, xa de palma canaria (Phoenix canariensis), xa de palla (centea ou triga). O chaleco coma o pantalón en feitura e color. Os “zapatos blancos gruesos” ben podían ser unhas alpargatas ou mesmo zocos, aínda con pouco uso.   

En abril de 1853, o Xulgado de primeira instancia de Ribadavia, vía boletíns oficiais, solicita a captura de Domingos Garrido, veciño da aldea de Chamadoira, parroquia de San Xoán de Cerdedo, por roubar unhas pezas de roupa na casa de Antonio Martínez Rayos, veciño de Freás de Astariz (Castrelo de Miño). A seguir, a descrición de Domingos Garrido:

Señas. Edad 30 años, estatura corta, barba cerrada y con patilla, pelo y ojos negros: viste pantalón pardo, chaqueta negra y vieja, chaleco ídem, sombrero gacho.

O “pantalón pardo” remítenos ao tecido de la basta, sen abatanar e sen tinguir. Chaqueta e chaleco combinados; a chaqueta gastada. Na cabeza portaba un pucho de feltro de copa baixa e arredondada, de aba ancha e tendida cara a abaixo.

Outras prendas de fuxidos

En xaneiro de 1870, o Xulgado de primeira instancia da Estrada esixe a captura de Celestino Lago, alcumado Pesco, veciño de San Martiño de Figueiroa, acusado do homicido de Maximino Barreiro.

Señas de Celestino Lago: Es oriundo de la villa de Muros; estatura como de 5 pies (140 cm aprox.), delgado, color blanco, ojos algo claros, barba naciente, tiene una señal en el lado de la cara; en días festivos viste chaqueta larga y pantalón negro; a diario pantalón de corte y chaqueta castaño oscuro, calza botas a la continua, y lleva en la cabeza sombrero redondo color habano.

Na descrición deste muradán aveciñado en Cerdedo, diferénciase o indumento cotiá da roupa da festa. A diario, viste un pantalón de xastre, feito a medida. A chaqueta, parda escura ou marrón. Os domingos ou festividades acompaña o pantalón negro cunha chaqueta por debaixo da cadeira (almilla, quizais con remontas). Decote calza unhas botas de coiro (prob., zocos, chancos, tamancos ou galochos: sola de madeira e pel de xato, ao natural ou tinguida) e, na cabeza, porta un chapeu de copa esférica e de aba media ou larga, elaborado en feltro marrón torrado.

Labrego galego a comezos do século XX / Pelai Castañeda

En abril de 1895, o Xulgado de primeira instancia de Caldas de Reis, de resultas da investigación do homicidio de Xosé Fernández, require a Daniel Barrios Fernandez, de 22 años, soltero, natural y vecino del Ayuntamiento de Cerdedo, de estatura regular, delgado de cuerpo, pelo y cejas negro, ojos pardos, cara larga, color del rostro trigueño y barba naciente. Viste chaqueta, chaleco y pantalón de paño de corte color castaño; usa camisola blanca y sombrero hongo a la cabeza color chocolate y calza botinas.

Daniel Barrios viste terno (ou apenas o pantalón) cortado en xastraría en tons marróns. Por baixo, en liño ou algodón, unha camisola de tea fina (prob., lapela en pico). Cubrindo a cabeza, en feltro, un sombreiro de aba estreita e coroa redonda de cor marrón; nos pés, cubrindo o tornecelo, uns botíns ou chinelas.

En xullo de 1896, o Xulgado de primeira instancia da Estrada, a través dos boletíns oficiais, “cita, llama y emplaza” a Xosé Leiro Liripio, canteiro e veciño de Figueiroa, acusado de lesionar a Manuel Sueiro Bouzas.

Señas personales: Edad veintiséis años. Estatura regular. Color trigueño. Cara redonda. Pelo negro. Cejas ídem. Barba poblada. Viste pantalón, chaleco y chaqueta de tela ablancazada. Calza borceguíes. Boina azul.

Xosé Leiro Liripio tráxase con pantalón e chaleco. Toda a súa roupaxe, ou cecais só a chaqueta, tiraba ao branco ou, en orixe, fora desa cor. Nos pés leva uns borceguíns, é dicir, uns botíns de coiro que, xeralmente, eran abertos por diante e que anoaban amallós. Segundo imos vendo, os nosos outlaws non gastaban polainas, tampouco non, monteira. Tóucase Xosé cunha pucha de feltro azul, xa boina viguesa, xa chupeta, provista de viseira.

En maio de 1897, o xuíz instrutor da Estrada “llama y cita” o canteiro Francisco Gil y Gil, natural de Ventoxo (Forcarei) e veciño de Cerdedo, acusado de violación de domicilio e lesións, inflixidos a Claudio Porto.

Señas del procesado: Pesa 60 kilos. Talla, 1 metro 60 centímetros. Color de las pupilas, castaño. Color del rostro, bueno. Cicatrices, ninguna. Barba poblada. Nariz y boca regulares. Pelo y cejas castaños. Viste pantalón, chaleco y chaqueta de tela clara usada, usa boina y calza zapatones.

Cara ao remate do século XIX, os produtos da industria téxtil, pioneiros no proceso globalizador, condenaron a morte os fiandóns. A introdución da fibra de algodón, a exitosa mecanización do fiado e do tecido, os procedementos de branqueo, tinguidura e estampado, unidos ao desenvolvemento dos medios de transporte foron acurrunchando os vellos fusos, rocas e teares domésticos e mais as urdas e tramas milenarias. De calquera xeito, Francisco Gil y Gil acudiu, probabelmente, perante a xustiza da Estrada, ataviado co seu fato vello, arrastrando os seus zapatóns ferrados e coa pucha calada até a sobrecella.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: