fbpx
Protestas de Galiza Nova en Ourense durante as xornadas sobre a Historia de Galiza

Como foi a historia do nacionalismo galego desde 1963?

Tempo de lectura: 2 min.

Perto dun cento de moz@s participaron esta fin de semana nas XVIII Xornadas de Historia de Galiza organizadas por Galiza Nova en Ourense. Unhas xornadas que fixeron un percorrido pola historia de Galicia centrándose na historia do nacionalismo desde o 1963 ate a actualidade.

Durante dous días a mocidade nacionalista coñeceu da historia galega desde a óptica de destacados ex dirixentes e militantes do BNG. Neste senso, o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, asegurou que “debemos coñecer a historia do noso país para fortalecer o nacionalismo” como unha “ferramenta chave” para “construír o noso futuro”.

A presentación das xornadas ficou a cargo do Responsábel Comarcal de Galiza Nova, Marcos Fernández e Alberte Fernández,Secretario Xeral de Galiza Nova. Ao longo desta dupla xornada as persoas participantes puideron afondar na historia do nacionalismo galego durante o segundo terzo do século XX a través da ponencia impartida por Alfredo Suárez Canal e Francisco Jorquera, dous dos grandes referentes do nacionalismo recente.

Durante a xornada do sábado as mozas e mozos de Galiza Nova despregaron unha pancarta na cidade de Ourense fronte a situación de elevado desemprego no que se atopa a nosa mocidade en relación aos datos publicados pola EPA o pasado xoves.

Mulleres na loita antifascista

Na xornada do sábado, baixo o título “Mulleres na loita antifascista” a organización xuvenil rescatou da man da deputada do BNG por Ourense Noa Presas a memoria feminina e puxo en valor o protagonismo das mulleres ourensás durante a represión franquista.

Na xornada do domingo as persoas participantes coñeceron a influencia que o goberno nacionalista de Allariz tivo no avance e mellora da cidade da man do alcalde, Paco García. Do mesmo xeito tivo lugar un coloquio centrado na cuestión LGTBI, os avances na lexislación e as necesidade para o futuro e finalmente, as mozas e mozos nacionalistas tamén debaterán sobre a necesidade de soberanía para a Galiza como solución aos problemas da mocidade. Nela participaron Alberte Mera, ex-Secretario Xeral de Galiza Nova e Olalla Rodil, deputada pola provincia de Lugo e integrante da Comisión Permanente de Galiza Nova.

Pode que che interese...