Pazo de Meirás, un ben privado que acabou nas mans de Franco grazas ás elites coruñesas / Youtube
Pazo de Meirás, un ben privado que acabou nas mans de Franco grazas ás elites coruñesas / Youtube

Como foi o espolio do Pazo de Meirás por Franco e as elites coruñesas

Erik Dobaño, xornalista e membro do CMRH da Coruña

Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo buscan editores para a primeira gran investigación sobre o espolio do Pazo Meirás por Franco, un espolio que foi moito máis alá das lindes daquela antiga fortaleza que Emilia Pardo Bazán convertera nunha mansión e no que participaron e do que se beneficiaron as elites coruñesas xurdidas ao calor do franquismo, as mesmas que dirixiron a transición para asegurarse, entre outras cousas, que o espolio continuara despois de Franco.

Babío e Pérez Lourenzo adiantaron este venres na sede da Agrupación Alexandre Bóveda da Coruña algúns resultados da investigación asumindo as dificultades de que o seu traballo sexa publicado e divulgado dada a denuncia que nel se fai respecto da orixe do poder das elites que seguen coas mans sobre a cidade.

Hai nese traballo denuncias concretas respecto de personalidades que se inscribiron na historia da Coruña, como Barrié ou Alfonso Molina, aínda hoxe celebrados mentres se muda timidamente o rueiro. De Barrié, encargado a partir de 1939 de liquidar a chamada Junta Pro Pazo –o grupo de notables encargado de expropiar o Pazo e incorporalo ao patrimonio da familia Franco, así como de recadar os fondos para as melloras–, foi tamén quen adquiriu a Casa Cornide nunha poxa en 1962. “Curiosamente a aquela poxa pública só asistiron Pedro Barrié e mailo xefe do Movemento na Coruña”, contou Babío, “pagando, por baixo do valor de taxación, 44.813 pesetas. Carmen Polo encaprichouse coa Casa, pero para evitar unha incorporación directa na que a Casa Civil de Franco adquirira, con fondos do Estado, o edificio ao concello da Coruña, decidiuse adxudicala a Barrié para que lla vendera logo aos Franco”. Os investigadores mostraron tamén o poder notarial de Franco a Barrié polo que este puido actuar en nome do ditador entre 1939 e 1946 –unha vez fracasada a Junta como mecanismo para a apropiación de recursos a través das distintas fórmulas de subscrición– para ampliar as propiedades da familia en torno ao Pazo.

Carlos Babío e Manuel Pérez durante a conferencia sobre o espolio do Pazo de Meirás / Erik Dobaño

Alfonso Molina, recompensado coa Alcaldía

A figura de Alfonso Molina medrou desde unha posición máis modesta pero directamente vinculada á incorporación do Pazo ao patrimonio dos Franco. Molina era director de vías e obras da Deputación. Malia que a súa xestión, e mesmo a súa capacidade como enxeñeiro foran cuestionadas por un informe do Exército nos primeiros anos do espolio cando xa formaba parte da Junta Pro Pazo como concelleiro da Coruña, foi recompensado coa alcaldía da cidade en 1947 e “converteu ao Concello nunha empresa de servizos do Pazo”, explicou Babío, como xa contara nunha entrevista concedida en abril do ano pasado á CRMH. “Molina estivo en Meirás desde o principio atendendo todas as necesidades de execución de obra pública, mesmo chegou a cambiar a titularidade dunha estrada e poñela a nome de Franco. Entre 1938 e 1945, un Estado de posguerra, absolutamente arruinado, gastou enormes cantidades de recursos públicos no que chegou a formar un expediente administrativo que se chamou o circuíto de Meirás”.

No que Babío cualifica como “desvío brutal de fondos públicos a Meirás” participaron non só as sucesivas corporacións municipais coruñesas senón toda a estrutura administrativa do Estado na Coruña. O desvío continuou até a morte do ditador, documentado por Babío e Pérez Lourenzo nunha investigación profusa. A altura de 1974 aínnda se investiron no Pazo 2,8 millóns de pesetas e 3,5 millóns máis ao ano seguinte. Os Franco fixéronse cunha casa na praia de Bastiagueiro, areal elixido persoalmente polo ditador, espoliaron tamén a Torre de Dodro espallando pezas no Pazo de Meirás, e o que comezara como unha apropiación dunha finca de 5 hectáreas incrementouse nos 80.000 metros cadrados que chegaron a ter en propiedades repartidas entre os concellos de Sada e Oleiros.

O lucro dos Franco

No ano 1991, un cambio no plan de Sada de dous anos antes, permitiu á familia Franco sacar réditos dunha venda de terreos do Pazo. Mesmo na actualidade, segundo advertiu Pérez Lourenzo, o Concello de Sada ten previsto indemnizar á familia pola recuperación dunha parte do Pazo cunha cantidade “moi por riba do valor que se estima para os terreos doutros propietarios”.

Carmen Polo, muller de Franco, coa súa familia nos xardíns do Pazo de Meirás

Os investigadores remataron a conferencia subliñando dúas actuacións que dan conta do afán lucrativo dos Franco. Na primeira referiron o aproveitamento das defecacións das tropas acuarteladas nun anexo ao Pazo. “O cuartel tiña problemas de abastecemento de auga, pero non só morrían de sede, senón que tiñan un problema tremendo coa evacuación do sistema de augas fecais. En 1951 deciden construír unha fosa séptica bacteriana, unha obra importante. A cousa funcionou e descubriron que os restos eran un fertilizante magnífico polo crecemento do millo nas fincas nas que aliviaba a fosa. Así é que se fixo unha rede de saneamento entre o cuartel e o Pazo para abonar os xardíns. Esa obra está entre as inversións por valor de 50.000 pesetas que se fixeron aquel ano en Meirás”, explicou Babío. A metáfora da explotación da merda, usada no espléndido filme Madregilda, dá conta dun feito físico moi real respecto da condición a que someteu o Réxime á poboación enteira.

Tamén recordaron que Franco estableceu unha empresa chamada Pazo de Meirás Productos de la Huerta. Explotaba fincas expropiadas, criaba puxos, producía leite, viño e madeira entre outros aproveitamentos. O Ministerio de Agricultura facilitaba sementes e mesmo as crías dos animais.  Os investigadores mostraron documentos nos que a Casa Civil de Franco agradecía a organismos públicos as súas achegas, e tamén algún recibo de 180 pesetas por 6 ducias de ovos producidas no Pazo.

As pegadas dos Franco na Coruña actual

Franco garantiu o éxito dos seus negocios privados e abonou tamén xenerosamente os negocios dos seus facilitadores. As pegadas poden seguirse até hoxe. Son as mans sobre a cidade das elites en asuntos como o da Solana e o hotel Finisterre que, sinalaron os investigadores, explican as trabas a que se fale publicamente da memoria, á memoria das vítimas. No caso da Solana e do Finisterre, a división industrial do Banco Pastor (Barrié) entrou en 1945 na sociedade con Emilio Rey (daquela vicepresidente de La Voz de Galicia) e Armando Casteleiro que recibiran a concesión para as edificacións.

Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo buscan editores para a súa obra. O espazo para a presentación do estudo que, até agora era un groso tomo nunha carpeta de aneis, xa o teñen. Ofreceullo Sánchez Rei, o presidente da Alexandre Bóveda, agradecendo o éxito da convocatoria e animando a unha revisión valente das políticas de recuperación da memoria histórica na Coruña.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: