fbpx
Recreación da expedición de Balmis no Parque das Ciencias de Andalucía

A expedición de nenos galegos que erradicou a varíola no Novo Mundo

Tempo de lectura: 3 min.

Dende a pasada semana está nas librarías ‘Os nenos da varíola‘ (Editorial Galaxia), a nova novela da escritora María Solar. Nesta novela, a máis ambiciosa da autora, recupera un dos episodios máis incribles e descoñecidos da medicina mundial que ten como protagonistas a moitos nenos galegos.

Tratamento da varíola durante a Idade Media

En 1803 os nenos do hospicio da Coruña, dependente do Hospital da Caridade, sobreviven a duras penas. Nin eles, nin a súa reitora, Isabel Zendal, poden imaxinar de que maneira lles cambiará a vida a chegada do doutor Balmis e a súa expedición médica. O propósito era levar a vacina da varíola ao Novo Mundo. Un total de 22 orfos procedentes de Madrid, A Coruña e Santiago conformarán unha cadea humana “brazo a brazo” para levar a vacina aos territorio de ultramar.

Foi Edward Jenner, en 1796, o que iniciou as investigacións que daría lugar á vacina utilizando, para iso, a James Phipps, un neno de 8 anos. En 1798 Jenner publicou o seu traballo “An Inquiry into the Causes and Effects of the Variolae Vaccinae, a Disease Known by the Name of Cow Pox” , onde acuñou o termo latino variolae vaccine (vexigas da vaca). Deste xeito Jenner abriu as portas á vacinación.

Pero non foi ata cinco anos despois, en 1803, cando a vacina se fai efectiva. Foi grazas á que foi, posiblemente, unha das campañas máis grandes para erradicar a varíola, a da, coñecida como Expedición Balmis en referencia ao médico alacantino Francisco Xavier Balmis. Esta espedición foi de carácter filantrópico e deu a volta ao mundo entre os anos 1803 e 1814. O seu obxectivo era en principio que a vacina das vexigas alcanzase todos os recunchos do por entón Imperio Español, xa que a alta mortaldade do virus estaba ocasionando a morte de miles de nenos.

A novela de Solar basease nestes feitos reais e recupera un dos episodios máis descoñecidos e fascinantes da medicina mundial. Un libro de acción trepidante que non deixa indiferente, que está meticulosamente documentado e que combina personaxes reais con outros de ficción sobre os que recae boa parte da carga dramática.

Pintura coas primeiras vacinas da varíola

Homenaxe

Cinco deses nenos estaban na inclusa do Hospital Real, hoxe Hospital dos Reis Católicos. Juan Antonio (5 anos e abandonado en Coristanco), Jacinto (6 anos e abandonado no torno da inclusa), Gerónimo María (7 anos e abandonado en Ferrol), Francisco Florencio (5 anos e abandonado no torno da inclusa) e Juan Francisco (9 anos e abandonado en Lugo), xunto cos outros nenos da Coruña e de Madrid cambiarían a historia médica do Novo Mundo.

Por iso, e para lembrar esa efeméride, este martes inaugurarase nunha das portas do actual Hostal, onde estaba o torno da inclusa que daba entrada á sala, unha placa que recordará por sempre aos 5 expósitos e a todos os nenos que levaron a vacina da varíola.

Erradicada en 1980

En 1980 a OMS declarou o planeta Terra zona libre de varíola. Era a primeira vez, e de momento a única, que unha enfermidade se erradicaba grazas a unha vacina. A OMS recoñece tamén a Isabel Zendal, reitora da casa de expósitos da Coruña (nada en Ordes) como a primeira enfermeira do mundo en misión internacional, e o goberno mexicano outorga cada ano o Premio Nacional de Enfermaría que leva o seu nome.

 

Pode que che interese...