fbpx
Menaxe atopado na fragata Magdalena, afundida a comezos do XIX en Viveiro / Museo Naval de Ferrol

Ferrol acolle un tesouro naval único no mundo

Tempo de lectura: 2 min.

Nin en China, nin en Australia, nin no Reino Unido…O principal museo da construción naval no mundo está en Galicia, concretamente, na cidade con tradición militar máis importante do país, Ferrol.

E, precisamente, por esa historia naval, o Consello da Xunta aprobou o acordo de recoñecemento, autorización e cualificación como museo do Museo da Construción Naval de Ferrol, cun contido monográfico relativo á construción naval e de ámbito autonómico.

Este centro expositivo ten a súa sede no edificio restaurado de Ferrarías, que forma parte do conxunto histórico do Arsenal de Ferrol e que, xunto coa base naval, foi construído no século XVIII tras a designación da vila en 1726 como capital do Departamento Marítimo do Norte. Por iso, destaca a perfecta integración do museo no conxunto histórico industrial e naval de Ferrol.

Fragatas en combate / Museo Naval de Ferrol

Discurso expositivo

O edificio alberga unha colección de fondos do patrimonio marítimo e industrial únicos, cun alto valor histórico xa que permiten coñecer o desenvolvemento e a evolución da construción naval militar e civil en España desde o século XVIII ata a actualidade, así como o papel que representa a cidade de Ferrol neste ámbito.

O museo destaca pola súa significación histórica, pola súa localización (integrado no Arsenal), e polas coleccións que alberga, que permiten coñecer os elementos propios da disciplina naval e marítima ao longo de tres séculos, ao tempo que desempeña un importante labor divulgativo sobre os fitos históricos máis relevantes relacionados con esta actividade en España.

Nel pódese coñecer, ademais, o desenvolvemento da arquitectura e da construción de buques e dos materiais empregados, a evolución da tecnoloxía e o momento máis importante dun barco, que é a botadura e a flotadura. O recinto consta dun espazo de 4.000 metros cadrados repartidos en dúas plantas dedicadas á historia da construción naval. Na planta baixa pódese facer un percorrido polas distintas técnicas de construción e os servizos máis esenciais dun buque.

Así, destaca o pecio da Fragata Magdalena, afundida na ría de Viveiro en 1810 e recuperada pola Armada Española entre os anos 70 e 80 do século pasado. Pero non está o galeón que está afundido na ría de Ribadeo en moi bo estado de conservación. De recuperarse, sería o mellor galeón conservado do mundo.

Cruceiro acorazado da serie Vizcaya / Museo Naval de Ferrol

Outras salas

Na planta superior atópase a sala de exposicións temporais, así como salas temáticas,entre elas as dedicadas ao estaleiro Astano, á Armada e os seus buques e Escolas, ás navieiras e aos portos, entre outros.

No que se refire ás actividades divulgativas, a Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval e das Actividades Marítimas (Exponav), que é a encargada de xestionar o Museo, ten previsto levar a cabo mostras temporais e itinerantes e fomentar actividades complementarias
(fotografía, pintura, talleres de restauración, conferencias…).

Pode que che interese...