Marco centenario restaurado / José Antonio Gavilanes

A misteriosa recuperación dun marco centenario agredido por unhas obras do AVE

Poderíase dicir que é cousa de meigas… pero non. Neste caso, nin as meigas, nin as bruxas, tiveron nada que ver coa misteriosa recuperación dun marco centenario que foi danado polas obras do AVE no límite común das parroquias de Ponte Ambía (Santa María) e San Pedro de Ribeira (San Pedro), no concello de Baños de Molgas.

Marco centenario danado en Baños de Molgas / José Antonio Gavilanes

Esta pedra ten as pertinentes cruces de termo coas que na antigüidade se marcaban estes “Marcos” divisorios. Trátanse aparentemente de catro cruces, de distinta factura e, probablemente, de distinta data de construción. O marco xa aparece referenciado no Catastro de Ensenada: “….y sigue bajando al que se dice Penas Altas y de este sigue al Rio Arnoya y Presa llamada do Cereiro y por dicho Rio…..”.

Pois xustamente ese ben resultou moi danado pola colocación dunha estrutura metálica, supostamente, para medición na construción da ponte que se construíu para que a alta velocidade do tramo Meamán-Ponte Ambía atravese o río Arnoia, nesta zona entre as aldeas de Ponte Ambía e Santa Eufemia. Iso aconteceu en xaneiro de 2015 e entón o feito foi denunciado polo divulgador do patrimonio José Antonio Gavilanes no seu blogue e a través do xornal Galicia Confidencial.

Marco reparado

E xustamente dous anos despois, o propio Gavilanes amosou a súa sorpresa porque nunha recente4

Marco centenario restaurado / José Antonio Gavilanes

visita a este conxunto descubriu que fora rehabilitado. Os causantes da desfeita, ou non, –iso por agora non se sabe, retiraron o aparello metálico e taponaron os buratos dos parafusos con un cemento de cor semellante á pedra.

“Descoñezo quen fixo o arranxo, se a empresa concesionaria da obra ou algún organismo público como patrimonio. O que si sabemos e que o motivo da denuncia, que non era outro que chamar a atención sobre os culpables desta falcatruada e obrigalos a rectificar a súa mala praxe, cumpriuse”, suliña Gavilanes. “Por todo isto, quero celebrar con esta breve nota unha pequena vitoria que de ánimo a persoas e colectivos a seguir perseguindo e denunciando este tipo agresións ao noso malferido patrimonio e facelas públicas para protexer as herdanzas do tempo”, conclúe.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: