fbpx
Danos provocados por un temporal no castelo de Souttomaior / Silvia Cernadas

O patrimonio galego, danado polos temporais

Tempo de lectura: 2 min.

O castelo de Soutomaior volverá a abrir tras varios días pechado polo temporal. O pasado venres, ante a grave situación climatolóxica, a Deputación de Pontevedra decidía pechar os accesos aos castelos de Soutomaior e Sobroso. Os técnicos da Deputación foron avaliar esta semana os danos causados polo temporal en ámbolos dous recintos e a institución provincial xa decidiu que, mentres que o de Sobroso abrirá de novo a partir do 9 de febreiro, o Castelo de Soutomaior permanecerá pechado indefinidamente ata que se poida restablecer a seguridade e reparar os innumerables desperfectos.

O temporal de vento e choiva que puxo Galicia en alerta vermella provocou a caída de varias árbores, unha delas centenaria, así como danos no mobiliario e nas estruturas do invernadoiro, a carpa da Pousada e algúns dos viñedos. Tamén faltou a corrente eléctrica nas instalacións do castelo e hai multitude de pólas no chan que fan imposible transitar polo recinto. Outras moitas, ademais, están en grave risco de virse abaixo.

Árbore caída ao carón do castelo de Soutomaior por efecto dos temporais / Silvia Cernada

Unha das árbores que non aguantou os fortes refachos de vento é unha sobreira mediterránea de máis de cen anos que, na súa caída, rompeu parte dunha camelia tamén centenaria. Outras árbores arrincadas foron un eucalipto e varios cedros que danaron, así mesmo, outras especies, partes do mobiliario do xardín, algunas estruturas murarias e incluso o muíño que hai no parque desta fortaleza. Xa na área propiamente forestal, as especies máis afectadas foron os cipreses, as acacias e os érbedos, aínda que tamén hai carballos, piñeiros e eucaliptos caídos.

Así pois e, ante a gravidade dos danos ocasionados nas instalacións e na flora do conxunto, parte deles irreparables, a Deputación decretou o peche do Castelo de Soutomaior ata novo aviso. Porén, o Castelo de Sobroso só estará pechado ata este xoves.

Escrito por

Silvia Cernadas Martínez, Dpto Historia da Arte, USC

Pode que che interese...