fbpx
Muros do castro de Castrelo, en Laxe / Elixio Vieites - Patrimonio Galego

O final feliz dun castro que se salvou no canto de ser arrasado por unha estrada

Tempo de lectura: 5 min.

Íñigo Mouzo, licenciado en Historia da Arte

É moi estrano que as obras de estradas acaben conservando un castro. Habitualmente, se se atopa algunha evidencia arqueolóxica cando se realiza unha infraestrutura, realizase unha escavación de urxencia e, logo, ese sitio acaba debaixo da obra. Sen embargo, iso non foi o que aconteceu cun sitio arqueolóxico de Laxe.

Un dos percorridos máis pintorescos da Costa da Morte é o que conecta por estrada a icónica vila mariñeira de Laxe coa señorial Ponte do Porto, xa na ría de Camariñas. Ata vai pouco era unha pequena estrada, a AC-433, de non moito máis de 6,5 metros de ancho, que xurdía da traseira de Laxe para adentrarse no corazón da Costa da Morte serpeando entre os penedos de Traba e deixando ó norte unha das partes máis abruptas da costa norocidental Galega, a costa entre Camelle e o Cabo Vilano. As paisaxes desta ruta son excepcionais, e non pode ser doutro xeito, xa que a estrada une polo interior as dúas rías principais da Costa da Morte, a de Corme e Laxe e a de Camariñas e Muxía.  Ademais, a medio camiño, no lugar da Pasarela a estrada bifúrcase cara o Val de Vimianzo, conectando por completo o occidente Bergantiñán cos dous principais polos da Terra de Soneira.

No ano 2008 iniciouse a moi necesaria renovación da estrada. Esta mantivo o seu trazado sinuoso e as súas paisaxes e tan so se ampliou lixeiramente o seu firme e suavizando algunhas curvas. Non así nas parroquias de Serantes e Soesto, no concello de Laxe, para as que o deseño preveu dúas variantes que permitiron salvar dúas zonas de vivendas, as variantes de Serantes e a de Castrelo. Foi na segunda delas, ó seu paso entre esta aldea e a de Torre, un desvío duns 330 m, na que as obras tiveron que ficar interrompidas durante máis dun lustro por un inesperado achado arqueolóxico, o chamado castro de Castrelo.

Ó parecer o xacemento xa se atopaba catalogado no momento de desenrolo das obras, e, segundo recolle a prensa, tamén se atoparía na memoria popular da xente da parroquia de Soesto, á que pertence o conxunto, non en balde o nome deste lugar faría referencia á morfoloxía da cidade neolítica. Sen embargo ningún destes factores se tivo en conta mentres se proxectaba a variante da estrada e a súa redescoberta implicou o desenrolo dunha campaña arqueolóxica que se prolongou algúns anos. Foi dirixida pola empresa compostelá Arkaios e nela traballaron 13 arqueólogos dirixidos por Diego Play Augusto, que desenvolveron varias campañas dende 2009, a última delas durante o pasado ano 2016.

Plano da estrada sobre o castro de Castrelo, en Laxe / quepasanacosta.gal

Extraña configuración do castro

No lugar atopuse un castro  de estraña configuración, da que se escavou tan só a parte correspondente co pretendido trazado da estrada, un espazo duns 1400 m2 correspondentes co pano de murallas exterior, a entrada principal e un camiño de acceso. O conxunto, como tantos outros castros galegos, dataría da Segunda Idade de Ferro, arredor do século II a.C., manténdose habitado ata polo menos o século I. Da singularidade do enclave destaca a súa localización  cunha configuración bastante complexa a base de parapetos e plataformas, que definiría a súa curiosa forma caracterizada pola enorme diferenza de altura entre a parte alta e baixa do que se percibe como a muralla, atopándose a portada principal no lugar máis baixo pero tamén máis chan, ó contrario do seu veciño de Borneiro.

O interesante de esta entrada monumental é a súa morfoloxía. Se ben ten unha feitura moi semellante a doutros castros como o de Baroña en Porto do Son, Borneiro na veciña Cabana ou o de Elviña na Coruña, presenta unha portada  entre anchos panos de muralla de ata 4.5 m, coa singularidade de posuir nalgunhas zonas grandes laxas de granito no seu chan. Esta portada ten ademais dous carácteres únicos no conxunto dos castros escavados en Galicia. Por unha banda, un camiño empedrado que discorre ós pes da entrada ata o lindeiro da escavación, un dos escasos conservados nun castro galego. Por outro o que semellan ser dous replanteos da portada principal tapiados de cachotería, un á súa esquerda e outro á dereita. Presentaría tamén ó redor da entrada unha serie de estancias que semellan ser un corpo de garda, achado tamén pouco habitual. Do conxunto da portada destaca tamén o seu bo estado de conservación o que fai do xacemento un lugar singular para escavacións futuras.

Se ben o achado foi especialmente interesante, a liña da escavación só se mantivo no entorno da estrada, desenterrándose só a parte correspondente á súa portada. Ademais, a pesares dos traballos, o descoñecemento sobre o castro é grande, xa que, por unha banda, so se exhumou o correspondente a unha doceaba parte do xacemento, e por outra só coñecemos dous pequenos artigos publicados do que alí se atopou, un deles publicado nun seminario en Cádiz. É por iso polo que, a pesares do interesante da súa configuración, non é posible concretar moitos datos sobre o mesmo. Segundo la Voz de Galicia, co trazado da estrada se fixeron numerosos informes do atopado, mais ningún deles viu nunca a luz.

Entrada monumental do castro de Castrelo, en Laxe / manuelgago.org/blog

A estrada convive co castro

É por isto que tamén durante todo o desenrolo da campaña arqueolóxica a pervivencia do xacemento se converteu nun obxecto de polémica, xa que o trazado da estrada xa en obras pasaba por riba da descoberta, o que fixo temer a moitas persoas do ámbito da cultura que parte do castro fora derrubado. Finalmente o trazado da estrada no lugar convive co propio xacemento,xa que foi lixeiramente retirada do trazado orixinal para non pasar literalmente por riba. Para manter o trazado correspondente co camiño empedrado de acceso optouse por construír unha “fiestra arqueolóxica” duns 15 metros de longo que permitiu manter o percorrido da estrada e conservar esta parte do xacemento baixo ela. Quedou para a posteridade, sen embargo, a escavación, estudo e sinalización do xacemento así como a ordenación para protexer por completo o seu perímetro.

Finalmente ó longo de 2016 se fixo unha última campaña destinada a consolidación da parte escavada do xacemento, ó tempo que se construía un pequeno aparcadoiro e unha pasarela de madeira para o acceso a este. A día de hoxe o castro fica sen sinalización e sen os paneis informativos que se pensaban instalar no lugar unha vez rematadas as obras. Por outra banda, a pesares da escavación deste pequeno sector, e do seu acceso, para calquera visitante a meirande parte do castro e do seu trazado aparece agochado baixo un espeso piñeiral e bastante irrecoñecible. Do lugar destaca tamén a súa situación especialmente cercana ás vivendas do núcleo de Castrelos, incluso téndose construído unha delas sobre parte da muralla occidental, preto do xacemento escavado.

 

Fontes: La Voz de Galicia, 8 de novembro de 2014; 21 de marzo de 2015; 26 de novembro de 2016; patrimoniogalego.net, 28 de agosto de 2013; Capítulo Cero, 18 de agosto de 2009; “Restos cerámicos recuperados de la excavación arqueológica en O Castrelo, Laxe, A Coruña” Diego Pray Augusto, Servicio de Publicaciones de la Universidad de Cádiz, 2005; “Sondaxes arqueolóxicas na área de cautela do xacemento de Castrelo vinculados ao acondicionamento da estrada AC-433 ó seu paso por Laxe, A Coruña” Diego Pray Augusto, en Actuacións Arqueolóxicas, ano 2008.

Pode que che interese...