Réplica dun dos galeóns da Armada Invencible que Felipe II enviou contra Inglaterra

O galeón de Ribadeo, o mellor conservado do mundo…pero no fondo do mar

Pezas atopadas do galeón de Ribadeo / galeonderibadeo.com

O 13 de novembro de 1597 chegaba a ría de Ribadeo o Santiago de Galicia, un enorme galegón que tiña participado na fracasada armada que Felipe II enviou contra Inglaterra e que os ingleses, en ton de burla, denominaron “invencible”.

A nave chegou en moi mal estado ao porto acompañado doutros dous pequenos buques… E alí quedou, afundida e rodeada dunha importante capa de area ata que foi descuberta en 2011 grazas a un dragado que se fixo no porto comercial. A 4 metros de profundidade atopáronse os seus restos. Uns restos que, segundo a empresa Archeonautas, atópanse en moi bo estado e, de recuperarse o buque, farían del o galegón máis grande e mellor conservado do mundo.

Por iso, e con ese obxectivo naceu a Asociación Amigos do galeón de Ribadeo que leva varios anos tentando convencer ás administracións para sacar o buque do fondo da ría e levalo a un museo.  Para iso, creou unha web, galeonderibadeo.com e unha páxina en FB na que informan sobre todo o relacionado con este achado e teñen iniciado unha campaña de captación de socios –só 20 euros– para apoiar a recuperación do galegón.

Mellor conservado que o Mary Rose

O Santiago de Galicia foi un dos grandes buques da armada de Felipe II. Era un barco de guerra de gran tonelaxe, dunhas 600 toneladas, con 9,38 metros de manga e 32 metros de eslora, a mesma que ten o “Mary Rose“, o buque insignia da frota de Enrique VIII de Inglaterra afundido en 1545 e único gran buque do XVI que se conserva nun museo ata data. Os membros da asociación e destacados arqueólogos subacuáticos como Miguel San claudio cren que a recuperación do galeón español podería aportar unha información fundamental para entender como era a vida e a sociedade mariñeira e militar do século XVI.

Ata o momento sábese que o galegón ten un dobre forro, que se reservaba para barcos importantes, un deles de chumbo. Tamén ten unha cuberta impermeabilizada, grazas a que a madeira estaba embreada e as xuntas calafateadas para asegurar a flotabilidade da nave mesmo cunha vía de auga aberta. No fondo da ría de Ribadeo pódense observar as cuadernas e baos (as vigas da nave), e un mamparo (as paredes de madeira). Tamén se descubriu o que poden ser os restos dun almacén de munición (bolaños de pedra, sobre todo) e outros restos de barrís de carga (alimentos, pólvora, mercadorías…). Ademais hai cerámicas da época asociadas.

Restos do galeón de Ribadeo, que tería participado na Armada Invencible / galeonderibadeo.com

As investigacións dos retos da nave realizadas polo proxecto internacional ForSEAdiscovery, que entre outras cousas investiga o tráfico marítimo dos séculos XVI e XVII e a madeira empregada na construción dos navíos, apuntan que as do buque de Ribadeo coinciden en que se trata dunha estrutura construída en carballo e con elementos feitos de diferentes especies, entre elas o piñeiro. Todo parece indicar que o carballo é de orixe vasca-cántabro.

Evitar que caia no esquecemento

A asociación O galeón de Ribadeo, o mellor conservado do mundo creouse ante a ausencia dunha política de protección patrimonial e para evitar que o galeón caia no esquecemento. “Cando me decatei do achado non logrei entender como non se lle daba a importancia que merecía, sendo practicamente descoñecido en toda a rexión”, apuntaba Ainhoa López, conservadora e restauradora con casa en Ribadeo, que preside a asociación. “Creo no seu potencial como obxecto museable e xerador de recursos económicos, ademais de ser un medio para narrar a historia da navegación, na que fomos importantísimos”, suliñaba na web National Geographic.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

1 Resposta

  1. 15 Outubro 2018

    […] de Ribadeo é o gran porto descoñecido de Galicia, pero a súa historia oculta galeóns afundidos (como xa abordamos en HdG) e milleiros de transaccións comercais con todo o mundo. Foi un centro receptor e distribuidor de […]

A %d blogueros les gusta esto:

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: