Petróglifos na Pedra da Brúxula, en Punta Herminia, no entorno da Torre de Hércules / Xosé Troiano

O misterio sobre as “inscricións fenicias” atopadas na Torre de Hércules en 1895

Tempo de lectura: 3 min.

“Copias de las fotografías de las inscripciones -al parecer fenicias- descubiertas por nuestros distinguido amigo D. Francisco M.ª de la Iglesia en la península de la Torre de Hércules, serán enviadas á las Academias de Madrid, París, Berlín, etc., para la debida interpretación, á la vez qeu á El Cairo, centro de sabios especialistas en estas materias”. Con este breve recollía o 14 de agosto de 1895 o xornal El Anunciador as marcas atopadas en varias rochas que se atopan preto do faro romano.

Breve aparecido en El Anunciador sobre as inscricións de Punta Herminia

Este feito, lembrado por Fernando Patricio Cortizo na rede social Facebook volveu traer a memoria o rico patrimonio que existe en torno ao monumento declarado Patrimonio da Humanidade, pero que non está tan protexido como este. Estas supostas “inscricións fenicias” das que falaba o seu descubridor, non resultaron ser tal, senón petróglifos cruciformes que se atopan en Punta Hermina, unha antiga zona militar.

Trátase de dúas rochas; a pedra do Altar, descubertas en 1895 por Francisco María de la Iglesia, e a pedra da Brúxula, descuberta en 1897 polo seu fillo Santiago. De feito, o primeiro elaborou un mapa cos petróglifos que había nesa data na contorna da Torre, case todos eles desaparecidos.

Inscricións aparecidas na Pedra do Altar, preto da Torre de Hércules / Xosé Troiano

A pedra do Altar e a pedra da Brúxula

A pedra do Altar contén numerosas cruces, varias inscritas en círculos, cruces con base circular e algunhas figuras humanas moi esquematizadas, tal e como recolle o colaborador de HdG, Xosé Troiano, na Web patrimoniogalego. O gravado está situado a uns 75 metros de altura sobre o nivel do mar tendo un estado de conservación malo debido, ademais da erosión natural, ós múltiples impactos de bala ós que foi sometida a pedra cando os terreos nos que se empraza estaban baixo xurisdición militar, xa que a zona era un campo de tiro.

Pola súa banda, a pedra da Brúxula ten gravados similares a principal, aínda que en menor número. A rocha fora tapada con terra, a instancias do propio de la Iglesia, debido a que logo da súa descuberta sufrira diversas agresións por algún pastor da zona, segundo recolle Xosé Troiano.

Marcas de balas atopadas na Pedra do Altar / galipedia

A principios do ano 2014, foi redescuberta debido a que os gravados quedaron o aire libre debido as abundantes choivas e ao mal tempo, que fixeron que, agora, se poidan volver a ver de novo. Está composta por nove figuras cruciformes, tres delas con base circular e as demais situadas enriba destas tres, pero cun trazo moi feble, non sendo doado de percibilas.

A raíz da súa nova descuberta, o Concello da Coruña iniciou traballos para recuperar estes petróglifos. Unha tarefa da que se encargou a arqueóloga e restauradora Begoña Albertos Figueroa. Ademais de sinalizalos, realizouse un levantamento da fotogrametría dos petróglifos en 3D.

Marcas de peregrinos?

Pero cal é o orixe destas inscricións?. O arqueólogo municipal, Marco Antonio Rivas, apuntaba en La Voz de Galicia que é difícil establecer unha datación para os petróglifos e aventuraba que poderían estar relacionados coa Torre de Hércules e os elementos medievais da mesma. Desde Patrimoniogalego se apunta que era a maneira que tiñan os cruzados procedentes do norte europeo de deixar a súa marca.

Tamén o historiador Felipe Senén, autor dun traballo de investigación sobre estes elementos, apunta que a cruz representa ás persoas e tamén ao sol e simbolizan un acto de presenza. Así, destaca que a maioría de igrexas de peregrinaxe teñan estes conxuntos de petróglifos que, neste caso, datan dos séculos XI e XII.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: