Puntas de frechas realizadas con seixo / mobes.info

O seixo, a ferramenta de guerra das sociedades prehistóricas da Gallaecia

Tempo de lectura: 2 min.

Durante millóns de anos e ata a xeralización da metalurxia, a fabricación de ferramentas líticas “foi un aspecto fundamental da economía e tecnoloxía das sociedades prehistóricas”. Un monográfico publicado pola revista Quaternary International e editado por investigadores da USC e do IPHES aval, agora, a complexidade económica, tecnolóxica, social e simbólica das sociedades prehistóricas que empregaban o seixo para as súas ferramentas, equiparable á rexistrada nos grupos que habitaban outros territorios onde o sílex era un material frecuente, e ao cal se lle deu máis valor.

O seixo, a pesar de ser un dos minerais con maior presencia na cortiza terrestre, “foi considerado tradicionalmente polos arqueólogos como un recurso de escasa importancia, propio de sociedades arcaicas”. Con todo, os resultados deste estudo “poden considerarse como unha proba evidente da flexibilidade e capacidade de adaptación das sociedades prehistóricas aos cambios e condicionantes dos diversos territorios”, sobre todo, aquelas que vivían no noroeste da península.

A investigación centrouse tradicionalmente naquelas ferramentas realizadas en sílex, dado que esta roca presenta “unha mellor calidade para a talla, o que facilita a fabricación de pezas máis complexas e, mesmo, máis atractivas desde un punto de vista estético”.

O sílex escaso en Galicia

Con todo, naqueles territorios nos que o sílex é unha materia prima moi escasa –como pode ser Galicia ou o extremo Nordés da Península Ibérica– os grupos prehistóricos tiveron que recorrer a outros materiais, como o seixo.

Coitelo de cuarzo / USC

A este mineral “prestáraselle moi pouca atención”, indica a USC. Os investigadores considerárono tradicionalmente “como un mero recurso de substitución, de mala calidade, e que non permitía obter a mesma estandarización morfológica das ferramentas que nos seus homólogos en sílex”. “Esta aproximación levou a que, nalgúns casos, se tachase de arcaicos aos grupos prehistóricos que fabricaban as súas ferramentas en seixo”, apuntou a universidade.

O monográfico é froito do traballo de membros do GEPN-AAT (Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) da Universidade de Santiago de Compostela, e do IPHES (Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social).

Especialistas nacionais e internacionais

O volume, que reúne as contribucións de especialistas nacionais e internacionais, ten a súa base no XVII Congreso Internacional da UISPP (Union International de Sciences Préhistoriques et Protohistoriques), celebrado en Burgos en 2014.

O monográfico reúne 16 contribucións de numerosos especialistas nacionais e internacionais que abarcan “un amplo marco cronolóxico e espacial”, ofrecéndose casos de estudo de diversas rexións do planeta e desde o Paleolítico Inferior ata a Idade do Bronce.

“Os traballos axudan a romper coas paradigmas tradicionais da disciplina, deixando claro o gran coñecemento que estes grupos prehistóricos tiñan sobre as características deste material e as posibilidades que lles ofrecía, chegando a desenvolver procesos de talla específicos que posibilitaron a obtención de pezas de indubidable valor estético e simbólico”, apuntan os investigadores.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: