Castro de Baroña / concello de Porto do Son
Castro de Baroña / concello de Porto do Son

Os novos achados que poderían ser un “bombazo” para as investigacións do castro de Baroña

Quen fixo o castro de Baroña?, por que se construíu nunha península de moi difícil acceso e sen auga potable —a fonte máis cercana está a 1,5 quilómetros—, nin terras fértiles preto del —as máis cercanas están a máis de 700 metros—?. Que enigmas oculta este impresionante ben arqueolóxico?.

Son cuestións difíciles de respostar. Sen embargo, as últimas escavacións en Baroña poden abrir novas vías de investigación, ata agora inéditas, e dar solución a parte destas cuestións. E é que a aparición dunha senda escavada nas rochas, que vai dar ao recinto máis alto da fortaleza, pode ser o punto de partida de novas teorías sobre os usos e os espazos deste sitio arqueolóxico, un dos máis visitados de Galicia.

Neste paso oculto, que conectaba o segundo recinto interno do castro —o barrio fortificado—, co último recinto, tamén foron descubertas uns gravados e liñas que poderían relacionarse cun posible uso ritual dese espazo. Así o cren os principais arqueólogos que levan traballado neste sitio arqueolóxico nos últimos anos; Luis F. López González, Ángel -Tito- Concheiro Coello e Yolanda Álvarez González. Tamén o catedrático de Historia Antiga da USC, Marco García Quintela, apunta a que pode tratarse dun santuario.

Imaxe dun dos barrios do castro de Baroña / turismo.gal

Son parte das teorías que explicaron en “Alén dun castro”, un encontro monográfico sobre o castro de Baroña que tivo lugar no Consello da Cultura Galega este xoves. De feito, García Quintela, que está preparando un novo estudo sobre a fortificación, conecta estes petróglifos atopados no castro con outros que se atopan no Monte Gurita, especialmente, cunha das estacións máis importantes deste monte e na que se atopa a representación dun sol. “Está xusto na media ladeira e é xusto onde se comeza a ver a cima do castro de Baroña”, apuntou Quintela. Isto significaría que hai unha continuidade temporal en todo o entorno de Baroña desde a Edade do Bronce ata a Edade do Ferro. Pero, por que?.

A orixe ritual

Hai que perderlle o medo a dicir certas cousas. Santiago naceu dunha tumba que atoparon aí onde está a catedral”, asegurou Tito Concheiro. “E isto non ten por que significar que entramos en temáticas de Cuarto Milenio”, chanceou. “Que haxa un acceso monumental ao segundo recinto dá moito que pensar”, indicou previamente Yolanda Álvarez.

E o certo é que as impresionantes murallas de Baroña, a súa extrema fortificación e a súa situación nunha península facían do castro un lugar case inexpugnable. E o feito que nel non haxa moitas vivendas alimenta esas novas teorías. “Tamén en San Cibrán de Las atopamos un recinto superior que nada ten que ver cos outros espazos”, suliñaba Tito Concheiro. “Igual do que falamos non ten que ver co hábitat, e o recinto superior non tiña que ver co resto do castro”, engadiu.

García Quintela avanzou algo máis sobre as súas teorías. “Se vos fixades, cando un baixa ao castro de Baroña atopa terra, mar e ceo. Son os elementos fundamentais da orde do cosmos. Todo isto ven dunha tradición celta… E aí están dun xeito natural e, é evidente, que queren transmitir algo”, apuntou.

Tamén Concheiro afondou nesta idea máxica que rodea a Baroña. “É curioso, pero o conxunto fortificado está para ser visto desde a terra, non desde o mar. De feito, desde o mar, o castro case está oculto. Non se ven as súas impresionantes defensas”. “Baroña pode dar unha volta de torca que pode ser un bombazo e podería dar unha nova visión da Idade de Ferro. Isto sería fantástico”, concluíu Concheiro ao respecto.

Os problemas de Baroña

Para coñecer un pouco máis sobre estas novas teorías haberá que agardar ao traballo que, en breve, publicará García Quintela. Tamén o investigador do CSIC César Parcero tense achegado a Baroña e aportado interesantes achegas.

Pero o principal problema do castro é a falta de materiais. “O castro foi varias veces aberto en canal e pouco conservamos do que se atopou”, suliñou Tito Concheiro. De feito, tras as campañas de J.M. Luengo e Calo Lourido pouco se ten encontrado. Da primeira campaña, de 1933, non existe inventario dos materiais dáse xa por desaparecido o que alí se atopou.

E as novas investigacións poucos obxectos materiais teñen aportado. O único destacable son ósos, algúns de cervo, atopados nas escavacións da muralla do castro. De feito, sábese que, polos restos, que a alimentación era máis rica en bóvidos.

Yolanda Álvarez González, Tito- Concheiro Coello e Luis F. López González, nunha conferencia sobre o castro de Baroña / XS

Plan director do castro

Outra das conclusións ás que chegaron López González, Concheiro e Álvarez son á necesidade de que se aprobe un plan director do castro de Baroña. “Senón o precisa Baroña non o precisa ningún outro ben”, apuntou Concheiro ao respecto. Tamén Luís González suliñou que unha das cuestións que habería que regular é a visita de touroperadores que levan autobuses de turistas que “non deixan nin un euro na localidade”.

E cales son as necesidades principais do castro?. Yolanda Álvarez deixounas claras; definir a primeira fase de ocupación, descartar o lado sur por falta de sedimentanción e ceñirse no lado norte porque é o que pode dar bos resultados en canto aos sedimentos. Pero para iso sería necesario un “gran equipo” no que, ademais de arqueólogos, traballaran edafologos e xeólogos.

Aportacions

A sesión comezou da man de Luis F. López González coa análise dos procesos de restauración realizados no castro e novos achados documentados nas estruturas de delimitación do xacemento. Tito Concheiro detallou despois as intervencións que se desenvolveron ao longo do tempo en Baroña, o contexto arqueolóxico do xacemento e novos traballos de posta en valor de patrimonio e divulgación realizados nos últimos anos.

Finalmente, Yolanda Álvarez González explicou como as novas intervencións abriron un bo número de preguntas acerca da morfoloxía e a ocupación do xacemento e fixo fincapé na necesidade da colaboración dun equipo profesional interdisciplinar xa que os antigos traballos en solitario non poden responder a todas as necesidades do Castro de Baroña, que segue sendo un misterio en moitos aspectos.

Os outros segredos de Baroña

Durante as últimas escavacións, e tal e como suliñaron os tres arqueólogos descubriuse un camiño de rodeiros de carro que podería ser anterior á muralla exterior. De feito, Yolanda Álvarez apuntou que podía ser da primeira Idade do Ferro. Estas rodeiras, que van do piñeiral que se atopa a case un quilómetro do castro, chegarían mesmo ata o pe da muralla da fortificación.

Ademais, e tal e como comentou un veciño de Porto do Son presente na sala e gran coñecedor do castro, nos anos 60 o muro exterior non se coñecía porque estaba totalmente tapado pola area e os carros chegaban mesmo ao pe do castro. Tamén lembraba como no seu interior se facían carreiras de motocross, o que provocou danos no xacemento.

Finalmente, relatou como nunha das primeiras campañas que se realizaron procedeuse á restaruración de varias casas, algunhas das cales quedaron moi danadas por unha dura invernía que sufriu Porto do Son ese mesmo ano.

Milladoiros de cons construídos no entorno do Castro de Baroña / FB Luz Divina González

O futuro de Baroña

E que pode pasar con Baroña no futuro?. Todo vai depender do nivel de implicación nun dos xacementos máis importantes de Galicia. Con todo, e tal e como adiantou Tito Concheiro, o certo é que o castro de Baroña non está ao completo. Preto dun 25% do mesmo atópase perdido polo efecto do paso do tempo e das mareas. De feito, e segundo avanzou, Baroña podería quedar dividido en tres illotes no futuro. Con todo, e a pesar dos problemas e dos retos futuros o certo é que Baroña deparará interesantes descubrimentos no futuro.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: