fbpx
Modelo dixital do Castro de Gresande, afectado por unha tala de eucalipto / Antonio Presas-FB

Por fin un concello investiga de motu proprio unha tala de eucaliptos que afectou a un castro

Tempo de lectura: 3 min.

O Concello de Lalín é un dos concellos pioneiros –xa hobo outros no seu día como o de Narón– no protocolo de actuación que terían que aplicar todas as administracións públicas cando un ben patrimonial do seu ámbito territorial é afectado, neste caso, un castro, o de Gresende.

Maquinaria pesada sobre os parapetos do castro de Gresande / Antonio Presas – FB

Como lembrou Antonio Presas a través das redes sociais, nos últimos días unha empresa madeireira realizou unha tala de eucaliptos que afectou parte do recinto protexido deste ben, concretamente, os seus parapetos exteriores. Tras as queixas de varios veciños, e sen que se teña presentado unha denuncia previa, o concello decidiu enviar a unha patrulla da Policía Local que realizou un informe que será remitido á Dirección Xeral de Patrimonio por se dera lugar a algún tipo de sanción, xa que o castro está catalogado.

Aínda que a afectación ao castro foi menor, o certo é que este tipo de actuacións, co uso de maquinaria pesada sobre as estruturas protexidas pode dar lugar a sancións leves, tal e como recolle a nova lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

O concelleiro de Medio Rural de Lalín, Miguel Ángel Medela, suliñou en declaracións a Historia de Galicia que actuou tras ver a queixa dos veciños na páxina de Facebook da parroquia de Gresande. “Eu vinas e púxeme en contactei con Antonio Presas para asesorarme. Foi entón cando fun cunha patrulla da Policía Local, co pedáneo e unha veciña de alí. Sacamos fotos de todo para facer un informe”, apunta.

Así, a Policía Local fixo un primeiro informe que logo foi remitido ao arquitecto municipal para que faga un informe máis completo que será o que se lle remita a Patrimonio, probablemente a comezos da vindeira semana. “Eu a simple vista non podo dicir se se lle fixo moito dano”, indicou o concelleiro, “iso téñeno que certificar as persoas que saiban”.

A empresa di que cumpriu a lei

Recreación dos danos no castro de Gresande / Antonio Presas- FB

Pola súa banda, a empresa que realizou a tala di que os seus traballos se levaron a cabo dentro da lei e contaba cos pertinentes permisos da Consellería do Medio Rural. O madeireiro Manuel Ángel Fernández Cortizo asegurou que o concelleiro Medela comunicoulle que debía “seguir traballando por ter todo en lei“, tal e como recolle a edición do Deza de Faro de Vigo.

Sen embargo, desde o concello aclaran que o que está en regra é a tala de árbores por parte de Medio Rural, pero non co permiso de Patrimonio, xa que se trata dun ben inventariado que precisa dun permiso especial. “É rotundamente falso que eu lle dixera que cumpría toda a legalidade. Eu o que lle dixen a eles que o primeiro que faría era parar; que fixeran un informe ou foran directamente a Patrimonio”, indicou Medela.

O madeireiro di que as máquinas si se achegaron a parte da estrutura do castro, pero cre que non o danaron. Por iso, nega que a afección sexa relevante e destaca que, precisamente, as máquinas rozaron o foso do castro para evitar que as árbores de gran tamaño caesen sobre o mesmo e ocasionaran aínda máis danos.

O empresario atribúe as protestas veciñais a problemas persoais que mantén cun grupo de persoas de Gresande que, di, lle impiden realizar traballos nesta aldea.

Pode que che interese...