fbpx
Castelo de Doiras, nos Ancares / turismo.gal

Que pasa coa rehabilitación dun dos símbolos militares dos Ancares

Tempo de lectura: 2 min.

O castelo de Doiras é un dos grandes símbolos do patrimonio na comarca dos Ancares. Pero a súa situación de abandono é palpable e ameaza, ademais, con provocar males maiores ao ben arqueolóxico. Por iso, a deputada lucense Concepción Burgo vén de rexistrar varias iniciativas parlamentarias nas que insta á Xunta de Galicia a establecer conversas coa Fundación Xosé Souto, propietaria do castelo de Doiras, para “chegar a acordos que posibiliten a rehabilitación e posta en valor” da edificación e deste xeito “evitar o seu deterioro e apuntalar a economía da comarca” dos Ancares.

Interior do castelo de Doiras, no concello de Cervantes / turismo.gal

O castelo de Doiras, situado na parroquia de Santa María de Vilarello, no concello de Cervantes, é un verdadeiro símbolo da comarca e un referente das fortalezas medievais e Ben de Interese Cultural (BIC) desde 1994. Burgo lamenta que sexa noticia polo informe que o colectivo Patrimonio dos Ancares lle entregou á Xunta “alertando de danos na fortaleza e dos efectos do seu abandono”.

A propia fundación recoñece que ten actividades programadas e realiza traballos de mantemento pero “non ten os medios económicos necesarios para rehabilitar totalmente e poñer en valor” o castelo. “A responsabilidade do mantemento e da protección dun BIC é innegablemente do propietario pero tamén da Xunta, que non pode estar impasible ante o deterioro dun patrimonio monumental desta importancia ademais de ter todas as competencias por lei”, afirma Burgo.

Pode que che interese...