fbpx
A ponte vella en Navia de Suarna / queverengalicia.com

Queren crear unha senda de 360 quilómetros para coñecer o patrimonio de Galicia e Asturias

Tempo de lectura: 2 min.

A Gran Senda do Navia é un proxecto impulsado polos Concellos de Galicia e de Asturias para crear unha gran ruta ao longo do río Navia, desde o seu nacemento nas proximidades do Cebreiro ata a desembocadura no mar Cantábrico, cunha extensión de máis de 360 quilómetros. A senda conecta os Camiños Francés, Primitivo e Norte e conta con recursos de interese paisaxístico, etnográfico e patrimonial.

Os Concellos promotores buscarán financiamento para desenvolver a senda a través do programa “Camiños Naturais”, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e  Medio Ambiente. Con este proxecto, búscase contribuír ao desenvolvemento de catro comarcas pertencentes a dúas comunidades autónomas, que suman unha poboación de 33.000 habitantes.

O Goberno da Deputación de Lugo mantivo un encontro este luns cos representantes dos 7 Concellos lucenses implicados na creación da Gran Senda do Navia, un proxecto no que tamén participan outros 9 Concellos asturianos, así como o Principado de Asturias, para crear de forma conxunta unha senda peonil e cicloturista ao longo do curso do río Navia. Participaron grupos de traballo dos Concellos de Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.

Representantes dos concellos de Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro que se xuntaron para falar do proxecto da senda do Navia / Deputación de Lugo

Nesta xuntanza tamén participou a Federación Galega de Montañismo, que expuxo un borrador de trazado aos diferentes concellos para o seu estudio, co obxectivo de conseguir de forma coordenada, unha senda que conecte todo o río Navia. A partir de agora, o seguinte paso consistirá no estudio deste borrador por parte dos Concellos. Despois de ser analizado en profundidade, e unha vez definan o percorrido en cada territorio,  nun prazo de entre 2 e 3 semanas volverán a reunirse para seguir avanzando neste proxecto.

Resaltar o patrimonio etnográfico, cultural e patrimonial

Dende o Goberno da Deputación destacan a receptividade dos Concellos na presentación deste trazado, e avanzaron que tentaran melloralo, aportando ideas e propostas para que este novo proxecto contribúa a resaltar o patrimonio etnográfico, cultural, patrimonial e medio ambiental de cada vila por onde transcorre este senda.

Na reunión, púxose de manifesto o bo traballo que está realizando a Federación Galega de Montañismo, xa que son bos coñecedores dos sendeiros por onde transita,  ademais da solvencia que posúen como promotores do desenvolvemento local. Dende o Executivo Provincial destacan que o obxectivo desta iniciativa é dinamizar economicamente e turisticamente estes concellos da Montaña que posúen un enorme interese e moitas potencialidades.

Xuntanzas en Asturias

Paralelamente en Asturias, concretamente na Casa de Cultura de Boal tamén acolleu a  reunión dos representantes dos Concellos asturianos de Allande, Boal, Coaña, Grandas, Ibias, illano, Navia, Pesoz e Villayón, que, coordinados polo Principado, avaliaron o itinerario que atravesa as terras asturianas. Ademais, nestas dúas xuntanzas teranse en conta as propostas da Federación de Montañismo de cada  Comunidade.

Pode que che interese...