Banda de Música de Santiago nos anos 60 / Consorcio de Santiago

Recuperando a memoria dunha cidade a través da súa banda de música

Un libro, editado polo Consorcio de Santiago e Andavira, recolle a historia da Banda Municipal de Santiago dende 1848 ata a actualidade. Unha historia na que tamén se reflicten todos os grandes acontecementos da capital galega durante máis de 150 anos.

“La Banda Municipal de Santiago. Música en las compostelanas rúas desde 1848” é unha publicación da musicóloga Beatriz Cancela Montes, editada polo Consorcio de Santiago e Andavira Editora. A publicación é o resultado da tese de doutoramento de Beatriz Cancela na que se suliña que a Banda Municipal de Santiago é unha das máis antigas do panorama español e, logo de máis dun século e medio de vida, atópase entre as poucas que perduran dende a súa orixe ata os nosos días. “Precisamente polo momento que están a pasar as bandas, é necesario coñecer a propia historia, facer balance e poder afrontar todas aquelas decisións que axuden a perpetuar este patrimonio musical, adaptándoo ao século XXI”, manifesta a autora.

En 1848 a agrupación preséntase á cidade como centro formativo de instrumentistas que pertencían principalmente á Casa Hospicio. En 1876 pasa a depender directamente do Concello, que decide profesionalizala e regulala no que se refire ás condicións de ingreso dos músicos que a constitúen, feito que se evidencia de xeito rotundo no ano 1894.

“Esta precocidade no nacemento da banda de Santiago hai que entendela circunscrita a unha cidade culturalmente moi activa, en particular a través da Catedral e da Universidade. Os compoñentes da capela de música da catedral tiñan un peso considerable na sociedade compostelá, desempeñando dende funcións docentes ata como instrumentistas noutras agrupacións musicais. Pola súa parte, a Universidade favorecía un ambiente musical xove e inquieto”, explica Cancela.

Banda musical de Santiago nos anos 30 / Consorcio de Santiago

Disolución temporarl por problemas económicos do Concello

O libro parte do ambiente musical de Santiago a finais do século XIX, relata a orixe da banda e as diferentes etapas polas que foi pasando ao longo da historia, coas súas épocas de esplendor e as súas crises, incluída a súa disolución entre os anos 1959 e 1964 como consecuencia da mala situación económica que atravesaba o Concello.

Tamén aborda a importancia da súa presenza na Alameda, nos teatros e auditorios, nos eventos civís e institucionais, nas celebracións relixiosas, nas festas da cidade, así como as súas saídas fóra de Santiago. Faise referencia ás súas tarifas e locais de ensaio, como eran os uniformes, a evolución dos soldos dos integrantes da banda, a organización da agrupación en cada período, Tamén reúne a biografía da vintena de mestres que a dirixiron e a traxectoria dalgúns dos seus compoñentes máis destacados, entre eles o músico Ángel Brage.

A publicación está ilustrada con debuxos, postais e fotografías históricas da cidade e da banda e da súa participación en eventos e festexos, xunto a imaxes máis actuais e outros documentos gráficos como programas e carteis de concertos ou partituras.

“O álbum de fotos sonoras dunha época”

“A Banda Municipal de Santiago de Compostela é a viva imaxe sonora dunha maneira de entender a música en Galicia, a súa lonxevidade nun contorno histórico como é o da cidade de Santiago fana converterse nunha cronista que, paralelamente á cidade, ten vivido os diferentes momentos polos que atravesaron os seus habitantes”, sinala o director da Banda entre 2013 e 2016, Juan Miguel Romero Llopis, no prólogo do libro-.

O mestre explica que “este traballo pretende ser un álbum de fotos sonoras dunha época, fotos en branco e negro, a toda cor, mesmo algunas delas de deficiente calidade ou cheas de manchas como ten sido o longo e intenso camiño que ten realizado esta institución”. E salienta que “para os galegos sempre foi un referente e os músicos que formaron parte dela sempre eran os máis solicitados en Galicia”.

O libro presentouse esta semana na Fundación Torrente Ballester nun acto no que estivo, ademais da autora, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o responsable de publicacións do organismo interadministrativo, Juan Conde; e a directora de Andavira Editora, Lucila Ventoso.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: