fbpx
Escudo franquista nun edificio da USC / BNG

Santiago aínda conserva dez símbolos franquistas en edificios públicos

Tempo de lectura: 2 min.

A capital galega aínda conserva símbolos franquistas en dez edificios públicos tal e como recolle un inventario elaborado pola asociación A Gentalha do Pichel de escudos, cruces, inscricións e símbolos de enxalzamento fascista que incumpren a Lei de Memoria Histórica.

A Comisión de Historia da Gentalha do Pichel xa rexistrou unha petición ao Concello de Santiago para a recuperación e dignificación da memoria das persoas vítimas de represión, “asasinadas, obrigadas ao exilio para salvaren a vida, humilladas e asediadas pola ditadura fascista”.

Nesta iniciativa, realizaron un inventario de bens onde aínda permanece simboloxía franquista en Santiago e citaban a presenza de escudos na antiga escola de Amio, na Facultade de Químicas, na estación de ferrocarril (tras un panel do logo de ADIF) e en Correos (dentro dunha caixa); símbolos da Vitoria no claustro do mosteiro de San Martiño Pinario, no hotel do mosteiro de San Francisco e no CIFP Politécnico de Santiago; unha cruz e inscrición no mosteiro de Antealtares, unha placa do sindicato da Falanxe nas vivendas sindicais da rúa Canfranc, na Pontepedriña; así como outras en vivendas particulares. A isto engádese un escudo do Frente de Juventudes na fachada do Auditorio da USC, no campus sur.

O artigo 15.1 da Lei da Memoria Histórica, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se estabelecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a Guerra civil e a Ditadura, determina que “as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra civil e da represión da Ditadura”. Entre estas medidas poderá incluírse a retirada de subvencións ou axudas públicas, en vigor desde o día 28 de decembro de 2007, segundo a disposición final segunda da citada Lei 52/2007.

O grupo municipal do BNG tamén trasladou unha moción ao Pleno para a eliminación desta simboloxía.

 

 

 

Pode que che interese...