Edificio do Cinema Zárate, en Mugardos, de estilo ecléctico / Panoramio

Un dos grandes símbolos da arquitectura ecléctica de Galicia non será derrubado

Tempo de lectura: 3 min.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural acaba de emitir unha orde de suspensión da demolición do edificio do cinema Zárate de Mugardos, un dos grandes edificios eclécticos de Galicia, tras a presentación dun informe encargado polo concello que constata o avanzado estado de deterioración e recomenda o seu derrube.

“Apúntanse tres posibles opcións de intervención: reparación dos elementos estruturais, manter as fachadas como elementos de cerramento, e demolición e reconstrución”, recolle este informe. “Valorando o nivel de danos que presentan os elementos estruturais do edificio e o custo e complexidade que suporía a súa reparación (ademais de que unha estrutura como esta, reparada nunca alcanzará as garantías e prestacións dunha nova), a nosa recomendación sería a súa demolición e reconstrución”, engade.

Edificio do Cinema Zárate, en Mugardos, de estilo ecléctico / Concello de Mugardos

Por iso, a soa intención de demoler este singular edificio levantou a polémica e a oposición de numerosas asociacións e particulares. Hai uns días, o presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, Carlos Coto, reuniuse con membros do goberno municipal para tentar involucrar a expertos na área e tratar así de buscar a posibilidade de conservar parte do inmoble. Tamén pediu medidas de protección a arqueóloga local Xulia Vidal, que estudou a historia do Ideal Cinema Zárate e mesmo presentou un traballo nun congreso de arqueoloxía industrial celebrado en Asturias no ano 2009.

“Perda irreparable”

Patrimonio actuou veloz neste caso e emitiu unha orde na que busca defender os valores culturais e arquitectónicos do edificio, cuxa demolición suporía “unha perda irreparable”, segundo consta no informe realizado polos técnicos desta Dirección xeral. Deste xeito, e tras valorar o documento técnico, concluíuse ordenar a suspensión da demolición do cine e notificarlle ao concello de Mugardos esta resolución, lembrando que calquera actuación neste contorno debe contar co informe previo da Dirección xeral do Patrimonio Cultural, co fin de que poida alegar o que estime conveniente.

Ademais, desde Patrimonio tamén se realizarán os trámites previos para valorar a procedencia da incoación da catalogación do cine Zárate no prazo de dous meses e, de ser o caso, establecer o acaído alcance da súa protección.

O edificio foi adquirido polo Concello no ano 2007, un exercicio despois de que se empezase a impulsar un proxecto para a súa rehabilitación e conversión nun centro de día. O bipartito asinou un convenio co goberno local que dirixía entón o nacionalista Xosé Fernández Barcia, aínda que non chegou a materializarse nin por ese goberno nin polo de Núñez Feijóo.

O cinema Zárate, de Mugardos, nunha imaxe antiga / Concello de Mugardos

Exemplo de arquitectura ecléctica

O Zárate é un dos poucos exemplos da arquitectura ecléctica na comarca de Ferrol Terra. Recibiu o seu nome do indiano mugardés Pedro Zárate Doménech que foi quen mercou en 1924 o solar sobre o que construiría a sala cinematográfica o arquitecto Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón.

Cos anos converteuse nun emblema de Mugardos. O edificio foi inaugurado o sábado 29 de maio de 1926 coa actuación do grupo arxentido de Les Pantaleoni e Aurora Gago. Ademais da súa arquitectura, o edificio contaba con outra gran obra, un pano do pintor Felipe Belo Piñeiro, que se perdeu co paso dos anos.

O eclecticismo arquitectónico é unha tendencia artística en arquitectura que mestura elementos de diferentes estilos e épocas da historia da arte e a arquitectura. Maniféstase en Occidente entre 1860 e finais dos anos 1920 e as súas referencias serán a arte gótica (Neogótico), románico (Neorrománico) e oriental (Orientalismo).

 

Fontes: Xunta, lavozdegalicia.es, Concello de Mugardos

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: