fbpx
Esqueleto dun peregrino leproso da Idade Media atopado en Winchester (Inglaterra) e que puido chegar a terras británicas dende Galicia | Simon Roffey.

Un peregrino galego morto na Inglaterra medieval, fundamental para estudar a orixe da lepra

Tempo de lectura: 2 min.

Albert Quián, xornalista

O esqueleto dunha vítima da lepra na Idade Media achado nun dos primeiros hospitais británicos coñecidos para acoller a afectados por esta enfermidade está aportando luz sobre a historia desta enfermidade infecciosa. Os restos achados son dun mozo, entre 18 e 25 anos de idade, atopado na leprosaría de Santa María Magdalena, preto de Winchester, Hampshire (Inglaterra). Os investigadores suxiren que o home era un peregrino relixioso de España que puido coller a enfermidade mentres viaxaba por Europa. En concreto, as probas realizadas mostraron que o esqueleto, identificado como Sk27, proviña da costa atlántica e, moi probablemente, da galega, xa que con el había unha cuncha de vieira, símbolo dos peregrinos de Santiago de Compostela. Os científicos descubriron ademais que, polo menos na súa morte, o home recibiu un enterro tradicional do peregrino e non foi tratado como un paria.

Os autores do achado e responsables do estudo —Simon Roffey e Katie Tucker, da Universidade de Winchester, e Michael Taylor, da Universidade de Surrey (Reino Unido)— están convencidos de que o achado deste esqueleto, no que se atopou unha cepa da lepra, axudará a coñecer as orixes xenéticas desta enfermidade e o seu proceso de expansión por Europa na Idade Media. Para o seu estudo, utlizaron extensas probas de xenotipificación, datación por radiocarbono, análise biomolecular, osteoloxía, análise isotópico de estroncio e osíxeno e métodos arqueolóxicos.

Cuncha de vieira, típica dos peregrinos, atopada xunto a un esquelete exhumado nunha leprosesría de Winchester / Simon Roffey

Os responsables do achado —publicado nun artigo científico titulado ‘Investigation of a Medieval Pilgrim Burial Excavated from the Leprosarium of St Mary Magdalen Winchester, UK‘— cren que a enfermidade se estendeu por Europa na Idade Media debido ás peregrinacións relixiosas. En concreto, Winchester foi un punto clave para as peregrinacións porque era unha zona chea de santuarios e hospitais no século XII. “Desde o século XI ata o XIV, en Europa Occidental tivemos un aumento sen precedentes na fundación dos hospitais de lepra”, explicou o doutor e profesor en arqueoloxía medieval Simon Roffey, máximo responsable da investigación.

Unha das preguntas que se facían os científicos é por que a lepra —que existiu desde hai séculos— impactou tanto na sociedade de Europa Occidental daquel momento. “Este individuo dános unha idea dunha das razóns polas que esta enfermidade atopou o seu camiño nunha sociedade medieval”, aportan os investigadores británicos.

Aínda que a infección bacteriana causada por Mycobacterium leprae ou Mycobacterium lepromatosis afectou aos seres humanos durante miles de anos, esta alcanzou niveis epidémicos durante a Idade Media. E malia que aínda existe xente que segue sendo afectada pola lepra, os científicos atoparon que o xenoma de M. leprae non cambiou significativamente desde que a enfermidade acadou o seu punto máximo na Europa medieval. Isto podería explicar unha diminución na transmisión da enfermidade ao desenvolverse unha resistencia humana co paso do tempo. Máis no xornal Galicia Confidencial.

Pode que che interese...