fbpx
Estado da Torre de Taboi, en Outeiro de Rei, que figura na lista vermella de Patrimonio Galego e Hispania Nostra / Hispania Nostra

Unha torre medieval dos Pardo de Cela corre serio risco de derrube desde hai anos

Tempo de lectura: 3 min.

Estamos na Torre de Taboi, unha fortaleza de orixe baixomedieval propiedade dos Saavedra, pero tamén feiudo dos Pardo de Cela, que se atopa no concello de Outeiro de Rei. Do antigo castelo só queda unha gran torre, a antiga torre do homenaxe, de estrutura cuadrangular fabricada en cachotaría de lousas con reforzos dos vans en granito.

Pero a pesar da robustez destes muros que resistiron asedios e as inclemencias do tempo durante séculos, o certo é que este ben atópase nunha situación lamentable e ameaza con derrubarse se non se actúa rápido. E este SOS non é o primeiro. Xa hai anos que distintos colectivos e divulgadores do patrimonio se teñen queixado do seu abandono.

Actual estado da torre de Taboi, en Outeiro de Rei, con serio perigo de derrube / Eugenio Otero-Twitter

De feito, a Torre de Taboi figura nas listas vermellas de Patrimonio Galego e de Hispania Nostra, que advirte que a torre se atopa en proceso de ruína con risco de esfarelarse. “Hai grandes gretas na fachada Sur. Cuberta de vexetación e raíces nas súas fachadas. Faltan os sillares da porta, agravando o perigo de derrube”, suliña este portal. Unha denuncia que estes mesmos días recollía Eugenio Otero Urtaza a través da súa conta de Tuiter: “O castelo de Taboi pode caer mañá, a alguén lle importa?”.

Obrigas de particulares e administracións

A Historia de Galicia abofé que lle importa e, por iso, fai un novo chamado a propietarios e administracións para que fagan algo antes de que logo un novo castelo derrubado ocupe as páxinas dos xornais. O colaborador deste portal e divulgador do Patrimonio, Xabier Moure, xa alertaba da situación deste monumento nun artigo o pasado ano e lembraba que que os concellos teñen a obriga de protexer, defender, realzar e dar a coñecer o valor cultural dos bens que radiquen no seu termo municipal, e que en caso de urxencia lle corresponde adoptar as medidas cautelares, cando visen o seu interese ameazado, para salvagardalos.

Tamén os propietarios ou posuidores están obrigados a conservalos, coidalos e protexelos para asegurar a súa integridade e evitar a súa perda, destrución ou deterioración. Así o recolle a Lei do Patrimonio de Galicia, así como que os poderes públicos garantirán a súa protección e conservación. E dito incumprimento será causa de interese social para a expropiación forzosa dos bens declarados e catalogados, así como de falta grave por incumprimento do deber de conservación dos propietarios ou posuidores dos bens declarados de interese cultural.

Fogar dos Saavedra e Pardo de Cela

A actual torre é o único resto do que foi castelo completo, primitivo solar dos Saavedra. En 1585 foi reparado e descríbense fosos, recinto, torres, ponte levadizo. Taboi foi primitivo solar da familias Saavedra e feudo dos Aguiar, Ribadeneira ou Bolaño. Tamén foi feudo dos Pardo de Cela. Non hai documentos medievais sobre a torre. Por preitos de 1666 sábese que Fernando Saavedra foi o XXXIII posuidor do solar dos Saavedra, que é a torre.

O escudo principal áchase no Museo Provincial de Lugo. “No pazo ou casa da Torre” consérvase outro escudo procedente da torre, obra do século XVI. O Pazo tamén foi moi reformado con materiais modernos que contrastan cos tradicionais. A torre está incluída no Catálogo da Xunta e da PXOM

Pode que che interese...