fbpx
Museo de Belas Artes da Coruña / Galipedia

A arquitectura e o deseño funcional e económico do XX nunha exposición no Museo de Belas Artes

Tempo de lectura: < 1 min.

O Museo de Belas Artes da Coruña acaba de iniciar unha exposición temporal que aborda un tema descoñecido da arquitectura e do deseño da segunda metade do século XX, o da funcionalidade e economicismo, tendo en conta que os arquitectos representados son referentes na arquitectura dos nosos días.

“Unha fascinante historia da vivenda de baixo custo a través de dez insólitas biografías”, é o subtítulo da mostra ‘California Dreaming’, que se achega dun xeito diferente ao mundo da arquitectura doméstica en tempos de crise, mediante a divulgación dunha serie de deseños considerados referentes do sentido común e da innovación, realizados por arquitectos que traballaron na zona de California entre os anos 1920 e 1950 no marco dunha iniciativa pioneira que se desenvolveu para facer vivendas unifamiliares funcionais e económicas: o Case Study Houses Program.

A través de dez biografías, entre as que se inclúen a do arquitecto Rudolph Schindler, iniciador do movemento, a do seu continuador Gregory Ain ou a do gran promotor e impulsor daquela corrente, John Entenza, ‘California Dreaming’ presenta esta experiencia arquitectónica baseada en formulacións sustentables e racionais.

Organizada pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, co apoio do museo e do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, xunto co patrocinio de Sutega, a mostra inclúe 50 paneis, unha ducia de maquetas realizadas por alumnado da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) e catro elementos audiovisuais de apoio expositivo, xunto con mobles deseñados por algúns dos arquitectos participantes na mostra. Está comisariada por Pedro del Llano. A exposición poderá visitarse desde o 30 de marzo ata o 4 de xuño no Museo de Belas Artes da Coruña.

Pode que che interese...