fbpx
Peirao e porto de Vilagarcía a comezos dos século XX / foto patrimoniovilagarcia.net

Cando 20.000 mariñeiros se rebelaron contra o método capitalista de pesca dos cataláns

Tempo de lectura: 5 min.

A principios de xullo de 1900 sae na prensa galega unha noticia alarmante: “En Vilagarcía haberá unha xigantesca manifestación de mariñeiros galegos contra a traíña”. Por que se elexía Vilagarcía como sede do movemento social e ese odio contra a traíña? A historia viña de atrás. A traíña como método de pesca introducida en Galicia polos cataláns supuña un modo de extracción da sardiña máis económico, máis acorde co capitalismo que lentamente se introducía en Galicia, pero que a longo prazo terminaría co sistema tradicional do xeito ou o boliche.

Os novos métodos de pesca tiñan menor capacidade extractiva, aínda que máis acorde cunha repartición equilibrada do produto entre os pescadores. Era evidente que a loita entre ambos os métodos conduciría a un enfrontamento aberto entre mariñeiros, fomentadores, conserveiros, capitalistas, organizacións sociais e económicas e autoridades locais.

A loita era tremendamente desigual xa que o custo de barco e redes para o sistema de traíña supuña un gasto aproximado entre as 3.000 e as 4.000 pesetas da época, cantidade que non entraba na diminuta economía dos mariñeiros galegos, pero si entre os poderosos conserveiros que se estaban estendendo pola costa, especialmente na Ría de Vigo. Isto á vez orixinaba unha total separación entre as autoridades locais e económicas de Vigo, como o Concello e a Cámara de Comercio, que rapidamente se puxeron de parte da traíña para abastecer ás fábricas da zona, e outras organizacións, e municipios que se situaron en contra, como os concellos de Pontevedra e Vilagarcía coas súas Cámaras de Comercio, apoiadas pola Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, bastante menos industrializadas polas conserveiras, e por iso máis dependentes do mariñeiro e as súas tradicionais artes de pesca.

Cando os mariñeiros viron que o seu método de pesca perigaba enormemente, e con iso o seu modo de vida, a loita foi moi dura ata o extremo de que no ano 1897 queimáronlle un barco do banqueiro e conserveiro Salvador Aranda de Vigo, e chegaron ata provocar explosións de dinamita contra algunhas traiñeiras, tal como ocorreu en Porto do Son en 1898.

A presión económica dos conserveiros aumentaba co tempo, e en 1899 fórmase en Vigo o Sindicato de fabricantes de conservas da Ría de Vigo, ao que pouco máis tarde se unirán o resto de fabricantes de España e Portugal. Chégase entón ata o centenar de matrículas de traíña nesta ría.

Barco de traiña / patrimoniovilagarcia.net

Comezan as manifestacións

Ante este lento e constante avance da traíña, os mariñeiros do xeito tratan de obxectar motivos puramente biolóxicos e sanitarios en defensa da sardiña sen moita sorte, xa que son facilmente rebatidos polos da traíña. Por iso, finalmente, inícianse as grandes manifestacións mariñeiras en cidades importantes da provincia de Pontevedra.

Uns meses antes da gran manifestación en Vilagarcía, os mariñeiros de O Son remitiran unha instancia ao Ministerio de Mariña para que se prohibira a traíña nas Rías Baixas, pero ademais de non facer caso á petición, o xefe do goberno, Silvela dixo que “sean rechazadas todas as peticións en igual sentido”.

Pero, porqué en Vilagarcía, se nesta parte da ría de Arousa era bastante escasa a implantación da traíña? O feito de ser unha poboación importante, con fácil comunicación con outros municipios, o ser a capital marítima da ría e ter unha burguesía e elementos políticos e militares de certa importancia, puideron influír na elección do municipio para un gran acto de protesta.

Os poderes económicos do municipio trataron de obter opinións a favor da manifestación, non só a nivel político, senón tamén a nivel eclesiástico. Unha persoa tan estimada en todas as esferas públicas como o presidente da Cámara de Comercio, José María Abalo e Sousa escribira previamente ao cardeal arcebispo de Santiago sobre “la razón que asiste a los pescadores” e solicitando “a súa bendición e paternal apoio”. A iso contestou moi diplomáticamente José Martín de Herrera y de la Iglesia que “prometía o seu apoio á Cámara contra o uso da traíña”.

Cadro da vila de Vilagarcía a finais do século XIX / patrimoniovilagarcia.net

A gran protesta de Vilagarcía

O xornal “El Ancla”, fervoroso partidario dos mariñeiros, dicía o día 13 de xullo que “llegaron a Vilagarcía dos mil lanchas repletas de gente procedentes de todas las rías de la región”, citando o caso curioso de dous vapores procedentes da Pobra “trayendo a remolque doscientas lanchas”. Dicía o xornal que chegaran mariñeiros procedentes de Muros, Corcubión, O Son, Pontevedra, Marín, Cambados e outros portos.

Os miles de mariñeiros que desfilaron por Vilagarcía traían bandeiras, e aínda que se estrañaron de que non acudiran os previamente convidados; gobernador civil da provincia, Menéndez Pidal, e o marqués de Riestra, aos que se esperaba, si estaba presente o poderoso González Besada que tivo a delicadeza de acudir ao peirao para esperar as comisións de mariñeiros, así como do tamén deputado Gasset Chinchilla e o deputado provincial Otero. Ao día seguinte, outro xornal provincial comentou que se achegara o gobernador, pero en todo caso a súa estancia apenas durou xa que non falou canda os outros oradores.

Parece que a advertencia da prensa en días anteriores de que “se teme que los traineros consigan algunas cosas válidas del caciquismo”, tivo o seu aquel en certos poderes políticos da provincia.

Preto de 20.000 persoas

Pola súa banda, “Diario de Pontevedra” completaba o acontecemento dicindo que acudiran ao redor de 20.000 persoas, algo que non se viu nin sequera coa chegada da frota inglesa. Engadía que unha gran flotilla de 3.000 embarcacións, saíra da Pobra pouco despois das seis da mañá e chegara a Vilagarcía arredor das 10.

A entrada das 3.000 embarcacións foi tan grandiosa que “muchos ancianos pescadores, que encanecieron en la ruda lucha del mar, y centenares de madres que ven el fantasma de la miseria no han podido ocultar sus lágrimas”.

Tras esta magna manifestación, en outubro de 1901, o goberno adopta por fin a decisión de que as traíñas só poderían pescar fóra das rías, dá á vez entrada aos mariñeiros nas Xuntas Locais de Pesca.

Os mariñeiros contaban ademais co apoio da Sociedade económica de Amigos do País en Santiago, e do influente Centro Galego de Madrid e mesmo de moitos fomentadores da zona, pero nin sequera esta axuda e as grandes manifestacións como a de Vilagarcía de Arousa, podían impedir xa o avance das traíñas como gran abastecedor das fábricas conserveiras galegas.

Embarcacións en Vilagarcía sobre o 1915 / patrimoniovilagarcia.net

A traíña vaise impondo

A pesar de que as últimas leis favorecían os mariñeiros inimigos das traíñas, realmente había pouca regulamentación seria, e a complexidade era tanta, que tal como anota o historiador Jesús Giráldez, os propios funcionarios do Ministerio dicían que requiría “un estudo e unha preparación semellante ao necesario para interpretar xeroglíficos exipcios”.

Por iso non resulta estraño que se alterase a lei continuamente, enchendo de traíñas a ría de Vigo, e que finalmente aumentasen por toda Galicia. Así a Revista de Pesca Marítima dicía que en 1901 había en Vigo 134 cercos de xareta, como tamén se chamaba á traíña”, para pasar a 494 en 1905.

Ao final, e comprendendo todos que a traíña era imparable, son os propios mariñeiros os que reciben créditos para a compra de redes e barcos, e detense así unha loita que podería destruír a vida social e económica das rías.

 

Escrito por Víctor Viana en patrimoniovilagarcia.com

Pode que che interese...