fbpx
Retrato de Carlos V en 1516 por Bernard van Orley

Cando Carlos V reuniu as Cortes en Galicia e se iniciou a revolta comuneira de Castilla

Tempo de lectura: 2 min.

‘Vésperas de revolución. As Cortes de Santiago en 1520’. Ese é o nome da charla que o catedrático de Historia Moderna da Universidade de Cantabria, Juan Eloy Gelabert, dará este luns no Ateneo de Santiago. Unha interesante conferencia sobre o que supuxo aquela xuntanza da nacente realeza española, primeiro en Santiago, e logo na Coruña, entre fins de marzo e mediados de maio de 1520.

Esas Cortes foron as primeiras dun monarca non nado na Península e que non era ben visto polos casteláns. De feito, a monarquía española, como tal, estaba aínda en cirolas. Por iso, en parte, decidiu convocar a xuntanza rexia lonxe das principais cidades castelás, que eran as principais opositoras á chegada ao trono dun monarca non nado en chan castelán.

Na súa preparación, a Corte encargou aos corrixidores que escollesen procuradores afíns ao rei e que se lles outorgase un poder moi limitado, o que alimentou o odio das principais cidades de Castela que rexeitaban unha política imperial que afogase as urbes con novos esforzos financeiros e advertían ao rei que, se non se tiña en conta aos seus súbditos, as Comunidades ían defender os intereses do reino.

Comeza a revolta

Cando a maioría dos procuradores se presentaron en Santiago xa tiñan claro que non ían votar a favor do novo monarca. Por iso, o rei decidiu suspender as Cortes o 4 de abril e renovalas na Coruña o 22 de abril. Un tempo que aproveitou para presionar os deputados e correxidores, sen conseguilo.

Antes de que se celebraran esas segundas cortes na Coruña, o 16 de abril estalaba en Toledo a primeira revolta comuneira. Na Coruña as Cortes só cederon sobre a cuestión dos impostos ata aprobarse por unha gran maioría. O 20 de maio o rei Carlos embarcou cara a Alemaña designando a Adriano de Utrecht rexente das posesións hispánicas, o que provocou que a revolta se estendese por toda Castela.

Pode que che interese...