fbpx
Ilustración das cantigas de Santa María / foto PD Wikimedia

As cántigas populares, as armas para loitar contra curas e caciques desde o século XV

Tempo de lectura: 3 min.

“A canción protesta non a inventou en Galicia Voces Ceibes, senón que no cancioneiro popular hai moitas cántigas críticas cos caciques, os curas, contra os malos administradores, contra os abusos…”. Quen amosa esta contundencia é o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, que publicou en 1967 o primeiro cancioneiro popular de temática social, no que recollía unha serie de pezas contrarias aos sistema político-social imperante na época.

Durante os séculos XV, XVI ou XVII nos que “practicamente non se escribía en galego”, aquilo que se contaba e que se cantaba nas casas arredor das lareiras constituía “o alimento literario” do idioma, “a única literatura galega que había”, sostén Alonso Montero. Afondar na importancia e na beleza do cancioneiro popular galego, daquelas pezas xurdidas do imaxinario popular que se ían transmitindo de xeración en xeración foi o propósito da conferencia que o catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela impartiu este mércores na Casa das Campás de Pontevedra.

Como falar dos problemas sociais da época

“Hai cántigas de catro versos que son pequenas mostras de literatura, como noutro sentido sono tamén os romances”, salienta este filólogo e sociolingüista, que ten nestas mostras da literatura popular un dos seus obxectos de estudo e preocupación desde hai moitos anos. ‘Do amor, da problemática social e doutros temas no cancioneiro popular da tradición oral’ foi, de feito, o título do seu relatorio.

O académico lembrou varios exemplos daquelas cántigas que lle impactaron na súa infancia na aldea de Ventosela, en Ribadavia. “A cántigas populares de catro ou tres versos son a miña primeira universidade literaria”, recoñece este estudoso da tradición oral, que nesta actividade se reúne co alumnado do Programa para Maiores, “que de seguro saben tantas cántigas coma min, aínda que non as valorasen moito”, trata de incidir como, ao igual que acontece na poesía culta, “a musa popular non só serve para falar de amor, senón que hai tamén unha musa de protesta”.

Xesús Alonso Montero, presidente da RAG

Xesús Alonso Montero, presidente da RAG

Que é un fistor?

“Fistor é unha palabra galega curiosísima que significa poeta popular, e en Galicia houbo moitos fistores e fistoras”, engade Alonso Montero, quen pon de relevo a existencia de “cántigas extraordinarias” na tradición popular, que nos séculos XIX e XX espertaron o interese de diferentes eruditos.

“O padre Sarmiento, por exemplo, quedou impresionado pola súa riqueza lingüística e a súa beleza”, apunta o presidente da RAG, que lembra tamén que en 1876 José Pérez Ballesteros publicou en tres tomos un cancioneiro popular galego no que recollía milleiros de mostras destas pezas xurdidas deses “poetas populares”.

Mostras doutro mundo que preservar neste

“As cántigas consérvanse na memoria dos máis vellos do mundo rural”, recoñece Alonso Montero, quen lembra que nos tempos previos á chegada ás casas da radio ou a televisión, aquilo que se contaba e se cantaba “ao pé do lume nas lareiras ou nas tabernas” era unha parte fundamental do “ocio cultural” da xente.

Mais, hoxe “nun mundo totalmente distinto” este tipo de prácticas “xa non están vixentes na vida, pero si teñen que estalo na literatura, como o están as cantigas de amigo dos séculos XIII e XIV”. Nese senso, o presidente da Academia pon de relevo que diferentes estudos teñen amosado como o cancioneiro popular galego permitiu aos e ás lingüistas atopar “formas e voces que non aparecen noutro tipo de texto”, así como o papel inspirador que xogou na poesía culta. “O propio libro fundacional da literatura galega chámase Cantares gallegos porque o que fai Rosalía nese libro é recoller un cantar que ela oíu e glosalo”, engade.

Pode que che interese...