Unha ilustración dunha muller na época Heian do Xapón

Como eran os costumes amorosos do Xapón do século VIII- XII?

O Centro de Linguas Modernas e a Japan Foundation convidan este xoves 2 de marzo a unha xornada para descubrir aspectos descoñecidos da cultura xaponesa. Trátase de dúas conferencias na tarde dese xoves no salón de actos da Facultade de Filosofía con entrada libre ata completar aforo.

Un dos relatorios, que comezará ás 19.00 horas da man do especialista en literatura xaponesa Carlos Rubio, e bebendo directamente das fontes (O relato de GenjiO libro da almofada, os diarios femininos da época, o Kokinshu), abordará os costumes galantes da corte de Heián (s. VIII-XII), o último da época clásica da historia do Xapón.

Quintaesencia do exotismo, a corte de Heian é un mundo, afastado pero íntimo, presidido por un deslumbrante código do bo gusto e uns valores que mil anos despois non deixan de asombrar e conmover. Na charla ‘Amor e intimidade na corte de Heian’ o experto falará da curiosa mestura de depravación e decoro nas relacións entre homes e mulleres, do costume “das tres visitas”, da sorprendente actitude cara ao nu, dos usos cosméticos e o modelo de beleza, da política matrimonial, dos extravagantes tabús, das “cartas do día despois” ou do prestixio social das mulleres.

O Budismo

Por outra parte, noutro relatorio que comezará  ás 17.00 horas, o doutor en Historia da Arte pola Universidade Complutense Javier Villalba Fernández mostrará qué é o budismo Zen desde un punto de vista histórico e ilustrará a maneira en que poden observarse as súas pegadas na cultura de Xapón.

As escolas do Zen destacaron de entre o resto de escolas de budismo ao proxectar unha nova visión do mundo que foi asimilada de modo creativo, o que se pon de manifesto en numerosas obras de arte e en ámbitos culturais moi variados.

Carlos Rubio foi profesor na Universidade de Tokio e actualmente éo na Complutense e na Casa Asia de Madrid. Tradutor ao español e divulgador da literatura xaponesa, é autor de Claves y textos de la literatura japonesa (Cátedra, 2007); El Japón de Murakami (Aguilar, 2012) e El pájaro y la flor (Alianza, 2010). En 2011 recibiu a Medalla do Mérito Cultural do Goberno de Xapón e en 2014 a Orde do Sol Nacente da Casa Imperial.

Javier Villalba é especialista en Historia da Arte de Xapón, Villalba foi investigador na Universidade de Tokio e docente nas Universidades de Chile, Católica de Chile e Salamanca. Actualmente traballa en Casa Asia, onde é profesor colaborador desde 2011.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: