fbpx
Desfeita no Coto do Torrón, en Silleda / Antonio Presas
Desfeita no Coto do Torrón, en Silleda / Antonio Presas

Fiscalía e Xunta non sancionan a agresión contra un castro porque non estaba protexido

Tempo de lectura: 3 min.

As agresións contra o coñecido como Coto do Torrón, en Escuadro, Silleda, quedarán impunes porque este castro non está, aínda, protexido de xeito oficial. En maio de 2016 ese ben era afectado por unha corta indiscriminada de carballos e o ensanche dunha pista. O Concello, tras as críticas de diversos colectivos e activistas como Antonio Présas, paralizou estes traballos por falta de autorización da Consellería de Cultura.

Pero un ano despois, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 2 de Lalín acordou arquivar o caso. O xuíz adoptou a súa decisión logo da proposta da Fiscalía, que nun informe de xaneiro deste ano aconsella arquivar a causa. A acusación pública baséase á súa vez nun informe do secretario de Silleda, no que se indica que o Coto de Torrón non ten ningún tipo de protección urbanística no Plan Xeral de Ordenación Municipal vixente, que xa foi modificado.

Situación dos estragos no Coto do Torrón, en Silleda / Antonio Presas

Ademais, Cultura nin esixiu a restauración do dano, nin impuxo unha sanción económica aos responsables. A consellería trasladou o expediente á Fiscalía e desentendeuse da denuncia ao subliñar que non figura nas normas urbanísticas vixentes en Silleda, nin no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

Coto do Torrón á espera da súa protección

O certo é que o PXOM polo que aínda se rexe Trasdeza é o que se activou hai 36 anos, en 1981. O futuro plan de Urbanismo, que se aprobou de forma provisional o pasado mes de marzo, xa ten en consideración este xacemento arqueolóxico. Con todo, está á espera da aprobación definitiva por parte da Xunta, tal e como recolle o Faro de Vigo. En concreto, sinala que o enclave está chantado sobre Chan Rústico de Protección do Patrimonio Cultural (SRPPC), de modo que nun futuro non poderán nin removerse terras nin realizar escavacións sen permiso previo. Pero, ao non estar aínda en vigor, non pode servir como argumento para que se considere a agresión como tal.

A súa inclusión no novo PXOM era a razón que esgrimiu o colectivo Petón do Lobo para instar á Consellería de Cultura a que o dono dos terreos nos que se interveu devolvese estes a o seu estado orixinal.

Coto do Castro de Torrón, en Silleda / Xurxo Salgado

O fallo xudicial remitirase, de novo, a Cultura para decidir se este sobresemento puidera entenderse como unha infracción administrativa. Contra a sentenza pode imporse un recurso de reforma, ou subsidiario de apelación.

HdG alertara da súa situación

Historia de Galicia visitou este castro semanas despois das agresións e comprobou, in situ, a súa magnitude e chamou a atención sobre a súa situación. Pero foi o activista Antonio Présas quen decidiu denunciar o caso ante Patrimonio nun longo escrito do que tamén deu conta esta web.

O coto do Torrón é un pequeno outeiro que sobresae nunha ladeira, a 495 metros de altitude, no que non se observan estruturas defensivas e, polo tanto, non se poden precisar as súas dimensións. No lugar apareceron restos de cerámica castrexa por mor das obras de cimentación dunha edificación. Nas Fichas Arqueolóxicas do Castro de Silleda elaboradas pola Deputación de Pontevedra, ano 2012,  dise que só existe o topónimo, “aínda que hai abundantes indicios (folclóricos, arqueolóxicos, toponímicos) que nos poden facer pensar na existencia dun xacemento arqueolóxico, non necesariamente castrexo”.

No Pxom de Silleda do ano 2012, e tal recolle Elixio Viéitez en Patrimonio Galego, noutra ficha que se corresponde coa contorna suroeste deste outeiro, localízase o asentamento chamado Chousas da Latiza, e dá conta do achado de pezas dun muíño circular de man.

Pode que che interese...