Vistas do parque e do castelo de Soutomaior / Silvia Cernadas

Guerra aos eucaliptos en Pontevedra para evitar que danen lugares de interese patrimonial

Tempo de lectura: 2 min.

Os eucaliptos son xa unha praga en determinadas partes de Galicia. Unha especie foránea que non só pon en perigo ás especies autóctonas, senón tamén sitios e lugares de interese patrimonial. Por iso, e para atallar ese problema de raíz, a Deputación de Pontevedra cortará todos os eucaliptos que estean dentro das 33 hectáreas de terreo do Castelo de Soutomaior.

O goberno provincial da Deputación de Pontevedra contratou a talla dos 333 exemplares desta “especie invasora” que están repartidas polas 25 hectáreas de explotación forestal que dispón o recinto do Castelo. A súa presidenta, Carmela Silva, anunciou quere que a área quede “libre” de eucaliptos.

As plantacións de eucaliptos son un dos maiores perigos aos que se enfronta o megalitismo galego / inter.rev.foroactivo.com

As plantacións de eucaliptos son un dos maiores perigos aos que se enfronta o patrimonio galego / inter.rev.foroactivo.com

Silva apuntou que este asunto é da “máxima relevancia” e unha mostra “de como entende esta Deputación o coidado do patrimonio ambiental”. “Estes eucaliptos non só impedían gozar das vistas que ten este privilexiado espazo, senón que ademais supoñen un grave perigo ambiental“, subliñou.

A presidenta explicou que estas árbores “non están protexidas, esquilman o chan e compiten moito pola luz, a auga e os nutrientes do solo en detrimento das especies autóctonas, que esas si que están protexidas”.

Propagan lumes e danan o patrimonio

Polas súas características singulares, os eucaliptos actúan como especie pirófaga que facilita a propagación dos incendios e danan o patrimonio. Por todas estas cuestións o goberno provincial considera que “vai ser moi beneficiosa a erradicación dos eucaliptos”, que constitúen “unha secuela para a natureza“.

Os traballos para levar a cabo a talla xa foron adxudicados á empresa Díaz e Buceta S.L., que ofreceu un importe de 34,24 euros por tonelada na mesa de contratación. Está previsto que a próxima semana, “se o tempo acompaña”, comece a talla, que terá unha duración estimada de dúas semanas.

As pezas de maior tamaño serán aproveitadas pola empresa e o resto serán destinadas á compostaxe. “Como responsable política eu síntome moi satisfeita destas decisións”, concluíu Carmela Silva.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: