Fusilamento durante a Guerra Civil Española

A Guerra Civil Española contada por un comandante que loitou pola República

As memorias dun comandante profesional do exército en 1936 ven a luz 80 anos despois. Edicións Bolanda e o Histagra acaban de presentar o libro de Antonio Seoane, “Años de guerra y revolución 1936-1939”, unha desgarradora historia sobre a idiotez da guerra, que fai aflorar o peor do ser humano.

Libro do comandante republicano Antonio Seoane / Histagra

O relato está contado en primeira persoa polo comandante profesional Antonio Seoane Vázquez, que ve a luz case 80 anos despois de ser escrito para deixar constancia do absurdo das guerras. A obra presentou este mércores na Libraría Couceiro de Santiago nun acto no que participaron o profesor e membro de Histagra, Lourenzo Fernández Prieto, Carlos Méixome, o editor Antonio Couto e Antón Seoane, familiar directo do autor, quen rematou de escribir esta súa crónica da Guerra Civil en abril de 1940 no seu exilio en Montauban (Francia).

Un relato en primeira persoa de todo o vivido desde o golpe militar do 36 do que o autor foi non só espectador “senón actor directo e consciente, con mando en tropa e cometidos importantes”, tal como sinala no limiar o profesor Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea na USC e un dos responsables de que este libro vise a luz case 80 anos despois de ser escrito. Durante todo ese tempo celosamente gardada, esta historia publícase agora enriquecida cunhas imprescindibles reflexións feitas coa perspectiva do tempo así como unha reveladora documentación gráfica, que permite obter unha nova e sorprendente visión dun dos momentos máis tristes da nosa historia.

Asegura o profesor Fernández Prieto que textos coma este, “escritos polos protagonistas” son a expresión “dun tempo no que a democracia republicana que estaba a construírse colmando tantas arelas pendentes foi destruída a sangue e a lume”. “Unha memoria amarga pero que contén a graza da vida e do vitalismo” de Antonio Seoane Vázquez, nacido en Ferrol en 1902 e falecido en Pontevedra en 1981, xa como tenente coronel aínda que desde o seu regreso no 46 nunca volveu á órbita militar.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: