Recreación da cidade vella da Coruña / ciudadvieja.com

Non á turistización, si ao gozo do patrimonio

Expertos en patrimonio e turismo reunidos en Santiago salientan que cómpre priorizar a función residencial das cidades históricas fronte á turística para que sigan a ser “cidades vivas”. Ademais, apuntan que urxe un cambio na lexislación para favorecer a xeración de postos de traballo nos centros históricos e limitar o alugueiro de pisos con fins turísticos a favor de estudantes e residentes.

Estes días estase a celebrar en Santiago o VI Encontro Ibérico de Xestores de Patrimonio Mundial, no marco dos actos conmemorativos do 25º aniversario do Consorcio de Santiago. No transcurso deste evento estase a abordar o impacto que está a ter o turismo sobre os elementos do Patrimonio Mundial. Nesta liña, o xeógrafo e economista experto en turismo Juan Requejo Liberal salientou que “o gran perigo dunha cidade Patrimonio da Humanidade é converterse nun conxunto de elementos fósiles, mortos, e perder o seu principal valor, que é o da lonxevidade, a súa capacidade de manterse como cidade viva ao longo dos séculos, unha condición que na actualidade está en perigo en moitas cidades do mundo”.

O experto sinalou que as cidades Patrimonio da Humanidade teñen uns compoñentes de singularidade e atractivo que lles confiren un gran valor turístico. “Dáselle valor ao patrimonio porque proporciona recursos pero existe o risco de que a xestión do turismo se poida converter nunha situación letal”.

Turistización

Debate sobre un novo modelo turístico no VI Encontro Ibérico de Xestores de Patrimonio Mundial / Consorcio de Santiago de Compostela

O economista referiuse ás liñas aéreas low cost e aos portais de alugueiro turístico como “iniciativas fantásticas para os consumidores pero desde a perspectiva dos xestores de patrimonio xeran unha marabunta que esnaquiza a vitalidade que ten unha cidade. Este tipo de elementos de depredación é o fenómeno que pode facer que as cidades Patrimonio da Humanidade pasen de ser cidades vivas a restos fosilizados”.

Ante esta situación, o experto asegurou que “cómpre identificar que modalidade de turismo interesa e ir cara a ela de maneira intelixente. Hai que tomar decisións de xestión territorial e urbanística loitando contra este tipo de tendencias no eido turístico”.

No caso dos cascos históricos, Juan Requejo afirmou que “cómpre priorizar a súa función residencial fronte á turística. Para iso precísanse cambios na Lei de Arrendamentos Urbanos, cambios nos usos dos edificios das cidades históricas para garantir que se manteña a actividade local cotiá, favorecer a xeración de recursos para os seus habitantes”. Nesta liña, manifestou que na actualidade non se xeran postos de traballo nos centros históricos, posto que se deixa que o valor que teñen repercuta só nos propietarios dos edificios.

Cambiar normas para facer cidades vivas

“Urxe cambiar leis e ordenanzas municipais e abordar unha xestión política intelixente de captación turística. Ten que haber unha vontade política pero tamén social, un cambio de mentalidade dos propietarios que alugan os pisos con fins turísticos nos centros históricos. E isto ten que completarse cunha xestión que impida realizar este aproveitamento, estimulando, por exemplo, o alugueiro a estudantes ou persoas que ocupen as vivendas durante todo o ano” -destacou Requejo-.

Na xornada deste xoves presentaron o caso da cidade de Santiago o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, e a concelleira de Turismo, Marta Lois. Expuxeron os principais problemas que afectan, desde hai moitos anos, ao turismo en Santiago, “problemas moi relacionadas co patrimonio”, en particular a baixa estadía media na cidade, a estacionalidade da demanda e a concentración e conxestión turística.

O novo modelo turístico ao que se referiron aposta pola descentralización e desconxestión das zonas máis saturadas. Para iso indicaron que é preciso poñer en valor o conxunto patrimonial de Santiago, a oferta cultural e a Compostela Verde. “Unha cidade non é excepcional só polo construído, senón tamén pola súa xente e a súa paisaxe” -afirmaron-. Así, o Concello quere poñer en valor aqueles elementos patrimoniais que son descoñecidos mesmo para a veciñanza.

Estas xornadas están organizadas pola Secretaría de Estado de Cultura, a través da Subdirección Xeral de Protección de Patrimonio Histórico, en colaboración co Consorcio de Santiago, o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia. Reúne xestores de diferentes cidades Patrimonio da Humanidade de España e Portugal.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: