fbpx
Castelo de Pambre / turismo.gal
Castelo de Pambre / turismo.gal

O Castelo de Pambre renace do seu esquecemento

Tempo de lectura: 2 min.

O Castelo de Pambre (Palas de Rei) é un dos poucos exemplos de arquitectura militar da Idade Media que se conserva en Galicia e tamén unha das poucas que se salvou da Revolta Irmandiña. Unha fortaleza pequena, pero sólida, que lembra como debeu ser un tempo no que o país estaba inzado de castelos, cabaleiros e moitos servos.

O lugar foi escenario das loitas entre Pedro O Cruel e Henrique II de Castela. Antes da súa construción tivo lugar á beira do río Pambre a batalla entre as tropas de Fernando Ruiz de Castro, partidario do asasinado en Montiel Pedro I e as tropas de Pedro Ruiz Sarmiento, Adiantado Maior de Henrique II. Non obstante, a actual fortificación é de finais do século XIV por don Gonzalo Ozores de Ulloa.

Durante o século XV a fortaleza exerceu a función militar e tamén a de fielato como lugar de paso obrigado e suxeito ao pago do portádego polo uso do camiño. Despois de pasar á propiedade dos Ulloa, en 1484, pasou a propiedade dos condes de Monterrei.

O Castelo de Pambre foi un dos poucos que non foron destruídos polos irmandiños, e salvouse grazas á astucia de Sancho Sánchez de Ulloa que tratou de falar cos sublevados nunha histórica reunión en Melide e que, ante as esixencias de que entregase o castelo, e temendo pola súa vida, decide fuxir, polo  que salva así a vida e o castelo, que foi respectado polos irmandiños.

Alberto Núñez Feijóo visita o castelo de Tambre, recentemente rehabilitado / xunta.gal

Alberto Núñez Feijóo visita o castelo de Tambre, recentemente rehabilitado / xunta.gal

Recuperación

E toda esta historia que atesoura Pambre acaba de poñerse en valor logo de anos de abandono. En 2011 pasou a mans da Xunta que iniciou un ambicioso proxecto de rehabilitación. Ademais da restauración dos muros do recinto fortificado, o traballo dos arqueólogos permitiu coñecer elementos da fortaleza como o alxibe ou varias tumbas anexas á capela máis antiga que o castelo. Tamén se recuperou a calzada de pedra que levaba á entrada principal e se rehabilitou a zona residencial.

Ademais, inagurouse un Centro de interpretación que ofrece unha proxección multimedia, ilustra a importancia histórica deste edificio, ofrece un percorrido pola Idade Media en Galicia e repasa as vicisitudes polas que pasou o castelo.

Visita de Feijóo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse, precisamente este luns, á recuperación do Castelo de Pambre como unha “obra patrimonio de todos os galegos” que contribuirá a engrandecer os Camiños de Santiago.

Durante unha visita ao castelo, Feijóo lembrou que a Xunta mercou en 2011 esta torre, coa finalidade de non deixar esmorecer un elemento tan importante do patrimonio da comunidade, e que iniciou un ambicioso proxecto de rehabilitación.

Nese obxectivo de reforzar o potencial do Camiño, o presidente da Xunta referiuse a outras intervencións como a rehabilitación e acondicionamento do pazo de Xelmírez, na compostelá praza do Obradoiro; á transformación do antigo asilo da rúa Carretas nun Centro internacional de acollida ao peregrino, tamén na capital galega; á rehabilitación da Casa Pasarín, na zona histórica da Fonsagrada; e á rehabilitación do Castelo de Monterrei.

Pode que che interese...