fbpx
Igrexa do Mosteiro de Santa María de Melón / Galipedia
Igrexa do Mosteiro de Santa María de Melón / Galipedia

O mosteiro que vendeu o carro de pedra a unha peseta recuperará un dos seus claustros góticos

Tempo de lectura: 2 min.

Ruínas dun dos claustros do Mosteiro de Melón / Galipedia

Era unha vez un fermoso mosteiro oculto entre os montes que dividen as provincias de Pontevedra e Ourense. Un mosteiro de estilo románico, pertencente á Orde do Císter e fundado en 1158. Chegou a ser tan rico que tiña posesións no Porriño, Vigo, Redondela e ata no Morrazo e viñas ao pe do río Avia. Pero como aconteceu con outros grandes monumentos, tamén este acabou na ruína.

Ese mosteiro do que falamos é o de Melón, que estivo habitado ata 1835, cando tivo lugar a desamortización de Mendizábal. A partir de entón comezou o seu abandono e o seu espolio. Ante o seu estado, o bispo de Tui decidiu pechar cunha fachada a parte que quedaba e sacar algo de rendemento do que aínda se mantiña en pé. Así que boa parte da pedra foi vendida para a construción do templo da Cañiza a un prezo de peseta por carro.

O conxunto foi declarado Monumento Histórico-Artístico en 1931. Do antigo muro do mosteiro consérvanse hoxe soamente parte da cerca e a portada de traza semicircular. As restantes dependencias quedaron reducidas ás ruínas de dous claustros: o das procesións (S. XVI), con bóveda estrelada e arcos semicirculares e outro, o da hospedaxe.

Elementos arquitectónicos duns dos claustros do Mosteiro de Melón / Galipedia

Restauración

Precisamente, un destes claustros será agora restaurado. O Ministerio de Fomento licitou, segundo publica o Boletín Oficial do Estado (BOE), as obras do claustro da hospedaría do mosteiro de Santa María de Melón (Ourense), na súa fase 1. Os traballos iniciaranse no segundo semestre de 2017 e prevese un prazo de execución de 30 meses. O importe total ascende a uns 1,78 millóns de euros, que financia integramente Fomento dentro do programa de rehabilitación arquitectónica.

O proxecto enmárcase no plan director do monumento, encargado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Segundo explica o ministerio, propúxose a súa rehabilitación como hospedaría. Así, nesta primeira fase abordarase a rehabilitación: en planta baixa, alta e cuberta das ás norte e oeste do claustro da hospedaría; da porta exterior de acceso ao atrio do mosteiro, e a recuperación e restauración do pavimento do citado claustro.

 

Pode que che interese...